Verónica Martínez Delgado


 
Nomeada por:
Miguel Ángel Alonso Diz
Alberte Momán
Rosa Enríquez
Ramiro Torres
Xavier Frías Conde
 
Nomea a:
Olga Novo
Marta Dacosta
Begoña Paz
Rafa Villar
Paco Souto
Alberte Ferreiro
Xoán Abeleira
Mario Regueira
Igor Lugrís
Celso Fernández Sanmartín
 
Bio-bibliografía:

Verónica Martínez Delgado, de 1976, natural da Frouxeira (Valdoviño), praia de fortes mareas e infinita marca. Estudou Historia da Arte na USC.

Autora de diversos poemarios premiados, publicou, como poeta e narradora: Desterrada do meu corpo, Deshabitada e sen verdugo, Cara a un solpor de gatos, O ladrón de almas; en obras colectivas: Isto é un poema e hai xente detrás, En defensa do Poleiro, A voz de escritores galegos en Celanova, Somni de paper, Catro Contos, Sempre Mar, A cidade na poesía galega do século XXI, como ensaísta: X.M Tomé, Breves notas sobre a historia da arte aplicadas á intervención sociocomunitaria, I Encontro Internacional de Arte e Natureza, A intervención didáctica nos DEAC; alén de participar en libros de carácter colectivo, en numerosas publicacións periódicas, en multitude de recitais, conferencias, sempre relacionados coa poesía e a literatura galegas.

 
Poética:

Não sou um intelectual, escrevo com o corpo.

Clarice Lispector.

O que escribo é ante todo sincero.

Falo de mundos oníricos, ferintes e cotiáns.

Adoita tratarse dunha poesía sensorial, emotiva, chea de imaxes, a arte e a natureza son referencias constantes na voz que fala, e de paisaxes vividas e de saliva. Sempre hai un momento, para as obsesións, para a liberdade, para a beleza, para o erotismo, para recordar con nostalxia o pasado e o futuro perdido. A emoción vólvese concepto no tacto.

É intenso o achegamento á esencia do visible, á mestura entre dor e pracer, á paixón sen medida ata acadar o desbordamento da escrita.

Normalmente escribo dun modo moi pouco profesional, cando xa non me resta outro modo de expresarme, e serve como catarse, como evolución ou involución pero cara adiante, mirando de fronte á luz, a luz devastadora desde a consciencia.

 
Poemas:

Afondo

coas mans

na terra

recoñecéndome

da estirpe

das mulleres

que pariron

 

en silencio,

 

de pé,

na corte,

sobre a herba seca.

 

Nados á volta

de cada marea.

 

Agora,

-tan só muller-

quen

de foder

enriba de todas as mesas,

sobre as alfombras,

contra o frigorífico,

na terraza…

como único xeito de comunicación

porque

 

o silencio

 

pobóao todo.

 

Mais erguereime

mañá

orgullosa e satisfeita

deste corpo de muller

que me cingue.

 Thorndike e nós

 

Abrín

a caixa de problemas

instintiva e inmediatamente

ao non sentir

o teu alento

na caluga.

 

Dende

o centro

da gaiola da musa

padecía

a liberación

de todos os teus gatos famélicos.

 
Son e vídeo do autor:
Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3

Alfonso Láuzara Martínez

 

 

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:
Alberte Momán
Miguel Ángel Alonso Diz

Nomea a:
Anxo Angueira
Elvira Ribeiro Tobío
Lucía Novas
Alberte Momán
Manolo Pipas
Miguel Ángel Alonso Diz
Rosa Enríquez
Xosé Daniel Costas Currás
Iolanda Aldrei
Ana Cibeira

Bio-bibliografía:
Alfonso Láuzara Martínez (Teis – Vigo, 1971)

Licenciado en Dereito. Escribe poesía e contos. Cofundador do colectivo poético galego “A Porta Verde do Sétimo Andar”, no que participou na publicación de varios libros colectivos de poesía: “Aporta verde do sétimo andar” (2007), “Sétimo andar, poesía alén” (2010) e “Pegadas” (2011); así como na posta en marcha en 2011 dos cadernos Q de Vián, outra iniciativa de A Porta Verde. Tamén participou noutras publicacións colectivas: “As voces do pan” (2009)e “A cidade na poesía galega do século XXI” (2012). Colaborou cos seus textos en traballos de fotografía de artistas portugueses: “Horizontalidades e verticalidades de Barroso” de Ana Luisa Pires Monteiro, e “Munditações” de Carlos Silva. Ten publicado tamén en varias revistas: Estación Central, Andar21, Atenea, Levure, Madrygal… Na actualidade case toda a súa actividade literaria está vinculada ao espazo colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. No ano 2013 publica “Noite~Día”, un libro de poesía erótica.

