Celia Parra

Foto: Xesús Fariñas Navarro

 

Nomeada por:

Miguel Ángel Alonso Diz

Ramiro Vidal Alvarinho

Alba Méndez

 

Nomea a:

María Lado

Lucía Aldao

Antía Otero

Andrea Porto

María N. Soutelo

Jesús Castro

Olalla Cociña

Branca Novoneyra

Xabier Xil Xardón

Samuel L. París

Xiana Arias

Andrea Nunes

 

Bio-bibliografía:

Nacín en Ourense o mes da chuvia, alá polo 1990, pero odio pisar pozas. En Compostela enchoupeime de pedra e letras, mentres Comunicación Audiovisual pasaba de coartada a paixón. Levo versos nos petos desde que aprendín a ler entre liñas. Algúns convertéronse en premios, coma os terceiros escalóns do Minerva (2007, 2008) e do Xuventude Crea (2010) ou o primeiro do Ánxel Casal (2008). Gracias ó Avelina Valladares outros versos mesmo se volveron libro: “No berce das mareas” (2009, Editorial Fervenza).

 

Alén diso, escribín durante un tempo no portal Letra en Obras, realicei algunha curtametraxe e agora adícome a experimentar no campo da audiopoesía e a videopoesía. Participo habitualmente en recitais, gústame escribir no envés dos billetes do tren, sigo tendo os petos cheos de palabras.

 

Poética:

Entrantes: Salpicón dadaísta

Primeiro plato: Poema paisaxístico ás finas herbas

Segundo plato: Cantiga de amor con setas de tempada

Postre: Sorbete de haiku

 

Non sei se escribo para saciar a fame ou a enchenta, pero teño o convencemento de que a poesía é un dos mellores aliados para dixerir sentimentos. Por iso pasou a converterse no petisco estrela de todos os bares, para delicia dos comensais. O meu con ela foi coma a pementa negra. Cateina ó principio cun certo recelo ó picor, cun tremer na lingua. Agora é a miña lingua quen adoece por ela, e non hai día que non a salfira nun prato. Hai poesía de mil sabores, o segredo está en atopar o condimento perfecto para cada padal.

 

Na rede:

CD de audiopoemas RE(C)VERSO

Caderno da autora

A autora na “Galipedia”

A autora na “AELG”

A autora en “axendaaelg”

A autora en “Letra en obras”

A autora en “Cultura Galega”

O “Twitter” da autora

Máis da autora

 

Poemas:

Úntame de pementa

e outras esencias.

Quéntame as coxas con canela

baña os meus peitos con aceite

de rosa mosqueta

e améndoa.

 

Pronuncia comigo

cardamomo

faille cóxegas coa lingua ó ceo da boca

lambe

o envés dos beizos, píntamos

con azafrán.

 

 

Devórame en toda a miña especialidade

acende a cociña despois.

(Inédito, 2012)

Tres segundos de memoria bastarían para recordarte.

 

O corazón é un ourive

que trafica coas cadeas do desexo

e condensa as lembranzas

coma a esencia dos perfumes.

 

Esculpe matrioskhas,

pequenas caixas de Pandora

para gardarte nelas

e non abrirte nunca,

para soterrar o medo a que devores

os meus labirintos internos.

 

Ti

e a nosa historia toda

concentrada en tres segundos.

 

 

(de No berce das mareas, Editorial Fervenza, 2009)

 

 

Ávida de imaxes

agardo vampírica o ritual

da última proxección do día,

vou coas pupilas dilatadas enchidas de noite,

a pel expectante e as mans inquedas.

Agardo húmida o ritual

que a luz entre en min e me posúa

que as contraccións do iris preludien o cénit,

agardo ávida e húmida e vampírica

a afiar as pálpebras nunha danza frenética

e transmutar en mantis

e devorar fotograma a fotograma

ata quedar exhausta.

 

 

– – –

 

 

Paro a película e

unha presión xorda de auga nos oídos

a dous metros baixo a superficie

 

A quietude un sol de grilos na estación baleira

á agarda

—western ferroviario—

en stand-by

en Stand by

 

(me)

 

 

– – –

 

 

O volume deste amor

mídese co índice de audiencias que asistiu

á miña declaración en directo

 

Os aneis de compromiso vense máis brillantes pola tele.

A sorpresa,

unha contención guionizada

 

Canta cota de pantalla

necesitas para crer que te quero?

 

(de Código Morse,  Poesía. Xuventude Crea 2010)

 

 

 

Xiro a chave do descapotable

Síntome unha deusa con pernas de seda

Non vai vento pero eu solto o pelo

                  e xiro sensual a cabeza

 Luxo o cigarro de vermello intenso

Acumulo conquistas no retrovisor

Seime libre, seime segura, seime magneticamente muller.

 

            I I PAUSE

 

A ficción é irresistiblemente apetecible

pero cambio de soño ó cambiar de canle

fagocito roles camaleónica e (tele)dirixida

 

 

Aínda non averiguei a que ulen as nubes,

mágoa que doia tanto facerse a cera

e que xa non fabriquen

descapotables rosas

(de RE(C)VERSO, 2012)

Vídeo, son, imaxes, +:

A autora no “YouTube”

A autora no “Vimeo”

Matrioshkas videopoema from Celia Parra on Vimeo.

ESPÉCIAME from Celia Parra on Vimeo.

Domingo Lagarto from Celia Parra on Vimeo.