Carlos Negro

 

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:

Eduardo Estévez

Helena Villar Janeiro

 

Nomea a:

Por orde alfabética do primeiro apelido, sen establecer ningunha orde preferente, e deixando fóra a moit@s poetas que leo e admiro, nomeo a:

Emilio Araúxo

María do Cebreiro

Celso Fernández Sanmartín

Raúl Gómez Pato

O Leo

Olga Novo

Chus Pato

Baldo Ramos

Manuel Rivas

Antón Reixa

 

Bio-bibliografía:

Carlos Negro (Lalín, 1970), destaca fundamentalmente polo cultivo do xénero poético. Licenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela; na actualidade exerce como docente no C.P.I. Eusebio Lorenzo Baleirón, no concello coruñés de Dodro. Durante o ano 2004 desempeñou o cargo de Secretario Xeral da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega, coa que segue a colaborar no consello directivo.  Desde o 2011 forma parte, así mesmo, da actual dirección da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL).

 

Desde mediados da década dos noventa, leva participado en numerosos recitais e eventos de carácter poético celebrados por toda Galicia; así mesmo, adícase a impartir obradoiros sobre creación literaria, especialmente no ámbito escolar e en cursos de formación para o profesorado; colaborou, en diversas edicións, cos actos literarios celebrados na Algarabía de Lalín, e tamén nas Forxas Literarias da Solaina, na Fundación Casa-Museo de Piloño (Vila de Cruces).

 

Ata o presente ano 2012, deu ao prelo os seguintes títulos: as laranxas de alí babá (Letras de Cal, 1998; 2ª edición, corrixida e aumentada, na colección Poeta en Compostela, nº 16, Editorial Compostela, 2006); Far-west (Colección Ablativo Absoluto, nº 20, Edicións Xerais, Vigo, 2001); Héleris (Espiral Maior Poesía, nº 130, A Coruña, 2003; 1º premio de poesía, ex aequo, na VII edición do certame Johan Carballeira, do Concello de Bueu); Cultivos transxénicos (Instituto de Estudos Miñoranos, 2008; 1º premio de poesía Vitoriano Taibo, da Entidade Local de Morgadáns, Concello de Gondomar) e Makinaria (Colección Fóra de xogo, nº 120, Edicións Xerais, 2009), poemario orientado a un público xuvenil. Máis recentemente vén de publicar Abelcebú (Edicións Positivas, 2010), un dicionario de carácter satírico.

 

Así mesmo, unha breve escolma dos seus textos pode consultarse en antoloxías como 25 anos de poesía galega; antoloxía 1975-2000, Vol.III, Biblioteca Galega 120, Editora La Voz de Galicia, 2002 ou Poetízate. Antoloxía da poesía galega, Colección Fóra de xogo, nº 89, Edicións Xerais, Vigo, 2006, 2ª edición ampliada e aumentada no 2011. En tradución ao castelán, foi escolmado para a antoloxía Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea, Fundación Editorial el perro y la rana, Caracas, 2011.

 

No ámbito da prensa dixital, colaborou na sección de cultura de Terra e Tempo, e a día de hoxe mantén unha columna de opinión arredor da actualidade cultural e literaria nos xornais Sermos Galiza e Praza Pública.

 

Poética:

A miña poética máis recente podería estar condensada no seguinte texto, publicado no ano 2009 nun libro colectivo de homenaxe á libraría Couceiro de Santiago de Compostela:

 

Gándara

 

E vostede para que escribe?

 

Para non me negar ningunha posibilidade.

 

Con que actitude?

 

Coa do neno que descobre a illa do tesouro.

 

Que persegue vostede na poesía?

 

Un oasis, un acubillo contra o ruído.

 

Confía nas palabras?

 

Non se trata de ningunha cuestión de confianza.

 

Daquela?

 

Trátase de tacto, de respiración, de carne.

 

Que procura nun verso?

 

O asombro, a dúbida, un trastorno emotivo.

 

Tamén a beleza?

 

Tamén o silencio dunha folerpa de neve.

 

Unha forma de verdade?

 

Tan só unhas faragullas de pan para o camiño.

 

De que xeito nace o poema?

 

Entre a convulsión e a técnica, así acontece.

