Modesto Fraga Moure

 

Nomeado por:

Helena Villar Janeiro

Xavier Seoane

Ramiro Torres

 

Nomea a:

Xavier Seoane

Rafa Villar

Xesús Rábade Paredes

Olga Novo

Manuel Álvarez Torneiro

Román Raña

Alexandre Nerium

Alba Cid Fernández

Pilar Pallarés

Carlos Quiroga

 

Bio-bibliografía:

Modesto Fraga Moure (Fisterra, 1974). Realizou estudos de Filoloxía Galega na USC.  Dende as súas orixes formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras de Cal. Membro da AELG e do PEN Clube de Galicia, a súa obra foi galardoada cos premios “Avelina Valladares”, “Francisco Añón”, “Rosalía de Castro” e “Fernández del Riego” entre outros.

Coordenador, con Miro Villar, da antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (2009), poemas da súa autoría aparecen en volumes como Mar por medio (1998),  25 anos de poesía galega (1975-2000), Das sonorosas cordas (2005), Poetas e narradores nas súas voces (2006), Los lugares del verso (2005) ou Veinte puntos de fuga (Poesía Gallega contemporánea, 2011).

 

OBRA POÉTICA:

 

Do amor salgado (1997)

De mar e vento (1997-coautor)

Mar de ausencias (2000)

Ese estraño silencio (2002)

Derrotas con raíces (2007)

Mar de ausencias (edición ampliada, 2009)

 

ANTOLOXÍAS:

 

Nós (Batallón Literario da Costa da Morte, 1997)

A poesía é o gran milagre do mundo (2001).

Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003).

Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003).

Poemas e mar de fondo (2004)

Por man propia (2005).

Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. II) (2006).

Marcos Valcárcel.O valor da xenerosidade (2009).

Erato bajo la piel del deseo (2010).

Tamén navegar (2011).

A cidade na poesía galega do século XXI (2012).

 

Poética:

 

Fe de vida

“Da dor que non cesa”

 

Segundo consta nos arquivos do consistorio máis occidental de Europa – ou iso afirman algúns xeógrafos- todo indica que este come de balde, bichocoma e sarracán abriu o ollos por primeira vez unha tardiña de febreiro das vésperas da morte do vello ditador. E velaí que o alumbramento, como todo na vida, segundo as crónicas vox populi; aquelas que cadaquén reescribe en función de cómo lle foi na feira, acabou por se converter nunha grande festa na parte paterno filial, no entanto que supoñemos que para maldicir (e ben que se comprende) no delicado e primeirizo útero maternal. Pensemos nas contraccións, no proceso dilatador que non chega, nos músculos aterecidos polo medo á loita inevitable do enfrontamento a vida ou morte cun caprichoso e fodido fillo do “cala muller que eu controlo”, todo el amoratado, todo el sen alento e cheíño de extremidades. Pensemos no líquido vermellón esvarando sixiloso polas coxas coma unha serpe ao asexo , na humillación das paredes ecoando unha e outra vez os mesmos berros, no peito que semella rebentar coma se todo o osixeno quixera de pronto saír polos ollos. Imaxinemos agora que a toda esa grotesca dimensión inhumana –seica bioloxicamente natural- lle engadimos os oportunos efectos colaterais. Pensemos, poñamos por caso, no pranto dos avós, nos nervios a flor de pel de tía Cándida e en toda esa chusma familiar pedindo cortados e licor café.

 

“Das medicións acústicas”

 

Segundo lembran os arquivos memoristico-veciñais o parto foi, se o comparamos cos niveis de abertura do Turandot de Puccini, extremadamente complicado. Don Ramón Domínguez Calvo, músico de profesión e coñecido na vila co alcume de “O Micho”, chegou a asegurar naquela altura que os índices acústicos de grito rexistrados nas cordas farínxeas da primípara superaban con moito as 25 millas (46 km.) que os técnicos portuarios lle atribúen de potencial sonoro á centenaria Vaca Fisterrá. Velaí que dende aquela ninguén ousou pór en cuestión o liderado pulmonar do instrumento creado por Ángel García del Hoyo en 1883. Das medicións acústicas, digo.

 

“Do terruño natalicio”

 

Segundo figura na rota toponímica municipal, vulgarmente chamada callejero (imaxino que polo seu étimo castelán, tan desafortunado e pexorativo), a expulsión do edén matricial debeuse producir un pouquiño máis arriba do “Cabo da Vila”, concretamente e para ser máis exactos, entre as palaxas de madreselva do “Montarón” e as saborosas caramuxas do “Almacén”. Isto lévanos á conclusión de que, se ben non podemos afirmar con rotundidade que o meniño veu ó mundo cun pan debaixo do brazo, si cómpre recoñecer que, a falta de chuletóns, as caramuxas, bois de polbo e chuchameis non son, en absoluto, pratos de mal gusto. Por certo, esquecíame das lapas que, non por duras, desmerecen.

 

“Do demo no corpo”

 

Segundo lle teño oído en máis dunha ocasión á miña tía Cándida ( a dos nervios a flor de pel, efectivamente) a miña infancia debeu ser tan vertixinosa que nin o máis emocionante dos capítulos de “Falcon Crest”. Todos os días, ao chegar da escola, raro era que alguén, ben fose de Mallas, San Martiño, Escaselas ou Naval Vello, non sufrise algunha das miñas trastadas. Á diferenza dos bos modais que a meirande parte dos meus curmáns adoitaban amosar nas habituais reunións do domingo, no meu caso, e non por falta de malleiras- que algunha que outra tamén me ten tocado- , o problema de fondo era simplemente paranormal: “Este rapás ten o demo no corpo”. Lembro aquela frase coma quen lembra o bolo do pote fervendo no caldo. De todas as expresións, aquela era, sen dúbida, a máis repetida e xenerosa para se referir a min. E, a dicir verdade, razón non lles faltaba.

