Alberto Lema

 

Nomeado por:

María do Cebreiro

Gonzalo Hermo

Alba Méndez

Nomea a:

Oriana Méndez

Gonzalo Hermo

Fran Cortegoso

Elvira Ribeiro Tobío

Xabier Xil

Claudio Pato

Iago Castro

Silvia Penas

Alicia Fernández

Baldo Ramos

 

Bio-bibliografía:

Alberto Lema naceu en Bamiro, no concello de Vimianzo, en 1975. Publicou o libro de poemas Plan de fuga, e as novelas Unha puta percorre Europa, Sidecar e Da Máquina.

 

Poética:

PODE A POESÍA CAMBIAR O MUNDO?

Ti aínda non sabes o intertextual e metaliterario que podo chegar a ser, forasteiro.

 

Poemas:

As mortes pequenas (Plan de fuga)

Non che valerá de nada
agardar unha hora máis,
pedir outra copa,
fumar un último cigarro,
non entrará por esa porta quen ti sabes.
O vento vai confundindo as marcas
que deixas para orientarte
e a noite pasada percorriches en balde
todos os bares desta cidade,
porque non hai ninguén contigo
no teu labirinto, Señor López,
moitas veces os amantes
non chegan a toparse nunca.
Cumprías dezaoito aquela noite, non?
vestida case completamente de negro,
e da muller-muller que aínda non eras,
quixen mirarte como se non importase
como se puidese deixar de facelo
en calquera momento.
Na Rúa Esmirna ofrecen os corpos
travestís tracios,
ninfas de Moscova,
bacantes de Tiro,
mulatas dominicanas.
E penso en calquera cousa
por non pensar en ti,
como se fose posible,
como se houbese,
unha vida sen ti despois de ti,
e dime entón que se lle pode facer,
que remedio para este nó
que se aperta a cada paso,
22que país habitable máis alá
do lugar onde acaba o teu nome.
E que non fose capaz de dicirche,
que non fose capaz de vencer o medo,
e mirar agora este corpo
que aínda non naceu,
que non delata máis que os anos
pasados matando a espera
con xantares excesivos,
porque a covardía tamén deixou
as súas marcas no corpo
no sono que non chega,
e no mal alento de todas as palabras
sen dicir podrecendo no cuspe.
– Como te chamas?
– Jéssica.
– De onde es?
– De Tebas.
Hotel Parthenos
cincuenta denarios a noite.
E despois de media hora
son dous corpos que se retiran
en silencio e sen mirar atrás
coma os cómplices dun asasinato.

 

A Morte dun Burócrata (Plan de fuga)
O solpor estrícase sobre o mar
como unha amante despois do amor
mentres os turistas en parellas
se esforzan en conmoverse.
Pensei que aprendera a esquecerte
como aprendín a non crer nos milagres
ou a saber que aínda que o pareza
a muller do cadro non me está mirando.
De que me serviron se non
todos estes anos de luns
que van dar ao domingo
que es el morir, e longas noites
sen sono e sen desexo, se unha tarde
descobres unha vella carta e te preguntas
que tería pasado aínda que saibas
de sobra a resposta. Entón,
decides vir á beira do mar
e es capaz de vencer o medo
mentres pensas nos amores
que non comezaron,
e no entanto doen

 

Sen título (Plan de fuga)
Ves como non era tan difícil?
só hai que esforzarse un pouco
en deixarse levar, e xa verás
qué ben te apañas neste novo
Único Mundo Posible,
porque o show debe continuar,
compañeiros, e hai un papel
reservado para ti con dúas frases
e un mutis elegante