María Lado



 

 

 

 

 

 

Nomeada por:
Manuel Forcadela
Eduardo Estévez
Yolanda Castaño
Rosa Enríquez
Silvia Penas
Ramiro Torres
Celia Parra
X. H. Rivadulla Corcón
Rosalía Fernández Rial
María Reimóndez Meilán
Eva Méndez do Roxo

Nomea a:
Lucía Aldao
Gonzalo Hermo
Eduardo Estévez
David Creus
Estevo Creus
Celso Fernández Sanmartín

Bio-bibliografía:
Escritora formada en filoloxía galega e produción audiovisual. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte. A súa actividade literaria, ademais da poesía publicada e algúns relatos en edicións colectivas, céntrase en recitais e outros modos de acción poética pública. Ademais da súa obra individual, textos seus foron incluídos en diversas antoloxías. Algúns dos seus textos foron traducidos e publicados en castelán, portugués, catalán, ruso, irlandés e inglés. Outros aparecen en discos. É guionista da radionovela Novembro, emitida pola Radio Galega no 2006.
Obra poética: A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (2002), berlín (2005), berlín(audiolibro, 2007), nove (2008), amantes (2011).

Na rede:
Na Asociación de Escritores en Lingua Galega
Na Biblioteca Virtual Galega
Na Galipedia
Caderno persoal

Poética:

autopoétiva vs.1.0

Así é que desexas saber como se fan os poemas? Curioso pequeno que cada vez te fas máis grande. Os poemas son fráxiles e difíciles de coller coma os chopos listos e un ten que sentar á beira do peirao e pasar varias noites observando os movementos das mareas e as costumes dos bancos. E un día, ben disposto, agarrar a cana fortemente entre as mans, pero deixando a seda ceibe bailar as correntes e afanarse en seguilos a donde queiran eles ir e traelos a onde ti queres que vaian. E despois ás veces pican e tiran forte do cebo e arrástranche debaixo das augas. E alí xa cada quen ten a súa sorte. Hai máis infinitas mil e mil leguas submarinas. E alí o reflexo do mundo sobre as augas é tan verdadeiro coma o mundo. Pero outros non. Outros son coma as robalizas que se buscan nos cantís e rompen coma o mar con tanta furia.

Poemas:

                                                           para o sindicato de tirados   pódese?

antollóuseme un tostador de pan
quero un obxecto que nos recorde
que vaia amarelando con nós
como a natacha   así que collo rebandas do pan de onte
que me dixo miña avoa que se fai así
e téñoche as tostas listas para cando te ergas

¿e se te vas
ou mercas un coche?
e se te vas ou mercas un coche
eu sigo facéndoche tostas todas as mañáns
e énchoas de bicos e de natacha
e pégochas nos retrovisores
fíxenllo unha vez ao cura   por berrarme
porque eu era así de baixiña
e non lle chegaba á auga bendita
e o cura pagounas coa nai de meu pai e
meu pai rogoulle cunhas hostias ó cura
e botáronnos da igrexa   de toda

así que se te vas   ou mercas un coche
mellor leva contigo o tostador de pan

De casa atlántica, casa cabaret, Edicións Xerais de Galicia (2001)

 

 

cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe
e cáelle o naris
por iso non lle gusta ir á lavadora
nin que mamá o colgue a secar polas orellas
ademáis
bótame de menos durante o centrifugado
e eu a el    ¿e se lle doe?
as orellas   ¿e se lle doen as orellas das pinzas?
ou estar só tanto tempo na trandeira
e eu a el sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe
así que o meto húmido debaixo das sabas
e apértoo
para que non chore máis que eu sexa xa grande
que me gusta porque sei que me quere pequeno
como só poden querer os osiños os nenos
que lle perdoan ata a dor das pinzas
como sei que ti e eu nos queremos

Da serie de poemas de casa atlántica, casa cabaret pero inédito.

 

 

este será o teu libro para que ti nunca o saibas.
eu inventarei por iso a cidade,
os lugares ocultos, os istio secretos.
crearei o aroma das camelias,
as cancións dos músico ambulantes,
a herba fresca baixo os teus pés…
eu crearei este lugar para un amor que nunca morra,
meu pequeño de ollos máxicos,
e a ti tamén.
e só se amarras un globo vermello á miña man
e xuras que será o can que camiñe ao noso lado,
que será chespir, coas súa patiñas de goma levitando sobre o chan,
se o fas, se mo xuras,
entón creareiche a ti tamén
para que habites no meu colo para sempre,
meu pequeño berlín.
ese será o teu nome, porque terás un ollo de cada cor
como a cidade.
e este será o teu libro,
para que ti nunca o saibas.

