Francisco X. Fernández Naval

 

 

 

 

 

 

 

Recitando no Pub Dublin de A Coruña

Nomeado por:

X. H. Rivadulla Corcón

 

Nomea a:

Eva Veiga

Carlos Airas

Manuel Álvarez Torneiro

Víctor Campio

 

Bio-bibliografía:

Francisco X. Fernández Naval (Ourense 1956)

Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación.

Poeta e Narrador. Recibiu o premio de poesía Cidade de Ourense no ano 1980 polo libro A fonte abagañada e en 2007 por Miño. En 1988 o premio Xerais pola novela O bosque das antas. En 2010 recibiu o premio Fiz Vergara Vilariño, polo libro de poemas Bater de sombras (publicado en castelán pola editorial Huerga y Fierro, co título “Golpear de sombras”). Outras obras poéticas son Pabellón habitado (1987), Días de cera (1999), Ara Solis (1996) publicada en edición bilingüe francés-galego, con gravados de Jacqueline Ricard e posteriormente en castelán na revista El signo del gorrión, Mar de Lira (2005) e Suite Dublín e outros poemas (2011). O conxunto de poemas  Suite Dublín foi obxecto dunha edición numerada de 50 exemplares, publicado por Editorial Micielo de México DF (2011).

Ten publicadas outras sete novelas: Tempo de crepúsculo (1993), Sombras no labirinto (1997) (editada en castelán pola editorial Trifolium, co título “Sombras en el laberinto”), Unha cita co aire (2005), A noite branca (2012) e, para público xuvenil, Suso Espada, o misterio do Grial (2002), tamén editada en castelán, Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro (2008) con edicións en castelán, éuscaro e catalán, e Suso Espada: Nota Roja (2011).

Publicou os libros de relatos: Historias roubadas (1998), Sete noites e un amencer (2003), Lendas de onte, soños de mañá (2001) e Para seguir bailando (2009).

Autor dos ensaios: O mundo da pesca na literatura galega (1999), publicado polo concello de Oleiros; José Angel Valente, unha voz alén do tempo (1999) e Respirar polo idioma –Os galegos e Julio Cortázar- (2006), publicado en castelán pola editorial Corregidor de Buenos Aires en 2007, e da introdución ao traballo O Petróglifo do Filladuiro: un enigma na pel da pedra (2008), de Fernando Alonso Romero.

Comparte a autoría da crónica de viaxe Níxer (2010) con Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa.

Escribiu outros libros e guías de viaxe, algúns en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira: Unha viaxe á procura do solpor –Do Tambre á fin da Terra(2000) e Muros, ronsel de pedra, espiral de mar (2003). Outros títulos da súa autoría son: A Coruña monumental e turística (2002), Pereiro de Aguiar y la Ribeira Sacra ourensana (2008) ou Guía da cidade de Ourense (2010), edicións en galego e castelán para a editorial Everest. Tamén elaborou as guías patrimoniais das provincias da Coruña e Ourense, a primeira en colaboración con Xavier Alcalá, a segunda con Camilo Franco e o libro Galicia, Rutas con sabor, para El País-Aguilar.

Destinado ao público infantil, escribiu o libro No corazón da fraga (2001), publicado en castelán co título de “El espíritu del bosque”, o libro de versos Do A ao Z con Uxío Novoneyra (2010) e, en edición castelán-árabe, o libro Suleimán e Salúa, en colaboración co artista plástico sirio Alí Alí, residente na Coruña.

A actriz María Inés Cuadrado produciu e protagonizou a posta en escena do monólogo teatral Non se che faga tarde, baixo a dirección de Manane Rodríguez.

Implicado dende novo no mundo do asociacionismo cultural, participou en numerosos congresos, festivais, feiras e encontros literarios, tanto no territorio da comunidade autónoma, como no do estado e no estranxeiro.  Impartiu cursos de iniciación á lectura e á escrita e, na actualidade, coordina o club de lectura en galego da biblioteca pública Miguel González Garcés da Coruña.

Elaborou guións cinematográficos por encargo de produtoras do audiovisual galego e da TVG e o Museo do Paobo galego. Traduciu ao galego obras de autores portugueses, franceses, venezolanos, colombianos, arxentinos e mexicanos.

