Yolanda López López

 

 

 

 

 

Nomeada por:

Vicente Araguas

Nomea a:

Xosé Luís Méndez Ferrín
María Xosé Queizán
Pilar Pallarés
Alfonso Pexegueiro
Chus Pato
Emma Pedreira
Alexandre Nerium
Ana Romaní
Vicente Araguas
Pedro Rielo Lamela
Carlos Penela

Bio-bibliografía:
BIOGRAFÍA. (Ourense, 1976). É funcionaria de carreira na Administración de Xustiza (Fiscalía de Madrid). Licenciada en Filoloxía inglesa, técnica en turismo, tradutora e pintora pola Deputación de Ourense e polo Centro Dotacional de Arganzuela de Madrid, adicouse ao ensino medio e universitario.

Realizou o DEA, o doutoramento e a tesiña de licenciatura sobre a identidade indidual e colectiva na obra da escritora sureña Eudora Welty. Foi investigadora nas universidades da USC,  A Coruña, Castilla-La Mancha, Birmingham –UK-, Virginia e Mississippi–USA- e no Centro Ramón Piñeiro, onde colaborou con diferentes ponencias e artigos de ensaio.

É autora dos poemarios individuais premiados Verdugos impolutos (Concello de Rábade e Xunta de Galicia, 2005), Obertura sen heroe (Follas Novas, 2006), Grietas (Visión Libros, Madrid, 2012), Temblor fiero (Lastura, Madrid, 2013), Moralla (Follas Novas, 2013) e Tántalo (Xunta de Galicia e Concello de Negreira, 2014). Ten diversas traducións literarias publicadas na Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego (Shakespeare, Brönte). Nos vindeiros anos sairán do prelo libros seus na prestixiosa editorial Huerga & Fierro de Madrid.

Galardoada con premios literarios en Galicia e o resto da península, Suso Vaamonde, Rosalía de Castro de Cornellá en dúas ocasións, Aurelio Aguirre, Antón Tovar, Xosé Neira Vilas, Fundacion CEPAIM para a solidaridade, mención de honra do Manuel Oreste Rodríguez, I Premio Manuel María da Casa de Galicia de Guipúzcoa, accesit do Picapedreros da revista La Oca Loca, ou o Manuel López Ardeiro, textos da súa autoría aparecen nos libros colectivos Ás aforas do soño (Casa da Gramática, 2005), Homenaxe dos poetas galegos a F. G. Lorca (Xerais, 2006), Catálogo Rede Natura de ADEGA (Xunta,2007), Implícate na palabra: Poetas galegas e tamiles (Implicadas/os no desenvolvemento, Galaxia, 2007), Uxío Novoneyra: A emoción da terra (AELG, 2007), Letras novas (AELG, 2008), Filografías (Lastura, 2013), Angrois (Xacobeo, 2014) e O soño galego de Julio Cortázar (Linteo, 2014).

Publicou poemas, relatos e artigos de opinión en xornais e revistas literarias (Boletín literario da USC, La voz de Galicia, La Región, Galicia Hoxe, Xistral, Dorna, A xanela, Saudade, Lúa nova). Colaborou no equipo de traballo do manual Niveis de Competencia en Lingua Galega (Xunta, 2006).

Forma parte do programa de recitais Poesía Nova da Comunidade de Madrid. Participou en recitais benéficos e en homenaxes a intelectuais. Impartiu obradoiros literarios e foi membro xurado de certames para mozos. Participou en espectáculos de poesía, pintura, fotografía, música e danza oriental. Forma parte dos grupos literarios Bilbao e Poekas de Vallecas de Madrid.

Poética:

Escribir é fecundar a vida e deixar preñada a nosa morte.
Cando o pensamento é poético, a palabra é música.
A poesía é a ferramenta coa que movemos a conciencia social.
O poema é o edificio da emoción e o pensamento sublimes.
O poemario é a porta que nos leva ao universo da imaxinación e a fantasía reais.
Coa poesía facemos arquitectura volátil e disparo necesario.