Poética:

Síntome océano… son atlántico… fico en praias de saudade! Amo en rompente! Ollo o roxo solpor na inmensidade do horizonte! A poesía máis que entendela, hai que sentila, e por iso pode xurdir en calquera espazo e chegar a calquera persoa. Na poesía como expresión humana vai o pensamento e o sentimento nunha trenza vital que medra na persoa comprometida, que sinte as ideas e pensa como sinte. A poesía xurde no individuo con vocación de ser compartida.

Na rede:
O Facebook do autor

Poemas:

OURO NEGRO

Chove por fóra, choro por dentro
ollos que foron azuis de ozono
ceos que agora son de cemento
grises, bágoas coma pedras
terróns de salxemas
no café deste tempo.

Homes que pasan no tempo detido
pola rúa tomada de rostros alleos,
choutan os pasos, distintos
todos quedan sen dono
no chan que recolle bágoas do ceo,
segue chovendo ácido diñeiro
pasa un felpudo pingando
que é un cadelo asustado
tamén sen ialma nin dono
e segue chovendo.

Ensimesmado deixo cae-la testa
na fonda escuridade do meu café
e vexo o arrepiante pozo negro
do Terceiro Mundo preto,
ouro negro para o G-7
(Rusia sería o oitavo pasaxeiro)
ouro negro para a canalla
unión europea e norteamericana.
Ouro negro. Maldito ouro negro.
Todos témo-lo nos beizos.

SENTENCIA

Encolliches,
es un monstriño tenro
que dá voltas nesta hora
no remuíño maino do meu café,
nese raro xirar de zurdo redireccionado.
Afogarás
terás unha morte doce,
no fundo agarda ese lodo,
un pouso derretido de azucre moreno.

CUMIOS, ARELAS

Declaro solemne nesta folla de area branca
e perante o parlamento caracolo de musas e sereas
que gasto cada noite pasamontañas no confort da almofada
para reiniciar expedición clandestina en edredoning
aos teus suaves cumios nevados de bico de estrela vermella
erguer no amencer o soño da matria arelada
e así chovan as mellores colleitas urbanas
na terra adentro nun val sen encoro.

A pena do Cabrón
no último salaio dun verán
resistindo, home non!
agochada nas saias de A Guía
no marco dun toro de piñeiro
agarda unha marea chea de rabia
que enchoupe de bágoas a historia
e as cinsas da memoria inacabada
i n a c a b a d a
en Teis agarda sempre!

MUSASINADA

Foi cousa de pechar e abrir os ollos
soterrar un soño nas olleiras á espreita
botar unha ollada cara dentro do alter-ego
mergullar naquela luz arrubiada de altericidio
onde fican os frustrados solpores sen horizonte,
foi a teima de perseguir musas nos corredores oníricos
seres de luz que foxen de poetas intrépidos
eses tipos que asinan poemas en cada intento
e recolleitan logo estrondosos voos de pombas
cada vez que invocan con versos a gaiola
onde outra musa suspira por escapar do peito.
Hai en cada noite escura un sol que brilla sen tregua
para alumear este periplo de soños e feitizos.
E vou entón coma couza delirante na procura dun foco
ata que arrepío da luz que me cega nesta escena de estrela
no intre mesmo en que a musa perde de vez o alento, devece,
e na sombra deste poema unha mancha vermella aflora
traza a figura máis bela do crime que me fixo poeta.
Confeso que asino e asasino a criatura mentres sorrío,
e fico esperto ollando fite a musa cadáver que tamén sorrí.

TOMA DE TERRA

Hai baixo as pálpebras de carbón
un mar de amargura diluído nas meniñas
que voan na soidade dun ceo toldado
cara un horizonte incendiado de esperanza
onde o sol prende insolente unha lareira,
lume de áurea nun sorriso que arde,
que lanza en coraxe a súa dentaina de escume,
que brinca incesante de ondaxe en bravura
contra os seres de area que soñan coa lúa chea.

Hai un mar salvaxe de inmensidade plena
que enche mareas crispadas de escume,
avanza imparábel co vento dos tempos
e asalta en cada avance un aturuxo.
Hai un mar que ama, en combate
coa mesma ilusión que no horizonte desafía.

Son e vídeo do autor:
O autor no YouTube