 

Implica pracer?

 

Desasosego, axitación, sorpresa, gozo.

 

A poesía é ficción?

 

Máis ben unha gándara axitada polo vento.

 

Un xénero literario?

 

Un páramo inhóspito onde non inzan os dogmas.

 

Que transmite?

 

Un fulgor humilde como a luz das librarías.

 

Na rede:

Caderno do autor

O autor na “Galipedia”

O autor na “AELG”

O autor en “BVG”

O autor no “Criticalia”

O autor en “Cultura Galega”

O autor na “axenda AELG”

O autor en “Terra e Tempo”

Máis do autor

 

Poemas:

Deixo como mostra significativa o poema inicial de Cultivos transxénicos (2008)

 

 

O leite baixo a tona

 

 

Para vostede onde reside o problema de Galicia?

 

No tránsito feroz de labregos a consumidores,

no proceso transxénico que nos fai mutantes,

monstros que transforman a morriña en herbicida.

 

 

Que está a acontecer nese hipotético tránsito?

 

Convertemos a memoria nun hipermercado

e a ignorancia fainos indignos dunha bandeira;

o noso grial segue a ser un prato de churrasco.

 

 

Que causas explicarían esa indignidade?

 

O invisible ataque do raposo contra os soños,

o imperio de Zara Home sobre Galiza Ceibe,

a inclusión dos mitos na quincena de rebaixas.

 

 

Pero non atopa aspectos positivos no progreso?

 

Por onde pisamos inzan silvas de desleixo,

progresamos con mentalidade de eucalipto,

sen máis raigame que un espellismo de fachenda.

 

Cales son, daquela, os riscos que corremos?

 

Ser software orgánico, nunca un nosoutros consciente,

ser tan só apéndices da última tecnoloxía,

cápsulas emotivamente codificadas.

 

E a solución?

 

Non hai trabe de ouro nas fragas de Taguen Ata,

pero nunca se lle debe negar a man aos máis débiles.

Nin o pan. Nin a auga. Nin, por suposto, o idioma.

 

 

Quixera engadir algo a respecto do idioma?

 

Case chegamos ás mans por unha normativa

mentres a fala vai mirrando nos tanatorios,

e sen ese celme todo devén artificio.

 

 

Daquela non lle concede valor á política?

 

Só cando non se contamina de mentira,

só cando os que consideran a lingua un tesouro

non manquen os pronomes en canto abran a boca.

 

 

Para vostede a lingua representa un tesouro?

 

A lingua só é unha cadea de sons con sentido,

o resto son metáforas que nos endozan o gusto,

e a sacarina non couta a hemorraxia de fonemas.

 

 

Onde se orixina a ferida?

 

Temos unha autoestima enferma de anorexia,

temos nos pulsos as amosegas da vergoña,

non aturamos o cheiro dos avós a bosta.

 

 

Daquela non hai esperanza?

 

Haina como un castelo de area na  praia,

como a derradeira pinga de auga no deserto,

como un xeito de mancar os xeonllos con sangue.

 

 

E o inimigo?

 

O  veludo envelenado do eloxio e a homenaxe,

un elitismo que reduce a lingua a lilaina,

a ñáñaras para cando nos enfocan as cámaras.

 

 

Considera inútil o poema como ferramenta política?

 

O poema opera nun territorio salvaxe,

non quere ser o canciño que nos lambe a bota,

non soporta ningún amo que o prenda a un tarambollo.

 

 

Non leva daquela unha estrela na fronte?

 

Iso sonlle preguntas para os programas rosas,

este é o ámbito do compromiso coa linguaxe,

as outras bandeiras non pertecen a este reino.

 

 

 

Que lle esixe logo ao poema?

 

Un fulgor que non se fabrique con pirotecnia,

un brillo que non semelle de folla de lata,

un esforzo que se nutra da necesidade.

 

 

E a si mesmo?

 

Esíxome a min mesmo non caer na fraude,

non profetizo patrias, non vendo lirismo,

tan só procuro albiscar o leite baixo a tona.

 

Máis nada?

 

Parécelle pouco?

 

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”

O autor no “Vimeo”

Carlos Negro presenta…Makinaria (en Forcarei) from trafegandoronseis on Vimeo.