 

Poética:

Hai un eco rítmico, un aire de canción que vén dende un afastado lugar, anterior a calquera lembranza. Chegan prendidos á voz da miña tía Lela, case esquecida e quizais tamén á da miña nai. Son versos esgazados, rescaldo de cantigas, fábulas que evocan o tempo aquel, cando os animais falaban.

Lembro, iso si, con clara exactitude á tía Lela recitando versos que cos anos souben de Rosalía e de Curros, para entón, eu, superaba os dez anos. Daquela xa aprendera oracións rimadas, cancións e grises poemas de chumbo e pedra. Por eses días sería o alborozo de recitar a Rubén Darío. Aínda perviven en min a alegría e os brillos da Marcha Triunfal, cos seus claros claríns e o cortexo dos paladíns. Teño escrito outras veces que quizais foi ese o meu primeiro contacto co poema, a consciencia de estar diante de algo que producía pracer e gustaba aprender, a descuberta dun mundo chamado poesía. Por ese tempo a descuberta de Kiplig e o seu poema If ou Alfred Tennyson, que puxo letra á cabalgada da brigada lixeira polo val da morte, historia que no cine protagonizaban Errol Flynn e Olivia de Haviland, poema que unha voz en off recita mentres os heroes galopan cara a morte.

Quizais dese momento provén a certeza de que o poema é, sobre todo, ritmo, condición que o vincula ao canto, ao rito, á salmodia primeira. Diso fala Antonio Gamoneda. A necesidade rítmica do poema transfórmase nun feito significante, algo que provoca asociacións sorprendentes das palabras, velaí a imaxe e a metáfora.

Viñeron logo as lecturas desordenadas que caracterizan aos autodidactas. Poesía romántica alternándose coa social ou civil, Rosalía, Curros e Celso Emilio mesturados con Celaya, Blas de Otero, Lorca, Machado ou Miguel Hernández e, quizais con 16 anos, a revelación de Neruda, primeiro cos vinte poemas, logo co Canto Xeral e Os versos do capitán. A partir de aí, en compañía do meu amigo Gumersindo Álvarez Reza, con quen constituín un grupo poético no Ourense dos primeiros setenta, chamado Renovación, chegaron as vangardas, a poesía rusa, Walt Whitman, Emily Dickinson ou Alfonsina Storni.

Con exactitude non me recoñezo en ningún dos poetas que lin e que amei. Sei que están aí, formando un substrato que alimenta o que escribo, pero non sabería dicir en que grao cada un deles inflúe en min. Sei que a partir dun determinado momento, aprendo de José Ángel Valente a espir o verso e a procurar máis alá do evidente.

Hoxe creo que a poesía é, se cadra máis que nunca, elemento crítico e revolucionario. Ela é o coñecemento intuitivo que permite aproximármonos ao que somos. Nela prodúcese unha dialéctica constante entre intuición, realidade e verdade. Só por ela somos quen de nos achegar aos misterios e atopar acougo diante das preguntas que non teñen resposta.

Escribo dende as paisaxes nas que algunha vez sentín algo que definiría como plenitude ou felicidade. Unha desas paisaxes, ao pé dun río, pertence á infancia. A outra é un agasallo da vida, deitada rente ao mar, diante de Fisterra. Escribo por conservar a lentura e o remol da inocencia, por preservala contra o tempo.

 

Na rede:

Caderno do autor

O autor na “Galipedia”

O autor na “AELG”

O autor en “Galegos”

O autor en “BVG”

O autor no “Caderno da crítica”

O autor no “Criticalia”

 

Poemas:

BORRAXEIRA

 

Berro de alénmar,

así é o bruar da luz fa findaterra

cando a constancia da brétema

absorbe o espertar do día.

 

Dos homes só resta entón a voz

coma canción de ciclope:

Se-se-be, se-be, se-be, Char-quei-ra, eira, ei-ra, Petón-fe-ro, fe-ro, e-ro

proxectada contra as ondas

do mar informe.

 

Navegar sobre a nada.

Ese é o valor dos homes que faenan

sobre o gume dun eco.

Gol-fei-ras, ei-ras, ei-ras, Ca-la-fa-to, fa-to, fa-to.

Aquí  Pa-rra-io, ra-io, ra-io, aquí Jau-cho, u-cho, u-cho,

aquí Cha-ma-co, ma-co, ma-co

Panchos tres, anxos tres, os-tres,

por corenta quilos de polbo

na cacea en-carnada.

