Alexandre Nerium

 

 

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:

Modesto Fraga Moure

X. H. Rivadulla Corcón

Yolanda López López

 

Nomea a:

Bernardino Graña

Xohana Torres

Salvador García Bodaño

Darío Xohán Cabana

Francisco X. Fernández Naval

Eva Veiga

Modesto Fraga Moure

X. H. Rivadulla Corcón

Rosa Méndez Fonte

Xosé Leira López

 

Bio-bibliografía:

Nesta pequena vila de Fisterra onde a súa idiosincrasia está xacudida polas rutías (cristas das ondas a se cravar na amura) e os xaramiños (remuíños de area e auga do mar formados polos fortes refachos) e vestida con roupa de augas impregnadas con aceite de liñaza e cansa de atalingar anzois e clarear panelas, aquí nacín, no seo dunha familia humilde, mariñeira, de velames tecidos de ternura, onde, ó armar o aparello, en cada chumbo que atesouraba as trallas daquel cánabo, se introducía sixilosamente, a folla de oliveira bendita o Día de Ramos e, dende a galería, sentíase ventar un equinoccio, e o xarido famento das gaivotas, e o isócrono rinchar das brogas irtas, eses costóns encol das remadoiras e baixaba á Ribeira e axudaba a subir as bucetas polas entallas ensebadas dos imos fornecidos co salitre e a soportar os cestos á cabeza no equilibrio que escruta o andar da vida.

 

 

Alexandre Nerium, pseudónimo de Francisco Manuel López Martínez, nado en Fisterra en 1960, cerna da Costa da Morte, na provincia da Coruña, sempre estivo vencellado ó mar. Foi mariñeiro, mergullador en apnea na extracción de longueirón e agora traballa no Museo da Pesca, no Castelo de San Carlos, desta localidade.

Comezou a súa andaina poética no Batallón Literario da Costa da Morte.

No boletín Feros Corvos desta asociación viron a luz os seus primeiros versos.

Poucos meses máis tarde outorgáronlle o X Premio de Poesía “Rosalía de Castro” (Cornellá, Barcelona, 1996) pola obra Cidadela (O verxel das sete fontes).

Publicou en antoloxías poéticas como De mar e vento (1997), Vis à Vis (1997), Nós (1997), Rumbo ás illas (1997), Poesía na noite (1998), Mar por medio (1998), O mundo da pesca na Literatura Galega (1999), Certame de poesía “Rosalía de Castro, 1992 –1996” (2000), Namorados da Costa da Morte (2001), 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (2001), Trazo aberto (2002), Negra sombra. Intervención Poética contra a Marea Negra (2003), SempreMar (2003), Poemas e mar de fondo (2004), AMASTRA –N- GALLAR (2006), Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006), Maregrafías (2008), A Coruña á luz das letras (2008), Premio Faustino Rei Romero (2008), De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte (2009), Vilagrafías (2011), Tamén navegar (2011), Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013).

Tamén publicou en colectáneas lusas como Palavras de vento e de pedra editada no Encontro do Vento en Castelo Novo, Fundão, Portugal (2006) e Poesía do mundo editada no Sexto Encontro Internacional de Poetas, Coimbra, Portugal, (2007)

Participou nas revistas Dorna, A Xanela, Lúa Nova, Terra bárdica , Ardentía, Atenea, Oficina de Poesía, revista de palavra e imagem, Coimbra, Portugal ou na revista Bigbridge

Seguíu colleitando premios de poesía como o “Antón Zapata”, “Meigas e trasgos”, “Faustino Rei Romero”, “Manuel Orestes Rodríguez López”, Anduriña Voandeira ou o VII Premio de Poesía “Johán Carballeira” (Bueu, 2002) co poemario Vogar de couse (Espiral Maior, 2003).

O seu segundo poemario é Nocturnidade do sal (Sotelo Blanco, 2008)

 

Poética:

Para pronunciarme sobre a miña poética elixín un texto que xa fai bastante tempo que o escribín e que foi publicado no meu último poemario que se intitula Nocturnidade do sal. Por certo, a nocturnidade é a realidade intrínseca que rodea ós que habitamos a Costa da Morte e o sal, a vida nun mar que nos asolaga e, ó mesmo tempo, amamántanos, cúrtenos, identifícanos e fortalécenos coa vitalidade necesaria para proseguir vogando cada singradura.

 

O texto que vou esmiuzar di así:

 

“Levamos o crepúsculo tatuado nas cadernas”. Habitamos o ocaso, o termo, a fin do mundo, esta Costa da Morte esvaecida, onde tan só do mar chegan as crebas: os restos do naufraxio guindados pola borda e levámolo dentro, tatuado nas costelas pois nós somos a nave que ha de arrostrar decote as axadas de vento a sucumbirnos.

