Marta Pedrosa Agra

 

 

 

 

 

 

 

 

Nomeada por:

François Davo

 

Nomea a:

Iolanda Aldrei

Concha Rousia

 

Bio-bibliografía:

Chámome Marta Pedrosa Agra, primoxénita de Amalia e Domingos, irmá de Oscar, criada na casa de Josefa e Francisco nos meus primeiros cinco anos de vida, no Freixo.

Nacín un doce de xullo do oitenta, século pasado, así que síntome afortunada por ter nacido nunha ponte entre duas eras.

A miña vocación é a palabra. Non sabía por onde ía tirar o conto, pero a min gustábame oíla , falala , escribila e leela…

Sinto e penso en galego. No ghallego de gheada e seseo que herdei das miñas raíces labregas e mariñeiras.

 

En segundo da EXB gaño un concurso de contos e como premio un libro do cal non me lembro quen o escribira, porque foi tan contundente o título que xa só me lembro del “VOA, SE PODES “

 

Logo, veu Rosalía de Castro, en carto da EXB, e con ela coñecín a expresión poética. Nada entendía dese falar rebuscado , pero aquelo significou unha porta.

 

Curso o bacherelato no  I. Virxe do Mar en  Noia , e freo logo da selectividade a dirección de estudar Traballo Social en Ourense. No seu lugar decídome pola Animación Sociocultural no IES Pontepedriña (Santiago).

Traballo de animadora sociocultural a continuación de rematalos estudos, ata que caio profundamente desanimada.

E mentras un periplo pequeno de traballos me levan á empresa onde me gaño o pan agora, con dignidade e celebración, falo de Frinsa do Noroeste, unha das máis importantes empresas conserveiras do noso país.

 

A todo isto… Nada me satisfai tanto como ESCRIBIR.

A día de hoxe e ata o meu derradeiro paso por este camiño de Vida só anceio Vivir na Verba e compartila, todo máis ata onde queira chegar.

 

Síntome privilexiada por ter participado no poemario colectivo “Pegadas” da Porta Verde do Séptimo Andar, de haber sido recibida polos membros do colectivo literario Sacou onde compartín algún texto nas suas publicacións mensuais de “A Caramuxa”, e presentado escritos para a revista “A Casa da Gramática ”  e máis recentemente lóubame recoñecer a sorte de colaborar coa palabra, na obra do artista noiés Delio Sánchez, na súa exposición pictórica “Alén da paisaxe”.

 

Coido que xa falei de máis, e obviei os méritos MÁIS IMPORTANTES como son aquelas persoas que pasaron pola miña vida e continúan en min, alentándome. GRAZAS A ELAS sínto que a miña biografía se enriquece.

 

Poética:

é un lenzo en branco, un deserto de posibilidades. Unha expresión artística do Ser. A paisaxe alén das palabras

 

Na rede:

O “facebook” da autora

 

Poemas:

1

 

Íspome para non ter nada qué decir
e inda así asombro no espello
Unha preñez de palabras xa
fosilizadas
Unha pel branca tabú
e un himno en silenzo
da ghloria bendita!

 

 

 

2

 

Disque…
Me miran porque camiño soa
Bueno…
E cantos saberían facelo?

Disque…
Son mala porque non lles ghusta o que digo
Tonterías!
Non nos distraiamos do qué en verdade importa

Disque…
Ando nas nubes e que teño que tocar terra…
Entón
Descálzome e miro os pensamentos sen subirme a ningún

Xa está.
Aí queda eso…

 

 

 

3

 

Faino doado
É tan fácil como camiñar de costas sen tropezar.

Escríbote na noite. Na rúa de Buenos Aires,
onde o salitre vai perforando as paredes
deste vello caleixón
onde pasan as cousas

Onde penetra o furacán
ós soños
Onde os drogadictos penduran
a chaqueta da esperansa
para vi-la buscar mañá…

Non importa que isto esté mal
“baby”
din tódolos borrachos da vida
entre esquina i esquina
Este é o lugar
onde pasan as cousas…

Dígoche que escribo na noite

Entre porta e porta

do caleixón de Buenos Aires
en Noia

 

 

 

4

 

Tócame as mamilas en flor
e dí que me qués, corasón…

Ábrome como antisipo da primaveira
para os teus tantos invernos

Denantes… Falo
nas miñas xemas vizosas
bocadofamento
do cabalo
e da eghua

Por esta… Es ti quen me come…

E son eu, quen te crava.

