Verónica Martínez Delgado


 
Nomeada por:
Miguel Ángel Alonso Diz
Alberte Momán
Rosa Enríquez
Ramiro Torres
Xavier Frías Conde
 
Nomea a:
Olga Novo
Marta Dacosta
Begoña Paz
Rafa Villar
Paco Souto
Alberte Ferreiro
Xoán Abeleira
Mario Regueira
Igor Lugrís
Celso Fernández Sanmartín
 
Bio-bibliografía:

Verónica Martínez Delgado, de 1976, natural da Frouxeira (Valdoviño), praia de fortes mareas e infinita marca. Estudou Historia da Arte na USC.

Autora de diversos poemarios premiados, publicou, como poeta e narradora: Desterrada do meu corpo, Deshabitada e sen verdugo, Cara a un solpor de gatos, O ladrón de almas; en obras colectivas: Isto é un poema e hai xente detrás, En defensa do Poleiro, A voz de escritores galegos en Celanova, Somni de paper, Catro Contos, Sempre Mar, A cidade na poesía galega do século XXI, como ensaísta: X.M Tomé, Breves notas sobre a historia da arte aplicadas á intervención sociocomunitaria, I Encontro Internacional de Arte e Natureza, A intervención didáctica nos DEAC; alén de participar en libros de carácter colectivo, en numerosas publicacións periódicas, en multitude de recitais, conferencias, sempre relacionados coa poesía e a literatura galegas.

 
Poética:

Não sou um intelectual, escrevo com o corpo.

Clarice Lispector.

O que escribo é ante todo sincero.

Falo de mundos oníricos, ferintes e cotiáns.

Adoita tratarse dunha poesía sensorial, emotiva, chea de imaxes, a arte e a natureza son referencias constantes na voz que fala, e de paisaxes vividas e de saliva. Sempre hai un momento, para as obsesións, para a liberdade, para a beleza, para o erotismo, para recordar con nostalxia o pasado e o futuro perdido. A emoción vólvese concepto no tacto.

É intenso o achegamento á esencia do visible, á mestura entre dor e pracer, á paixón sen medida ata acadar o desbordamento da escrita.

Normalmente escribo dun modo moi pouco profesional, cando xa non me resta outro modo de expresarme, e serve como catarse, como evolución ou involución pero cara adiante, mirando de fronte á luz, a luz devastadora desde a consciencia.

 
Poemas:

Afondo

coas mans

na terra

recoñecéndome

da estirpe

das mulleres

que pariron

 

en silencio,

 

de pé,

na corte,

sobre a herba seca.

 

Nados á volta

de cada marea.

 

Agora,

-tan só muller-

quen

de foder

enriba de todas as mesas,

sobre as alfombras,

contra o frigorífico,

na terraza…

como único xeito de comunicación

porque

 

o silencio

 

pobóao todo.

 

Mais erguereime

mañá

orgullosa e satisfeita

deste corpo de muller

que me cingue.

 Thorndike e nós

 

Abrín

a caixa de problemas

instintiva e inmediatamente

ao non sentir

o teu alento

na caluga.

 

Dende

o centro

da gaiola da musa

padecía

a liberación

de todos os teus gatos famélicos.

 
Son e vídeo do autor:
Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3

2 reflexións sobre “Verónica Martínez Delgado

  1. Pingback: Martinez delgado | Fandanaco

  2. Pingback: dedoscomovermes » Lusocuria

Os comentarios están pechados.