Aquí Tu-tu-a, tú-a, tú-a, Ja-vi-lán, vi-lán, vi-lán, Pis-to-las, to-las, to-las.

 

Canción de ciclope,

fantasmas alterando o GPS

homesó na eira contra a brétema.

Presadas de salitre,

homesó, homemar, por fóra dos Forcados, sobre a coca da barra.

Cen polbos na cacea, unha pedra na casa

e unha tella virada de esperanza.

Bruada de alénmar na borraxeira,

cen mañás entre brétema e salseiros.

Pegadas de memoria no carreiro da illa,

lembranza doutros homes no carreiro da laxe.

Mar-de-lira, Mar-de-li-ra, de-li-ra, de-li-ra

constancia de alénmar,

sorte en-carnada.

 

(Do libro Mar de Lira. 2005)

 

 

 

COSTEIRA

 

A María Manuela

Quero ser barca

relinga que reteña

o teu sorriso,

quilla coa que navegues

meu amor

e non a espera.

 

Quero ser

o fluído ronsel

dos teus debezos

o constante elixir

dos teus saloucos

o destino das folerpas

que a soidade ceiba

no leito que compartes

pero que non me acolle.

 

Quero ser o mar

que te respira

a mazá que non comes

e que estrañas

a saudade mesma

que te abraza.

 

Morrería por te ver namorado

cada novo amencer

por ser o peixe

que escolles e acaricias

o xeo que fonde a túa calor

a cuberta de espellos que te mira.

 

Morrería por ti,

amor.

 

(Do libro Mar de Lira)

 

 


PONTE CASTRELO

 

A Ramón Fernández Goberna –Calazas-, ferroviario e amigo da casa, namorado do aire.

                                                                         14 de setembro de 1936

 

Eu só sei de ti noutras lembranzas,

pero aprendín a túa boca de canción e de flores,

os labios teus que lucían a mañá e que bicaban o aire.

Sei tamén da crispación das mans finalmente amputadas

e non consigo imaxinar a noite.

Síntote na meixengra que sempre regresa

na amizade que navegou a estiaxe, pucharca tras pucharca,

mágoa tras mágoa e te buscou no fondo

onde só é o perdido, no baleiro do van

que cae e que se eleva nunha dor indivisible.

Tempo da revelación.

Será este río de voces

quen berrará os nomes

un por un, dun lado a outro

da luz, cruzando a sombra.

 

(Do libro Miño)

 

 


27 DE NOVEMBRO

 

E o desalento do mar,

esa agonía que afoga

no anhelo dos teus labios,

refacho de marea

íntima que penetra

e se fai doce

onde voan as fragas

e medran as lavercas.

 

Fronteira do silencio

fondal da claridade

que xermina no baluarte das sombras.

 

E ti,

corpo tendido ao sol

e hoxe vencido, ti,

garza de póla incerta,

constancia da silveira,

cántico da alborada,

descendendo aos abismos

da tenrura.

 

(Do libro Miño)

 

 


CARGADO DE OMBROS

 

Cargado de ombros vou

e alguén di que me pecho,

que esa expresión corporal reflicte os medos.

Advirte: busca na infancia.

Eu miro, rebulo arredor

e sempre dou contra a mesma parede:

un colexio de monxas,

un patio en inverno,

o castigo durísimo das orellas de burro

e percorrer de xeonllos as aulas das maiores

polo pecado de non trazar

correctamente o oito.

 

Consérvase un retrato coloreado dun rapaz repoludo

e académico, con gravata de nó e mapa ao fondo,

ollándome cun ollar no que me recoñezo.

Detrás é sempre ese mesmo cemento

que pecha a liberdade e eu, que me rebelo

na mañá da matanza, cómplice da miña nai que me rouba

daquel terror de xeo, e fuxir, e chegar cando a queima e o sangue

e a Lela sobre a herba e as tripas no regato

e a avoa no relanzo, e os chourizos e a zorza

e a auga do pozo no caldeiro metálico.

Percorro o patio aquel, a excitación dos xogos,

a azul aparición da virxe

e o recendo dos anxos, e soño

co desterro no río, coas amoras de xullo e o leite fritido

polo san Amaro, coa luz dos fogueteiros

e a guitarra, o aire das mazairas, o cine

-ese río por horas- e esquezo o tempo que mide

coma espanto, e celebro o agasallo da vida

e a alegría de saber que gozo

de galano tan grande.