 

 

 

5

 

CADERNO DE BITÁCORA

Día 2 do armisticio

Nada é tan perfecto e inalterábel, meu amigo
Por aquí xa pasamos, tantas veces
É o mesmo camiño?
Non podo vela pirámide escura
mais escoito o seu ruxido
Petando en min
KNOCK KNOCKING ON HEAVENS DOOR…
Disme que isto que me desacouga
non é o petar da maldade
que a maldade non é tan torpe
non fai ruido…
É estratexia
na guerra
Agora,
Xa non escoito o rum rum
que alivio!
Os pasos idos do camiño
só traen silenzo
neste mencer
con lus de solpor

 

 

 

6

 

Eu só reflexiono… E cuspo liñas inconexas

Animal salvaxe no redil

peixe de porto que non se come…

Ácedo doce
con cheiro solemne

Se a alguén lle serve, ben
Se alguén pasa indiferente, adeus..!
Se a alguén disgusta, que se pregunte
Por qué?
Que o para qué…
Ben o sei eu:

Para Ser
e non
alleeira de min mesma

 

 

 

7

 

Os idiotas tamén falan.
Ás veces falan bonito…
Ás veces escriben libros…
Ás veces son escoitados
(en serio?)
e apraudidos
Os idiotas tamen falan.
Demasiado…

Con cariño chamuscado:

A tódolos idiotas que con su ruido me han
DESPERTADO

 

 

 

8

 

Latexos de percusión
polas veas, o vento
racha sen dor, as fibras
o arco
E pingan
pingan
algo metálico
que me traspasa
E Son

De Libertade e Amor

Unha danza Alén

 

 

 

9

 

Estou pensando… Estou furando un lugar no Universo
Cada vez que tú me miras

 

 

 

10

 

Informamos ó capitán do noso extravío, cando nos puido a vergoña.
Non salvamos máis, que o derradeiro acto de supervivencia.
O capitán preguntou por qué non o fixeramos no seu momento…
Evaristo, que é moi listo, calou.
I eu, con estrugas no padal,
dixen:
“É que inda tiñamos a
esperanza…

 

 

 

11

 

Tódalas paradas son necesarias, amigo
mais non podemos quedar ó caloriño, sen risco de que prenda lume en nós
E NON SAIBAMOS ARDER

Tan necesario como sentar
é erguer, e continuar
desafiando á choiva
e ó frío
imposto
de tributación
individual

Que non te mintan:
A libertade non é unha conquista.
Quizais, poida,
Ser
un poder a recobrar
cando se perde…

Vaite sen nada.
Mais camiña
da tua libertade

 

 

 

12

 

A miña alma anda a tentar liberarme

nos ollos das persoas que se me achegan

Falan as almas entre elas,

ti e mais eu só podemos obedecer

 

 

 

 

13

 

 

Todo o que teño para dar
son eu
Todo o que dou
ten peso
Todo o que verás
é o que o teu corazón
poida ver
Aquí hai un deserto
cheo de maravillas
Non te esquezas que as paisaxes
que máis rápido mutan
somos nós
Que o desfrute disto non sexa alleo
a man nin ó peito
Que os teus ollos queiran verme
en ausencia de Todo
o que esperas.

Que todo pasa
e os feitos do Amor
quedan.