De berlín, Editorial Compostela, (2005)

 

 

inventei bonaval e a nosa cama
estaba chea de flores,
así
claro que non tiña medo dos nichos
e agradecía que anoitecese entre os teus brazos
e as estrelas co seu canto de grilos.

quería dicirche:
delicioso
é como se escribe
o teu nome baixo as árbores

De berlín, Editorial Compostela, (2005)

 

 

no cabo máis occidental da costa
rompen as mareas de máis encher
e a illa

é a penas unha pedra na que morde o mar.
hai que fixarse moito porque ata a paisaxe é enganosa, xira
leva ese aire lento de balea.
e vai desaparecendo debaixo das ondas.
na illa sábeno e chaman a esta rexión mínima
novembro
porque é cruel coma un amante.
saben que os cormoráns vixían aos homes.
intentan evitar que fuxan envoltos nas mortallas dos ausentes.
e amárranos á terra con cordas que non se ven.
a marea sofre. e desfaise en espuma por dar con elas.
e danlle ese nome por iso.
porque aquí é onde veñen parar os cargueiros que engule o mar.
e os fardos arrastrados co seu peso de mortos.
chegan ata as furnas onde se esconden os mellores percebes
e aniñan entre eles.
alí agardan polos dedos cegos dos homes.
cóllenos polas mans para que o mar os aperte.
todos na illa o saben.
novembro é o lugar onde o mar desexa a carne.
sabe os nosos nomes íntimos
e é por iso que os percebes enganan con voces de serea.

de nove, Edicións Fervenza (2009)

 

 

                                    ulises

es bo navegante, ulises, sabes ler
as señas da enchente na area,
calculas os seus efectos
predís os perigos e a fondura do mar,
intúes que se salga a miña boca,
e coñeces traxectoria e resultado
das palabras emboteladas que me envias
pero sobre todo,
non temes.
poderías caer preso no ventre do oceáno
e aínda así…
quedemos nun porto que coñezas, solicitas
pois recito ao pé da túa casa, nun garito
e aínda así, sendo eu explícita
e nada penélope
ou tal vez por iso
acodes á cita
brindemos, propós, celebremos
que por fin nos encontramos
que despois de tanta rede e ensaio do cerco
podemos deitarnos nos ollos do outro
pero fálame, fermoso ulises,
porque me deleita ver os teus beizos movérense,
retíranse e volven. e eu,
creme que de verdade te escoito,
póñoos na miña boca, mólloos coa lingua
co pensamento
doulles trabadas pequenas para atraelos
ás miñas costas
e todo iso imaxino mentres me contas
desexaba por fin coñecerte, rematas
pero se xa me coñeces, quero dicirche
se vés de continuo á ardora do meu ventre
se mil veces cabalgaches temporais sobre os meus dedos
e eu mesma
con estas mans que sobrevoan o desexo,
enredei ás crebas nas voltas do teu cabelo
este que agora, por vez primeira
e por acaso,
cae sobre a miña meixela, porque me contas
algo moi de preto
e neste afogar de xente
temos que xuntarnos
temos que xuntarnos moito
para entendernos
pero se xa me coñeces, acerto a pronunciar á porta deses beizos
mil veces fomos xinetes do correo
pero esas últimas vogais
caen xa sobre a lingua túa.

es bo mariñeiro, ulises
non temes a resaca nin o temporal
sabes que se son nave
é para ir bater contra ti
para que me arrastres polo van
na marea do teu abrazo.

De Amantes, Edicións Caldeirón (2011)

 

 

          o inexperto

que ben sabes, amor novo,
os teus bicos son mazás do inverno,
nacidas para gardar entre a roupa
á calor da lencería
debaixo da saia
e eu devezo
por levar o teu arrecendo nas costuras

De Amantes, Edicións Caldeirón (2011)

 

 

para o océano
ti eras só un neno de fanequeiras vermellas que  a area enterraba,
un brazo fortemente prendido da miña saia morada

teño medo dos bichos, mami, dos bichiños do mar
e con forza de xigante collíaste da tea.
só así deixabas que o mar che lambese, sen avanzar, as pernas,
cravados ti e eu fronte a liña pola que a tarde escapaba.
mollándose o rodo da saia coas puntas do mar

ti
… acordaste diso? eras só un neno

ao abrigo do monte de mallou
os dous éramos pequeniños, coma as caramuxas, no areal deitado
un dedo de brisa percorrendo as nosas costas
peiteando as herbas de namorar no lombo da praia

e esas outras prantas, mami, esas que son rabiños de coello
son, si. son.
e cando se moven así é porque os coellos están contentos
están, si, están

lémbralo? eu escribira fronte ao mar

estás aquí neste poema, ves?
e mamá tamén
e o mar
e os bichiños do mar?
tamén, e os rabiños de coello

todos aquí dentro deste poema, nesta botella, aquí metidos construíndo un recordo deste día

bótala ao mar, meu amor?

pero calabas, agarrado á saia que a brisa preñaba.
e a onde iremos?
a onde o mar nos leve
e habemos de volver
non sabemos
e ti estarás comigo?
ata o último verso.

dende a ribeira vímola marchar. ti e máis eu, do outro lado do poema,

acórdache?

(poema perdido nunha botella)
inédito (2009)

Son e vídeo da autora:
Canal de mariademallou