Rosalía Fernández Rial

 

 

 

 

 

Nomeada por:

Eli Ríos

Nomea a:
Fran Alonso
Paula Carballeira
Miro Villar
María Lado
Emma Pedreira

Bio-bibliografía:
Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) é, sobre todo, escritora, en especial de poesía. Aínda que tamén se licenciou en Filoloxía e se está doutorando en Ciencias da Educación, ao tempo que continúa a súa formación en arte dramática, despois de ter participado nalgún proxecto teatral. Esta última faceta combínaa, asemade, coa escrita, levando os seus versos a escena mediante propostas musicais, pictóricas e performánticas.

Ten publicados varios poemarios individuais; En clave de sol (2009), Átonos(2011), Vinte en escena (2012) e Ningún amante sabe conducir (2014); unha guía poética pola Costa da Morte en colaboración con Xan Fernández, titulada Un mar de sensacións (2012) e relatos curtos en volumes colectivos, como Follas de Carballo (2011) ou Contos de taberna (2014). Ademais, participa con artigos no xornal dixital Praza Pública.

 

Poética:
Cando un espello esperta, engule a realidade. Para soñala tralo cristal. Así, a lucidez do reflexo fuma o corpo de quen mira, ata zoalo nun alento de néboa onírica. Virándolle as pálpebras ao espectador devorado.

Coa mesma hipnose, un texto ha de escribir ao lector. Despois de esnifalo entre liñas, autovía cara á infinitude, e inmolarlle o ollar contra os temporais do imaxinario. Quebradas, xa, as pálpebras da percepción. Personaxe feito.

(texto publicado no semanario en papel Sermos Galiza o 1 de febreiro de 2013)

Na rede:
A web da autora
Caderno da autora
A autora na “Galipedia”
A autora na “AELG”
A autora no “Praza Pública”
O “facebook” da autora
O “Twitter” da autora

Poemas:
PULSO 4
O silencio berra nos teus ollos
como un solo de baixo introvertido.
Podo descifrar as notas que calas
e adozalas con trinos imposibles.
Podo inventar un pentagrama en branco
para agochar os teus segredos.
Pero prefiro agardar
Sentir como te achegas…
A túa lingua fala sen palabras
coa palleta dos meus beizos,
e a nosa canción soa dentro de min,
marcando o ritmo dun corazón enmudecido.
Apaga a voz
e dime que esta noite non vai amencer.

Rosalía Fernández Rial

En clave de sol

 

 

GÚSTO-NOS
Agarda!
Estamos atados
pola mesma lingua,
enredados en idéntica
papila gustativa.
Vibra. Bebe o ruxir
que nos deglute sen tragar.
Brinca o lume loiro
da fala lene.
Pero agarda.
Non rompas o compás.
As palabras de sabores
sóñannos saltos imposibles
sobre ápices entrelazados.
Podemos ser traficantes de padais
ou afinar o asubío desta serpe.
Podemos chuspir letras amargas;
sentir o doce tombo
dos beizos salgados.
E o bico barbitúrico da lúa.
Podemos protexer ós fuxitivos.
Mais agora agarda.
A única fronteira
é a nosa lingua de area. No horizonte.

Átonos

Rosalía Fernández Rial

 
ESCENA VII: (esquina)
As esquinas da rúa
que fago pola noite
son as proas da cidade.
Eu, o máis fermoso mascarón.
Nacín madeira de serea;
o meu canto fuma
rosas dos ventos
en solapas descoñecidas.
Desorientadas xa.
E os peixes que teño nos beizos
Coñecen
todos os buratos do suburbio.
Porque cada crepúsculo
atracan, nas miñas costas,
demasiados barcos desnortados.
Din que me movo
en danza oceánica;
que bico coa vertixe do nordés.
Comprenden que cobre
por fabricar amor.
Pero ninguén  sabe
con cantos piratas
teño que deitarme
antes de poder durmir.

Vinte en escena

Rosalía Fernández Rial

Vídeo, son, imaxes, +:
A autora no “YouTube”

Ponte móbil

Autopista (Ningún amante sabe conducir)

Colaboración de Rosalía Fernández Rial co grupo Habelas Hainas nunha homenaxe a Rosalía de Castro