 

 

 

14

 

DE BITÁCORA

Non podo durmir ó calor artificial da insatisfación.
A túa riqueza é de lume
de ferro
e de pedras…
Ollabamos dende aló
coma o frío
vaise contaxiando de lar en lar
petando nas portas do pobre

E ti, con catro cousas e un anaco de terra
es o presidente
do país da felicidade

 

 

 

15

 

A inmortalidade é efímera, só leva un pouco máis de tempo
As historias que levan as células ninguén as contou

As palabras son un invento contradictorio

A terra é o que temos, e nada nos pertence

A lus faime a fotosíntese

Eu son unha bomba en ti

Eu son hipotética

 

 

 

16

 

CADERNO DE BITÁCORA

Día 3 do armisticio:

Hai indicios para ser feliz neste espazo de vida…

“SWEET HOME ALABAMA
where the skies are so blue
SWEET HOME ALABAMA
Lord i coming home to you

Escoitamos a música dun vello transistor
É o tempo do lecer
Hai buses a tódalas horas
para fuxir ó mar, dende calquer parada presente pasado
Evasión por lexítimo dereito
ou patoloxía?
Ben sei que se pode desenrolar un mecanismo que non nos faga sentir ridículos
perante a lexítima dor
ou a patoloxía.

Aqui hai restos dun navío
faime desconfiar
e pensar nas feridas de guerra,
de quen ou quenes pasaron
E
Para qué deixaron as marcas
dun esquelete de árbore morta
cunha bandeira e unhas amarras…
Ti,
Fuxitivo da paranoia
daslle vida ó cadavre
e cóntasme unha fermosa historia dun mariñeiro que salva o capitán e a tripulación
seguindo as indicacións dunha nereida
convertida en pedra…

( mentras te ía crendo
desconfiaba das intencións da nereida
e do motivo do naufraxio…

 

 

( Confeso agora que chove,
que eu nunca collín ese bus ó mar
por iso
por isto…

Inda me doe
nunha lexítima patoloxía
de berros e sombras

Algún día, a enfermidade farame
Entender
A evitábel vergoña
que agora non
Sinto )

 

 

 

17

 

Quen foi ela?

A número doce, coa praca dobrada.
O terceiro ollo, pechado
E todo o demais aberto ó expolio
ou ó espectáculo…

Quen foi ela…

Que inda conserva o ferro forxado
de prata
na mirada abandoada

 

 

 

18

 

“O TRÁNSITO DA SOIDADE “

 

Non teño nin idea. Non sei cómo facelo. Non quero

 

Seica te alonxas,  percíbote nas cousas que se rompen. No ollo de ágata, nos nomes que esquezo, no atril que se tumba e perde os tornillos, no reproductor de CDs do coche que xa non canta, na foto que fuxe do cadro.

 

Percíbote indo a morrer lonxe da casa, como ese can que non quere importunar ó dono no seu  falecemento.

 

Segues nalgures. Sí. Pero xa non para min. Xa non faro. E disme sen voz que erga a ollada, que limpe a auga salgada dos meus ollos, que sexa a muller que son e que o faga, inda que só sexa por ti. Polo teu descanso-

 

 

.Son feliz.

 

Manuel Pereira Valcárcel

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:
Rafa Yáñez

Nomea a:
Begoña Regueiro Salgado

Bio-bibliografía:
Naceu en Ouzande-A Estrada en 1955.
Reside en Madrid onde traballa de mestre.
Nesta cidade, forma parte do grupo poético Bilbao, fundado en 1996.
LIBROS INDIVIDUAIS:
Poesía:

  • Poemas de cinza: edición do autor, Madrid, 1990.
  • Todo morte: Edicións Río Xuvia, Neda-A Coruña, 1998, reeditado en 2006 por Ediciós do Castro, Sada-A Coruña.
  • Rosa íntima: Espiral Maior, A Coruña, 2000.
  • Inventario de fragmentos: Libros da Frouma-Librería Follas Novas, Santiago de Compostela, 2001. Premio Rosalía de Castro, na modalidade de galego, da Casa de Galicia en Córdoba
  • Libro das viaxes: Litoral das Rías, Pontevedra, 2003.
  • Tatuaxes: Editorial Follas Novas, Santiago 2011.
  • Interior con froiteiro e feridas/Interior con frutero y heridas: Aqua, Zaragoza 2012.

Prosa:

  • Traxectos curtos: TresCTres, Santa Comba, 2005.
  • Días do final: Galaxia, Vigo, 2007.
  • Malas cartas: Biblos, Cesuras 2010.