 

Cangado de ombros miro

a idade, ese pasar tan breve e dilatado,

e tanto e tanto abrazo

con pretensión do eterno,

e o baleiro das perdas

que nos atan.

 

Busco no neno aquel de mandil e de asombro

e axexo

no interior dos meus límites.

Busco a nostalxia central polo tacto perdido

e albisco, moi próxima,

a inocencia extraviada.

 

Cangado de ombros miro e nos outros descubro

a extensión do meu ámbito

ese latexo único

que a mañá nos depara.

 

(Do libro Miño)

 

 

 

BATER DE SOMBRAS

 

Un alento escuro

ás veces vibra

na imprecisión das sombras.

 

É algo que nos posúe

lentamente e sen cólera;

unha impresión de ferro,

unha teima calquera.

 

A cobiza dun anxo

desprovisto de luz,

a pesadez do frío

no interior dunha dúbida,

un sorriso ignorado,

a negación de ti.

 

(De Bater de sombras)

 

 

SÍSIFO

 

Transportaches

a sombra

pola empinada corpulencia

do insomnio.

 

Non había inocencia

na dor,

só a perseveranza

dun pecado infinito.

 

Máis alá da fiestra

cantaban os paxaros

e a mañá respiraba

a ecuación do outono:

transportabas a mágoa

pero non a vencías.

Afirmábase ela

nalgún recóndito indicio

de esperanza,

coma un enigma abisal

afirma o seu tentáculo

nunha presa amarela

e infrecuente.

 

E ti,

consciente, temías

prescindir do corazón,

da luz que noutrora

alumeou as formas,

e descarnarte orfo

na condena do sal,

na soidade ínfima

dun deserto de acólitos.

 

(De Bater de sombras)

 

 

 

O TIGRE VERMELLO

 

When the stars threw down their spears

                                                           And water’d heaven with their tears:

                                                           Dis she smile his work to see?

                                                           Did he who made the Lamb make thee?

                                                                                              William Blake

 

O camiño brillante nos extremos

Da noite conducía entre o asombro ata os corpos

Espidos e expostos ao sol.

Ofrecidas e exhaustas, elas bailaban a maldita danza

Das cruces.

Do fío de sangue penduraba

Un último suspiro.

Sexo de labios tristes,

Tigre silencioso e vermello

Manipulando a humillación

E a entrega. Aire de lóstregos,

Corredor de titáns e de lume,

Todo o deserto para sufrir

Todos os dentes gravitando na coroa

Do espasmo.

Que atracción te mantiña hipnotizado alí?

Era quizais o bafexo das vaxinas,

Os ventres afogados,

A dor prendida na madeira da carne?

O tigre vermello tecía unha arañeira

De nervios na que estender a morte,

Sorría na súa perfección de aceiro,

Na crueldade intacta,

Argumentando co seu silencio o silencio das bágoas,

A crispación das mans traspasadas de raios,

As coxas e os peitos feridos polo punzón dun berro.

Solitario e audaz, o tigre movíase nas sombras.

 

(De Bater de sombras)

 

 

 

MAR DE INVERNO

 

O mar de inverno

bateu as plumas, ás de salitre

a voar teimudas por riba do areal

e do espello sen lúa.

 

Sobre a praia os pasos tecían

un destino, leves pasos de ida

entre mareas, fráxil danza de sombras.

 

A bóveda de escuma

envolvía o silencio

e por detrás os pasos alimentaban

as ondas do perdido.

O mar de inverno que soubera do teu riso

reducía a fragmentos

a cobiza e os soños,

confundidos na extensa sucesión das crebas.

 

Todo en ti era delirio,

o lóstrego fugaz,

a cruz baleira,

o espello de abrazos e de sangue.

 

Confundíase o vento

na tépeda profusión de anxos,

húmida solidez do aire transformado en partículas

de alma, en cuspe dun deus insondable

que partía os corazóns

e facía naufragar as conviccións e as formas.

 

Lembras aquela historia?

o neno, o burato, o mar ilimitado.

Todo este mar de inverno entraba no teu peito,

no tangaraño dos teus días.

Todo ese mar

nunha mañá de inverno,

nesa espiral de argazos que o son desfacía.

 

Todo o inverno nese mar

teimudo no que ti te perdías.

 

(De Bater de sombras)

 

 

 

Viu nadar as mobellas

Onde as ondas desertan,

Na fronteira da escuma.