 

“Dos poemas e os amigos”

 

Segundo afirman algúns amigos –imaxino que por aquilo de subirnos a autoestima- os que nos dedicamos á creación conseguimos, de cando en vez e como por arte de maxia, escribir un ou dous magníficos poemas que seica serven para algo e que aportan non sei cantas cousas e ideas ao egrexio corpus literario da escrita na nosa lingua. Mais como queira que rara vez un escribe un bo poema ou, no mellor dos casos, aporta unha idea interesante, acabo asumindo que, ou ben os amigos opositan a mentireiros profesionais, curiosa carreira pero sumamente lexítima e de prometedor futuro, ou é que len bastante menos do que errónea e ilusoriamente se pensa. Hoxe, sen ir máis lonxe, recibín unha sorprendente chamada. Despois de máis de dúas horas de rodeos para chegar ás orixes da encomenda e logo de que ao meu teléfono móbil se lle esgotase a batería, o meu amigo aproveitou para felicitarme polos poemas do meu suposto novo libro. “Son unha pasada, machiño. O teu novo libro é do melloriño que escribiches”, sentenciou. Fiquei atónito, incrédulo. Nunca tal cousa me sucedera. A vindeira semana cúmprense cinco anos da publicación do meu “novo” libro de versos.

 

Modesto Fraga, decembro de 2006

 

Na rede:

O autor na AELG

O autor na BVG

O Facebook do autor

En enfocarte

O autor na Galipedia

 

Poemas:

AQUEL VERÁN DIXECHES QUE ME AMABAS.
Non era amor, mais ti falabas delo.
Falábasme do amor do noso selo
e que era a min soamente a quen buscabas.

 

Aquel verán dixeches que me amabas,
que ansiabas de entre o amor o máis sinxelo:
percorrer cos teus beizos o meu pelo
e tocarme coma só ti me tocabas.

Aquel verán dixeches que me amabas,
que non tiveras antes quen te amara
nin quen te amara tanto ti tiveras.

Aquel verán dixeches que me amabas.
Dixeches que deixándome perderas
o día en que pra sempre te marchabas.

( Do amor salgado, 1997)

 

 

DEIXA que te imaxine neste inverno de rosas
e harmonía. De aromáticas horas
devalando nos pregos do teu corpo,
na cálida ambrosía do teu sexo:
esa doce nudez inusitada
que invita a posuírte a cada intre.
A percorrerte despacio
na lentura das noites, na certeza do clímax.
Trazando un cadro abstracto de versos e saliva.
E nomearte logo, sen pronunciar palabra,
convocando o silencio,
impregnados de pole e de loucura longa,
amándonos nun gozo indescritible
neste inverno de rosas e harmonía.

( Ese estraño silencio, 2002)

 

 

TEMPUS FUGIT

Esta noite
de mornos aires alisios

as parellas ignoran
o deserto
e cóllense das mans

estraño ritual aquel

movementos de area
e tenrura
que só abandonan
nos pasos que levan a unha nova caricia

son a envexa da frustración,
dos amantes desamados
da octoxenaria memoria,
do tren que se foi
dos asubíos do albanel,
dos poetas.

(2)

Pero nada cambia
todo fica
no mesmo lugar
atemporal, inamovible

son as mesmas paisaxes,
os mesmos silencios
as mesmas ondas

xa non hai parellas
enlazadas pola rúa
nin estraños rituais
nin frustracións perversas,
nin poetas

porque nada cambia
agás os ollos
con que se ve
o tempo

( Derrotas con raíces, 2007)

 

 

SOLSTICIO DE INVERNO

Existes porque habitas
a distancia que nos une co tempo.

Polo solsticio último
que nos ensinou a amar
na soidade de sentírmonos xuntos.

Pola paixón dos corpos
extasiados na experiencia prohibida.

Polas palabras ditas
perante o propio oído
da distancia que nos une, amada.

Existes porque agardas
novos outonos para volver a amar
e sentírmo-lo sangue
da paixón desenfreada
latexando novamente, meu amor.

E na feliz distancia
que prendeu a unión dos nosos corpos,
lembrareime, amada,
que no solsticio último de inverno
existo por que sei que existes.

( Do amor salgado, 1997)

 

 

A TANTO AMOR

non chega
o meu abrazo

os meus dedos
naufragan
por te ofrecer o mundo

se acaso unha palabra
fose quen
de tocarte

de aloumiñarte
os beizos
con tenrura
infinita

( Ese estraño silencio, 2002)

 

PUNTA ARNELA

[lN: 42º 56, 68/ LW: 009º 17, 27]

 

Lento bruar

as ondas asolagan a memoria

e descenden lentas

no aturuxo da tarde

 

Un acerbo ronsel

de escuma

coita a brisa

 

E só o silencio

-temeridade nosa-

é un devalar errante

onde se perde o norte

e o naufraxio

existe

(Mar de ausencias, 2009)

 

CABO DA NAVE

 

Mentiron as balizas

e o mar tornouse un cadaleito negro.

Arrombar aparellos

para que?

 

Tamén en terra firme

hai sórdidas palaxas

nas que cómpre largar

 

apurar cada lance

e descargar as caixas de peixe abaratado:

que nin a chona cubre para gastos.

( Mar de ausencias, 2009)

 

Son e vídeo do autor:

Vídeo 1

Vídeo 2

Vídeo 3