Na rede:

A autora na “Galipedia”
A autora na “AELG”
A autora no “Caderno da Crítica”
A autora no novo “Caderno da Crítica”
Entrevista no “Diario Cultural”
Entrevista no “Galicia Hoxe”
Entrevista no “ABC”
O “facebook” da autora
Nova en “La Voz de Galicia”
Nova en “El Correo Gallego”
A autora nas “Afinidades electivas”
A autora en “Batalla de papel”
A autora en “Poekas”
Máis da autora

Poemas:

O zoolóxico errante

Á miña nai

Coma unha formiga refulxente…
e vas arrastrando os teus brazos durmintes
ao carón da herba mutilada,
rebelde serpe de pétalos escuros e azuis
ondeando rochas crebadas que anhelan ferir os teus ollos
na ledicia de vivir sorrisos melodiosos.
O teu canto de vaca agarda pola miña boca seca
repartindo verbas inusitadas no tacto da vida,
lamelas de mapoulas retorcéndose no teu berro de raíña silandeira,
que non precisas de coroas para furar no veleno demoníaco do mal.
Érgueste como ti só sabes a forza de canón,
embrión e bramido,
útero de salamandra bramando versos rachados e nómades,
estendendo as túas ás de bolboreta férrea…
caleidoscopio de cores altisonantes
atravesando selvas amazónicas,
coa túa música lonxana recruando no vento,
nena indíxena fuxindo da intemperie,
regato morriñento agochado na trompa do elefante salvaxe,
e así vas caendo nas ondas do mar alporizado,
na escuma virxe do Atlántico profundo,
coma unha gaivota  sen plumas,
coma un peixe en ardores,
coma unha caracola a rentes do chan.

Moralla (Follas Novas, 2013, no prelo)

 
 

A contraferro

 

Golpéasme a cada intre de desexo.
Escultor.
Arquitecto cuneiforme de materias.
Porque es ti o moldeador da miña masa feita cúspide.
E vas abaneándome lentamente coa dureza de saber
que me penetras co martelo afiado
das tuas puntillosas mans,
e fíresme coas mans,
as túas milagreiras mans ensuciándome coxas adentro,
coa ledicia de saber que vas rubindo corpo arriba,
interminablemente,
coma un xogo indescifrable de códigos á intemperie.
Que non voltarei a ser arxila moribunda,
Claudel esmagada en ningún chan,
escultor,
mon amour, meu Rodin resucitado.
Agora quero ter ollos para que moldees o meu cabelo
aínda inexistente…
E as miñas bágoas de poeta,
Escultor de arxilas imposibles,
meu poeta imaxinario,
acaparador de ansiedades,
enfermidade doce que me envolves.
Os meus peitos serán ferro
para arrolar polas noites
os teus ollos de caníbal.

Moralla (Follas Novas, 2013, no prelo)


Política
Corta o dedo no punto que eles queren e cicatrizará ouro
Guerra
Caeron balas pérfidas para ser beleza nos meus ollos
Paz
Escribir como resposta ao que bombardean os soños
Bomba de reloxería
En ocasións, convertimos os prexuízos en terrorismo verbal (e de feito)
Beleza
Pensión completa. Aforo limitado. Eu soñaba con paraísos e agasallos que perdín camiño a CASA.

Grietas (fendas) (Visión Libros, 2012)


SEGREDO DE SUMARIO
 
Arestora repudio iso que chaman civilización.
O documento da barbarie
Que Walter Benjamín bautizou.
Invento retrógrado de mentes
Imperando  na violencia irracional,
No pragmatismo perverso adoecendo pestes.
A Operación Cóndor,
Liberia, Haití, Colombia,
A invasión de Armenia,
Os presos do cruel Guantánamo,
O xenocidio de Sudán, Sierra Leoa,
Uganda tinxida de masacre,
Katmandú mutilada,
A inocencia feita escrava,
Nueva Delhi, Etiopía,
A matanza sombría en Srebrenica,
O suxo ouro do Congo ensanguentado,
Os kurdos, os saharauís marxinados,
Gaza, Cisjordania, Bagdad, Beirut,
A identidade secuestrada,
Hassan II dende o púlpito da vergoña,
Das tropas fachendosas, da ebria Vitoria que amordaza,
Porque o voso pudor arrecende
A rancia pólvora homicida.
Adopto a postura inconformista
De revolucionaria inadaptada
No muro no que escacho e me atranco…
Mais érgome combativa.
O sangue percorre incertezas que fago leis certas,
Resistencias que triunfan
Na escuridade de olladas baleiras
Enchéndome…coma o mercurio tóxico
Que asasina na Bahía de Minamata,
Ou Chernóbil enchoupada coas bágoas acres da besta nuclear.
A materia deforma cavidades
Na ventosa de insignificancias,
No cerebro do animal inerte,
Nos ollos do látego enfermizo
Intoxicado polo necio culpable.
E a sádica industria…
Fumigando inocentes
Coa gadaña envelenada de Satán.