LIBROS COLECTIVOS:
Poesía:

  • Coordinou, xunto con Vicente Araguas, a edición de En tránsito. Poesía galega en Madrid (Ediciós do Castro, O Castro-Sada, 2001).
  • Intifada: Fundación Araguaney, Santiago, 1989 e 2003.
  • Homenaxe a Miguel González Garcés: Deputación da Coruña, 1991.
  • XII Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1994.
  • XIII Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1995.
  • XIV Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1996.
  • Comercial: Río Xuvia Edicións, Neda-A Coruña, 1998.
  • Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa: vtp, Madrid, 2000.
  • 47 poetas de hoxe cantan a  Curros Enríquez: Xerais, Vigo, 2001.
  • O trazo aberto: Deputación de Pontevedra, 2002.
  • 25 anos de poesía galega II: edición de Luciano Rodríguez, Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, A Coruña, 2002.
  • Poesía Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes Montes: Edicións Fervenza, A Estrada, 2005.
  • Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte: edición de Xesús Alonso Montero, Pen Clube de Galicia, Santiago de Compostela, 2006.
  • Pontevedra Literaria: Concello de Pontevedra, 2007.
  • A Coruña á luz das letras: editorial Trifolium, Iñás-Oleiros –A Coruña, 2008.
  • Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid: edición de Xavier Frías. Editorial El Taller del Poeta, Pontevedra, 2010.
  • Dairas: Edición IES García Barros, A Estrada, 2011.
  • A cidade na poesía galega do século XXI: edición de Gonzalo Vázquez. Editorial Toxosoutos, Noia, 2011.
  • Suave e preciso. Catálogo de Manuel Patinha: Deputación de Ourense, 2012.
  • Bilbao: Edición de Xavier Frías e Luis Luna. Editorial Amargord, Madrid, 2012.
  • Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega. Apuntes para no disolverse en la común semilla del tiempo: Edición de Antonino Nieto Rodríguez. Editorial Endymión, Madrid, 2012.

Prosa:

  • Día de inverno: gañou a novena edición do premio de relatos Casa de Galicia en León, 1992.
  • Sobremesa: accésit no concurso Modesto R. Figueiredo, 1999. Ed. do Castro, 2001.
  • Día de praia: mención no concurso Modesto R. Figueiredo, 1999. Ed. do Castro, 2004.
  • Narrativa Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes: Edicións Fervenza, A Estrada, 2005,
  • Cincenta: relato dentro do libro E Madrid foi unha praia de baleas entre néboas: grupo Bilbao. Editorial La Fábrica de Libros, Asturias, 2011.

Poética:
110
Escribir para gardar os recordos, e
que o tempo non leve máis que o seu.

(De Inventario de fragmentos, 2001)

Na rede:
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor en “BVG”
O autor no “Caderno da crítica”
O “facebook” do autor
Máis do autor

Poemas:

Illa,
cercada polas ondas,
arrolada polo vento,
habitada polo misterio,
circundada pola xerfa.

Ti, illa sempre
das miñas noites sen sosego.

 (De Poemas de cinza, 1990)

o tempo é unha árbore
da que caen os días
cunha obsesión outonal

a vida, o tempo
poboado de paxaros

a morte é a árbore seca
da vida onde
aniñan paxaros mortos

(De Todo morte, 2006)

Ti e mais eu
Silencio
Diante nosa unha tarde de mar
Un vento salgado
acariciando os nosos rostros
Nos ollos a sombra dalgún recordo
e unha quietude verde
azul                       gris
E o desexo de amarnos
sempre
como nesta tarde de mar

(De Rosa íntima, 2000)

ÁMOTE
Con toda a razón.
Sen lendas nin fanatismos,
sen labirintos nin enxovais,
sen coiraza.

Coas mans,
coa risa e a señardade,
con raíces e dúbidas.
Con toda a razón.

(De Tatuaxes, 2011)

É verdade que non chegamos tan lonxe
como as nosas aspiracións.
É verdade que o tempo vai moi á présa.
É verdade que é difícil atopar a senda que non mente.
É verdade que non se regala a alegría.
Pero o destino non está escrito.
Nin son débiles as flores.
Nin os soños fume.
Nin o fracaso alleo aos heroes.

(De Interior con froiteiro e feridas, 2012)

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”