Gonzalo Hermo

 

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:
María Lado
Alberto Lema
Dores Tembrás
Xiana Arias Rego
Xabier Xil Xardón
Rosa Enríquez
Andrea Nunes Brións
Silvia Penas
Ramiro Vidal Alvarinho
Antía Otero
Chus Pato
Erín Moure

Nomea a:
Xabier Cordal
Xiana Arias
Alberto Lema
Chus Pato
Oriana Méndez
Fran Cortegoso
Xabier Xil Xardón
Alicia Fernández
Claudio Pato
Dores Tembrás

Bio-bibliografía:
Gonzalo Hermo naceu en 1987, en Taragoña, concello de Rianxo, e morou en diferentes puntos da costa de Galicia. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela en 2010, actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus primeiros textos viron a luz en publicacións tales coma Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea, convocado pola Xunta de Galicia, co poemario Crac, que en 2011 edita Barbantesa. No ámbito da crítica literaria, ten colaborado coas revistas Dorna e Protexta. É membro das Redes Escarlata.

Poética:
Escribo desde a fealdade e para as feas, as vellas, as marondas, as fríxidas, as mal fodidas, as infodibles, as histéricas, as loucas, todas as excluídas do gran mercado da boa rapaza (…) Paréceme fantástico que tamén haxa mulleres ás que lles guste seducir, que saiban seducir, e outras que saiban casar, que haxa mulleres que cheiren a sexo e outras á merenda dos nenos que saen da escola (…) tamén escribo para os homes que non teñen ganas de protexer, para os que quererían facelo pero non saben como, os que non saben pelexar, os que choran con facilidade, os que non son ambiciosos nin competitivos, os que non a teñen grande nin son agresivos, os que teñen medo, os que son tímidos, vulnerables, os que escollen ocuparse da casa no canto de iren traballar, os que son delicados, calvos, demasiado pobres para gustar, os que teñen ganas de que lles dean por detrás, os que non queren que ninguén conte con eles, os que teñen medo polas noites cando están sós.
Virginie Despentes
 
Os mellores momentos están escritos nas paredes
María Lado

Na rede:
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
Entrevista en Dioivo

Poemas:
Refírome ao Magreb, á Alxeria que non é Francia
pero que é francesa. Ás minas de cinc.
De cando traballaba por dez francos man a man cos negros
e o país era unha liña de escombros
un campo de balas
un xihad
todo aquilo que recordas dos días en que aquí viaxaches
coas túas catro mulleres.

Refírome ao centro, á súa entelequia.
Iso que explica o teu gusto pola nación
que é límite do mundo, revés das cousas,
morte pausada e peste

a Peste
fóra dos canais
da cidade-illa
no deserto.

A revolta ocorre despois. Daquilo só acaban quedando
as cruces e os mestizos
e a vitoria celébrase brindando con champagne, co ollo posto
na próxima hecatombe.

Co ollo posto na palabra da xente do arrabalde,
no seu xeito de obrar
naquilo que dis cando te mexes na cama coas negras
e te chamas a ti mesmo lumpen-proletario
Pétain
Vichy
feixista.

Dócil e traidor. A clase desclasada
colabora.

(De Crac, 2011)

 
Agora ou nunca a escarlatina renxe para que a poidas oír.
Busca con ela o defecto da musa varón
barbeada e fetiche
a concubina

ríscaa.

Logo mánchalle as mans
e que outros lle corten os brazos para que aprenda a vestir
de rameira e cerre as pernas.

O sexo
necesariamente
escríbese

(De Crac, 2011)
 

Moito tempo despois aquí non houbo desastre non houbo desastre

creme
este lugar chamaríase Hiroshima.

O ollo do actor fecha o meu ollo só se me vendo. Eu véndome por el
nas  tascas suxas de Hiroshima
onde a guerra é nada, un transvase apenas,
unha troca.

O actor coñece o desastre que adiviño en Hiroshima.

Querería por isto falar acerca dun ollo anterior ao bombardeo. Un ollo inocente
que se abre un bo día e contempla a desfeita. Un ollo que viu.
O da pupila arrasada. O da derrota.

Pois a miña xeración naceu logo da guerra e foille prohibida a posibilidade de volver.

Somos o lixo. Hiroshima é o actor. Eu quéroo
tan decididamente que sería capaz de o arrincar do escenario
para chantarlle no ollo a dor do meu país.

Que vise o desastre, denovo o desastre, sen bombas,
nas gabias
a morte nas gabias que a miña xeración non viu pero presinte
co ollo denso
Hiroshima é a lei.

Quixen explicarllo. Falarlle do que queda na memoria da tribo.

Do que nunca se esquece.

Do que se herda.

HIROSHIMA TAMÉN EU

(De Crac , 2011)

Son e vídeo do autor:
Presentación de Crac

Recitado para Vieiros con motivo da celebración das Letras Galegas en 2009