Ledicia Costas

 

Nomeada por:

Xosé Daniel Costas

Isaac Xubín

Nomea a:

Daniel Landesa

Xabier Xil Xardón

Lucía Aldao

Isaac Xubín

 

Bio-bibliografía:

Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer.

Escribo desde que teño memoria. Poesía, relato, novela, palabras, palabras, palabras.  En plena adolescencia parín Unha estrela no vento. Logo viñeron outros textos, poemas e loucuras.

Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia.

A día de hoxe formo parte da directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.

-PUBLICACIÓNS:

  • Unha estrela no vento (10ª edición). Novela. Edicións Xerais.

  • Xardín de Inverno. Poesía. Everest Galicia.

  • Mortos de Ningures. Novela. Everest Galicia. (Pereledi)

  • Desaparizión. Novela. Everest Galicia. Traducida ao catalán pola Editorial Cadí. (Pereledi)

  • Letras de Xeo. Novela. Everest Galicia. (Pereledi)

  • Narradoras. Narrativa. Edicións Xerais.

  • Isto é un poema e hai xente detrás.Poesía. Espiral Maior en colaboración coa Xunta de Galicia. Premiados no certame GZ Crea.

  • Premios Universidade de Vigo 2007. Poesía.Edicións Xerais.

  • Premios Universidade de Vigo 2010. Relato. Edicións Xerais.

  • Dorna, expresión poética galega.

  • Festa da palabra. Figa (Feministas Independentes Galegas).

  • Letras Novas. Asociación de Escritores en Lingua Galega.

  • Pel con Pel. Poesía. Editorial Galaxia.

  • Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís. Poesía. A Nave das Ideas.

 

Poética:

Aquela obsesión naceu nos noventa. Un verso por cada mal paso. Un poema por cada ferida. Vendas de palabras para amortecer as caídas ao baleiro. Poesía calmante.

Anos despois, os acantilados rebordaban cadernos escritos a man. Imaxes dunha biografía marxinal escalando as paredes con patas de animal ferido. E alumeando toda a escuridade, a luz ámbar de toda a poesía.

 

Na rede:

O Facebook da autora

O Twitter da autora

 

Poemas:

o meu pai levábame á seca

 

a min molestábame ter os pés brandos

e non poder camiñar descalza

por riba das penas

 

coma el,

que arrastraba as bolsas de chuvia

 

tiña os talóns perforados

e dos buratos saían cordas

que pesaban toneladas

 

gustábame anicarme

sobre as bolsas de chuvia

como un peso morto

e deixarme levar por el

ata os escondedoiros do marisco

 

meter a cabeza nas pozas

para arruinar o letargo dos peixes

e determe fascinada

na transparencia das medusas

 

(se tivese o don da urticaria

o meu barrio sería unha bocha)

 

co arneirón cravado no ventre

papá deslizábase,

porque no fondo era un home-peixe

desterrado do río

 

o día que descubrín

que lle estaba a medrar

unha xiba no lombo

souben que de vivir no mar,

o meu nome sería navalla

 

(De Xardín de Inverno. Everest 2012)

 

 

no 1986 tivemos que cavar unha tumba

para que nacera a nena azul

 

daquela eu aínda pensaba

que para que viñese unha

era necesario que marchara outra;

como un intercambio de humanas

que pasan dun mundo a outro

 

co sol batendo na figueira

dilatáronsenos as barrigas,

as das avoas por inercia

e a miña por imitación

 

alá polo mes de xullo,

azul abriu a boca para berrar

nun hospital de camas grandes

 

pero en lugar da voz

saíulle de dentro unha perla

con forma de estrela mariña

 

(De Xardín de Inverno. Everest 2012)

 

 

sempre quixen volver a 1990

para poñer a barriga ao aire

e pegarlles antenas aos insectos

 

no 1990

non existe o mal tempo

 

hai un sol que loita

e un invernadoiro grande

no que as mandrágoras

aprenderon a cantar

porque non aturan tanto berro

 

a min pásame igual:

adoro ás señoras que

camiñan en voz baixa

e a roupa silenciosa das trandeiras

porque cheira a auga de colonia

 

viaxar no tempo é esquecer

e escribir poesía

para non morrer de frío

 

(De Xardín de Inverno. Everest 2012)