 Ai, este periplo onde a mártir mata ao mártir

Mahmud Darwish

Obertura sen heroe (Follas Novas,2006)


No licor da melodía negra
 
Era a melodía exultante,
Como a gadaña feroz do sexo maldito,
Púlpito cintilante que lostrega borrallas
No leito de lembranzas afastadas.
Xa desfalecen os penedos arroubados,
O clamor de pedras e magnolias
Amordazando o vento,
Como as frangancias da mesquindade que tortura…
Arcanxos negros ceibados
Polo licor rancio do medo celestial.
Olimpos, labirintos de
Hipocresía velenosa.
Dona que co seu bico mortal
Agocha segredos sádicos.
O diaño no cumio de perfidias e desprezos.
Emblema de soños e coitelos
Que pingan conciencias enfermizas
Aloumiñando a mágoa
Da inocencia arrebatada.

Verdugos impolutos (Concello de Rábade, 2005)

CAMALEÓNS NA NOITE 

Éntrame o salitre polos ollos ancorados
No mar estremo
Do teu alento virxe.
Es a carauta suicida agochando
o grillete do desamor profundo,
o asasinato etéreo
que me peta nas entrañas amorfas
do vento desolador,
a desolación das horas rotas
soprando na batería distante
dos teus dedos variopintos,
o pincel cortante argallando
a bala ingrata da morte treboenta,
o tremor da pel
que me queima no contacto traslúcido
de sombras ardentes.

Inédito

Poema pertencente a TÁNTALO (Premio de poesía Manuel López Ardeiro 2014)

PARTIDA DE XADREZ

Ti, toda a estirpe da soidade
madurecendo sen úlcera nin proeza opaca.
Nudez traslúcida e primixenia.
Os teus labres como rochas
bombeando linguas de grosa matriz,
tesouro mollado entre charcas e xestas,
Vanka Vania arando leiras
no porvir ingrato de Chejóv.
Porque ti posúes a veracidade
de sentir a picadura da abella,
sen carautas nin ataduras baratas,
que nin Marte podería co peso da túa pel
con vistas á arteria consumida
da señardade incrédula.
Mandas cartas sen remite
ao anonimato de peóns
nas filas da partida contigo mesma,
Gioconda Belli habitando a libérrima muller,
xadrez belixerante cos pés espidos
e sangrantes de Saturna-nai.
Nunca esqueces recoller os paxaros mortos
cando pias,
coas plumas da penuria erixindo
o concerto ingrato da dor…
mentres Baudelaire marmura lentura
co reiseñor do desencanto.

Paseas entre figuras de cristal,
batendo coas túas unllas rotas,
co desacougo de Pessoa entre táboas
de demolición e salvación:
«neste mundo em que esquecemos /
somos sombras de quem somos”.
Entras sixilosa na batuta de Clara Schumann,
alimento de neveiras baleiras
como cordas na inmensidade do mar azul,
tinta vermella na que non afogarás.
Ritmos agresivos, “Songs of Beuren”,
Carmina Burana contra quen te rebelas
lanzando as pedras sonorosas do desencanto.
As túas raíces non precisan de ramaxe
para sobrevivir infortunios.

A destrución convertida en construción
no “desterro xermano”. 28 metros. 20 horas.
E segues a mover alfís na batalla,
como Sylvia Plath cravada
na túa árbore de alquitrán
devorando imperios:
“I am not Caesar /
I have simple ordered a box of maniacs /
I am the owner”. 
Herba romántica escarvando
na úlcera de estómagos visionarios.
Boneca sobre almofada
que racha conciencias
no pozo de donacon dereito
a réplica e consumo,
conxuro con alento e fusil,
nostalxia ferinte emitindo xemidos
en moteis de beleza tóxica.

Danzas nauseabunda
coa gadaña da morte entre víboras e ferro,
engranaxe preparado ante a nada alucinóxena.
Golpeas os puños contra bombas inertes,
e así galloupas sobre estatuas,
ergueita sobre cidades insomnes:
Cuspindo versos negros
no latexo xélido da vida.
Vídeo, son, imaxes, +:
Entrevista no “Eirado”

Unha reflexión sobre “Yolanda López López

  1. Pingback: Morralla, de Yolanda López López | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.