Xiana Arias Rego

 

Nomeada por:

María do Cebreiro

Manuel Darriba

Rosa Enríquez

Gonzalo Hermo

Andrea Nunes Brións

Silvia Penas

Celia Parra

Alba Méndez

Nomea a:

Manuel Darriba

María do Cebreiro

Gonzalo Hermo

O Leo

Oriana Méndez

Chus Pato

Claudio Pato

Ana Romaní

Daniel Salgado

Samuel Solleiro

 

Bio-bibliografía:

Xiana Arias Rego naceu na Fonsagrada en 1983. Publicou os libros de poemas Ortigas (Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, Espiral maior, 2007) e Acusación (Galaxia, 2009). Participou das publicacións colectivas do Cineclube de Compostela Pirata, e Non conciliados (poden descargarse en cineclubedecompostela.blogaliza.org), no libro do XXII Festival da Poesía do Condado, e en Asalto(fundacionrobo.org/asalto)

 

Poética:

Unha quere explicarse ou darlle un calmante ao nó do estómago e busca amarre nun poema como Nada de Delikatessen de Ingeborg Bachmann, na ilusión da cara daquela rapaza que un día leu por vez primeira a Adrienne Rich, na escrita da rabia d´As amantes de Elfriede Jelinek, no humor negro da curta Saute ma ville de Chantal Akerman, nas palabras precisas d´O gran caderno de Agota Kristof, na inocencia rota d´A voda de Carson McCullers, nunha banda de rapazas en Foxfire de Carol Joyce Oates, nos conxuros das W.I.T.C.H…

 

Na rede:

cineclube de compostela

CNT Galiza

 

Poemas:

 

Nos furados da pedra, nos ollos do peixe, no espertador da mesa de noite.

Cando non estou saen de debaixo do sofá pequeñas lauras

e deambulan pola alfombra coma se fose un centro comercial.

Non tendo onde caer cando están desesperadas cófanse unhas ás outras.

Pelexan, cóspense.

Pouco a pouco tapan o sol, son coma militares disfrazados.

 

(de Ortigas, Espiral Maior, 2007)

 

Recoñezome na dor.

Non foi fácil ir ás festas.

Á volta pasábamos días

e noites enteiras atadas

ás patas da cama.

 

Non eramos lobas

pero tiñamos fame.

 

(de Acusación, Galaxia 2009)

 

Entrei na primeira casa.

Abrín o gas.

Puxen a tixola ao lume.

 

Non puiden saber

ata o segundo antes

se sería quen

de meter a man

no aceite ardendo.

 

Volveu aquel soño

de meter os dedos nos ollos

e berrar coma unha vaca.

 

(de Acusación, Galaxia, 2009)

 

Calquera cousa converte a unha

noutra. Era ese o grande milagre.

Boto fume.

Aquí a man. Martelo.

O Pueblo. Non hai papel.

Se estuveses…

No sofá pola tarde,

ás tres da mañá na cama,

Conducindo…

 

Porque

 

todas as puntadas

unha por unha

fan e desfán

e metida para dentro

a nova

volve ao teatro da vella.

 

No sofá pola tarde

as dúas

fan un cigarro.

Buscan no bolso.

Non atopan o chisqueiro.

Miran na chaqueta.

Miran na cociña.

Miran na habitación.

Miran no baño.

Volven á sala

rebuscan no bolso

atopan o chisqueiro

e

botan fume.

 

Asomadas á fiestra

se se esforzan un pouco

se estiran e erguen a cabeza

parecerá que a chimenea

está acesa.

 

(Inédito, recitado na Festa da Cultura Proletaria da C.U.T. en Cangas en 2011 e nunha noite de lecturas colectivas na Casa do Vento en Compostela en 2012)

 

Son e vídeo da autora:

Lectura de varios textos do poemario Acusación (1ª parte)

Lectura de varios textos do poemario Acusación (2ª parte)