Noelia Rodríguez

 

 

 

 

 

 

 

Nomeada por:
As Escollas Electivas

Nomea a:
Lourdes González Alonso
Sechu Sende

Bio-bibliografía:
Nacida en Lisboa no 77, cando aínda resoaban os ecos do 25 de abril, voltou a Galicia con tres anos para vivir a súa infancia e xuventude no Xurés, onde se alimentou dende nena da riqueza dunha das variedades máis antigas do galego, un xeito de falar que marcará profundamente a súa escrita.

Durante os anos de estudos en Ourense, escrebeu os seus relatos máis temperáns que lle valeron os primeiros recoñecementos literarios a nivel provincial, e participou da vida literaria xuvenil co-fundando o Clube literario estudiantil.

Xa en Compostela, onde cursou os estudos universitarios, desenrolou unha prolífica actividade cultural, experimentando co teatro como actriz e co-autora dos guións no grupo Comité Teatro,  ó tempo que consolidaba tamén a súa creación poética,  participando en  recitais xunto con outros autores do seu tempo. O recoñecemento á súa obra poética chegou coa publicación do seu primeiro poemario, Sons de Baleas (Ed.Calidum), no 2003.

Ademáis de poesía, Noelia ten publicados relatos breves en varias edicións culturais en lingua galega coma as revistas Nós, Xurdimento ou Arraianos, así coma en diferentes medios escritos dentro e fóra de Galicia. A súa obra está recollida tamén en publicacións colectivas coma Vieiros de palabra, e ten no prelo o seu segundo poemario: Non te esquezas dos peixes vermellos.

Poética:
Para min, a poesía non é un don especial,  é algo innato ó ser humano, a linguaxe primeira, orixinal. Ó igual ca pintura ou a música, forma parte das manifestacións artísticas máis primitivas e por iso, a poesía ten a capacidade de chegar e tocar á parte máis íntima do home, a súa conciencia.

Isto explica que mulleres e homes que teñen merecido un lugar senlleiro na historia, tamén lle deran á poesía un meritorio lugar nas súas existencias. Intelectuais, pensadores, economistas, políticos… Penso ó tempo que escribo en personaxes que admiro coma Mandela, Aung San Suu Kyi, Ferrín, Picasso por mentar algún, alén dunha longa lista de poetas e escritores que conforman o meu ideario particular; todos eles comparten, alén dunha fonda conciencia social, o entenderen a poesía como linguaxe universal, como vehículo para expresaren con liberdade o seu pensamento e ofrecérenlle unha nova perspectiva ó mundo sobre o mundo, a través do verso.

A poesía é para min, coma par eles, un idioma universal ó servizo do ser humano; unha linguaxe franca, espida, quen de chegar a través da beleza e da verdade ó máis profundo das almas e das conciencias.  E por ter esta responsabilidade cara ó mundo, o poeta ha de ser esencialmente humilde, fundamentalmente honesto e absolutamente franco, e isto require unha valentía singular que é o que fai que non sexa doado escreber poesía.

De aí, a miña profunda admiración polos grandes poetas, é de aí que esta miña breve aproximación ó verso non sexa máis ca dunha humilde aprendiz.

Na rede:
Autora na “Galipedia”
A autora na “CALIDUM”
A autora na “Revista ARRAIANOS”
A autora no “Caderno Arraiano”
Máis da autora

Poemas:
(…)

A quen lle deron a pluma,
déronlle a espada.
A loita é só unha cuestión de tempo.

Inédito, 2012

Galatea

Pensar,
maxinar,
ouvir.

Sentir o bruar profundo desa voz
que evoca  o berro revoltado
dun animal subterráneo.

Pór a miña man na fenda
aberta sobre a terra labrada,
e tocarche, sentir o tacto puro e mineral
da túa presencia,
a lentura secular da materia
que me conforma.

Sentirme Galatea xurdida
das túas entranas,
con arrecendo  a terrón,
a materia fértil.

Sentir o fluír intenso dos mil
caudais que te sulcan,
percorrer as miñas veas.

Pensar,
maxinar,
ter a certeza,

de que esa voz me atravesa,
me sacode dende a raíz,
provocando o movemento inconsciente
da miña pluma,
fiando o feble, decidido fío da miña raza.

Publicado en Arraianos, número V, 2006
 

(…)

A que sabe a soidade?- pregúntasme.
A soidade sabe a mazán,
A mazán ácida e fresca.
E porque a soidade sabe a mazán,
Sempre resulta tentador mordela.

Inédito, 2012

 
 
Estou

Estou.
Pero non me percures no van do trapecio,
onde a lúa brinca cos corazóns de palla
prendéndolles lume.

A min, da noite, gústanme máis as estrelas.

Se un día queres vir ter comigo
e a agulla da túa brúxola perde o norte,
pregúntalle a elas, que saben onde atoparme
mesmo en noites coma esta.

Estou.
Sigo a agradarte
coa ollada acesa, de quen agarda o efímero
debuxarse dunha estrela fugaz no van do firmamento.
Ti tés calquera cousa que me aquece,
que arde devagar e nunca se apaga,
se quero estar contigo é só soprarlle.

Estou.
Pero non me percures
por onde outros pasaron antes,
que o meu andar vai de beira a beira,
aprendendo como pasa o tempo
unha estrela errante.
Ti tés calquera cousa que me prende,
que ten da miña alma e nunca a solta,
se quero ir ter contigo é só puxala.

Do poemario “Non te esquezas dos peixes vermellos”, 2011

(…)

Iste animal que me habita,
ten nome de fera salvaxe.
É lobo.
É aguia.
É fame.

Inédito, 2013

Azul

 

“… Que azul es la vida, Miguel, cuando hemos puesto en ella amor y lucha…”

P. Neruda

Sobre o teu azul
o meu azul descansa.

O azul da túa pel
sobre o azul da miña alma.

O azul do teu pensamento
pinta de azul a miña esperanza,

namentres o azul das túas verbas,
paseniño,
me desarma.

Do poemario “Non te esquezas dos peixes vermellos”, 2011