Tempo alado citándose

No frío. Viu aos días

Deixando pegadas nunha praia

De luces e de sombras.

Soubo do vento

Que esvaece a memoria,

Da altura do silencio,

Da tenrura dos homes,

E comprendeu a dimensión

do misterio.

 

(De Bater de sombras)

 

 

 

SUITE DUBLIN

I

os cisnes durmían sobre un campo

de soños e sentado no tren eu repasaba

o futuro. Nunca imaxinei este valor, nunca

enfrontei o frío, o baleiro, o silencio como nesta hora

na que todo fica absorto nun refacho de plumas

II

a luz adormeceu nas túas costas

e o frío ficou lonxe

na abandonada extensión da ausencia.

O corpo durmido sobre o corpo

respiraba os impulsos dun latexar insomne

e o cristal do tempo loitaba por penetrar ata o colchón

e demorar nas sabas.

Pero era máis forte a tenrura

máis importante a perfumada pel e a adormecida

espera

III

-GLENDALOUGH-

a tarde tornou gris

coma as cortizas preguiceiras

e escuras, aínda nestes días de redención.

Alá arriba, nas minas de chumbo

onde a neve se afirma nos penedos,

onde non medra nin acivro

nin teixo, ofrecinme en silencio,

só e en silencio, coñecedor dos

límites, das miñas liñas

escuras, do medo e do pecado

do desacougo e da dúbida.

Ofrecinme, quero dicir que me din

a min mesmo, só un latexo anónimo

no autocar de turistas asombrados.

Para que corazón desvío as horas?

Para que lingua carnal? Para que

entrega?

Respirou a tarde o seu vagar cincento

e inocente procureime na

lentura

IV

-OLDCROGHAN MAN-

decapitadas as mans

buscaron

un último salouco

no crepitar da luz

V

-MOLLY-

nun lugar da cidade xunto ao río

escondido do silencio hipócrita das flores e do altar,

detrás dunha porta vermella,

nun leito verde de trevo

e de esperma,

un corpo branco bañado en leite

lúa, rosada ou transparencia,

un simil sen arestas

palidamente ergueito,

unha boca na que beber

calidamente aberta,

o circular insomnio de Penélope

transportado nun carro de mexillón

e arxila, silabarios da éxtase,

monólogos sen culpa, formación en vértice de gansos ou desexo

que cada día tece a alborada do soño

VI

-BLARNEY CASTLE-

chegamos ata o límite

na confusión das linguas

baixo as sombras do bosque

no inquebrantable canto

dos paxaros.

O castelo afundíase na tarde

e o lago durmía nun silencio anterior

indiferente e distante.

Bruaban os cabalos

e elas, flores de sol nacente,

 roubaban latexos de paisaxe

alentos fríos dun solpor de marzo.

No corazón do lago borboriñaba a illa

coma un sentir recóndito

e eu vin nacer os cisnes

que brotaban do inverno

coma agromo de bágoas mansas e cálidas.

VII

-ÚLTIMO AUTOBÚS A MALAHADI-

brilla a noite

nas escamas de luz das rúas

e do río. Respira, tece

o seu soño a noite, pero o meu corazón

agarda. Non hai máis ilusión

que a que nos nace dentro,

máis destino que o latexo

acendido, máis aire que o serán

que respiro.

O autobús traspasa as sombras

confiado na rutina do cotián.

Cruza a cidade transportando

esperanzas. A noite pecha os ollos

pero brilla, non me despide,

búscame no reflectir da xanela

cos seus ollos de amar.

Vai o autobús, atravesando a noite

e o meu corazón, dividido, pero en calma,

agarda

Dublín. Marzo 2010

 

 

 

ANTÍDOTO

 

Hai unha luz

que nace do teu riso

no gozo transparente

que late nos teus labios

e penetra no escuro,

no estreito ámbito da harmonía e do canto.

É unha luz

que percorre os límites e pousa

na consciencia da carne,

no abandono fértil do sono,

na intacta adolescencia

que revive no vértice

do sorriso

e do abrazo.

É esta unha memoria

non formada,

o tempo por vivir,

verbo de nácara,

salouco inmemorial e ao tempo íntimo,

amorosa inquietude

que dilata

e humaniza

a percepción das horas.

 

(Antoloxía Sentimentalismo)

 

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”

Bater de sombras