“a vixilia da bruma nas áncoras da noite”. A bruma, a borraxeira, todo insondábel son da fiel da buguina que apupa a soidade máis comesta, que de sempre vixilia, espida fame, o berro dun meniño, o desconsolo; e a espesura, inmensamente clara como a noite, fainos fondura atortorada ás áncoras.

“o esvaecer do pano cinguido ó ergueito mastro”. E, ó fin, canto remorso en mar espido, canto sabor no cuspe a despedida, canto sal nunha bágoa, cantas unllas sen unllas esgazando as entrañas da memoria. O diáfano loito ondeará no mastro, levarémolo sempre por bandeira.

“o ensalitrado músculo estrado na entreponte”. Cansazo e desosego na cuberta. Os escobéns non ven, ollan de esguello. No Castelo de proa o sur amaina. Toda suor nun puño baixo a sombra.

 

Na rede:

Caderno do autor

O autor na “Galipedia”

O autor na “AELG”

O autor en “BVG”

Máis do autor

 

Poemas:

Rutías

 

Criches ter que arrostrar o arfar do tempo

para poder testemuñar o alleo

daquel eterno navegar a soas.

 

Non te achegues ó lume. Son de palla

as ás coas que pervagas sotaventos.

 

Onde todo apodrenta ou se desfai

a memoria vaise quedando a ollo

coma un gran mar cheo de soidade.

 

Non che semella o barco ó vagalume

no misterioso temporal da noite?

 

Alén de nós o ar: naufragar sós

(De Nocturnidade do Sal, Ed. Sotelo Blanco, 2008)

 

 

 

 

Do atalingar recollo

dende xacando

aquilo

que era noso:

a fereza do anzol

cabo da morte

 

Reflícteseme a peza

malia que todo pasa

decontado

 

 

O rastrollo que fun

no queipo colla

(De Nocturnidade do Sal, Ed. Sotelo Blanco, 2008)

 

 

 

A Carme, rememorando o abrente.

 

Hei naufragar nas vagas dos teus ollos onde a brisa é dozura e o mar tenreza envolto por argazos furibundos que me esgaduñen feros as espaldas. Hei reflectir nas ondas intanxíbeis o pélago onde afondas as meixelas, os penedos sinceros do teu hálito, os temporais severos do teu ventre. Hei falecer nas dondas turbulencias, na pube onde me escondas o desexo, nos mananciais austeros dos teus beizos… E curarei as chagas co sal morno que mana da fondura do teu corpo até perder os azos que me erguen… E bicareite núa cada instante, cada xesto inmutábel do teu rostro, cada suco que labre a túa fronte no tempo que perdures nesta terra. Percorreremos xuntos, sen demora, a senda que procures no horizonte, a liña sen conxuntos nin espazo, o pranto que madures cos teus pei-tos… E amareite sen puntos suspensivos na som-bra que rotures no teu soño nun eco de presuntos labirintos até atopar a lúa, despieitada no mar inexorábel, que nos faga voar, sentir que se abre a vida ausente.

 

(De Nocturnidade do Sal, Ed. Sotelo Blanco, 2008)

 

 

Debúllanseme as bágoas no rostro da memoria, chafarices de mágoas acendendo a lareira, gumes enferruxados na friaxe da aurora onde a tersura labra negras ondas esgrevias. Canta humilde pala-bra na terra axeonllada batendo nos valados os xugos contra as pedras!, cantos fieis cavadoiros chorando nos recantos!, cantos tristes mulidos cargados de paciencia! Decruamos degoiros coa fame omnipresente de salgados laídos nos estigmas da area, peneiramos os loiros cabelos das espigas nos delampos perdidos da tarde treboenta, esgaza-mos os coiros na bravura do tempo cos pés atereci-dos, exhaustos na pobreza.

 

(De Nocturnidade do Sal, Ed. Sotelo Blanco, 2008)

 

 

 

O Centulo

 

Rompe a escuma os teus beizos asolados,

silencio dun chorar que azouta o vento,

onde o fulgor do ceo faise lamento

nas bágoas dos teus ollos namorados.

 

Vendo pasar os corpos fatigados

ergueito estás nun longo pensamento.

León de pedra escoita o sufrimento

dos pobres mariñeiros afogados.

 

E no escuro crepúsculo do día,

cando a noite che cobre en soidade,

emerxe o teu ruxir na lonxanía.

 

Centulo da nostalxia e da saudade

cravado no mar da melancolía,

loitando contra o tempo e a adversidade.

(De De mar e vento, Espiral Maior, 1997)

 

 

 

Cabaleiro do mar

 

Cabaleiro do mar, fun cabaleiro

dun castelo de estrelas desvalidas,

entre cachóns de anémonas perdidas,

entre cinzas que afloran no salseiro.

 

Cabaleiro do mar, fun cabaleiro

na galera de mans esvaecidas,

entre bágoas de sal esmorecidas,

amarrado á mesana dun veleiro.

 

Cabaleiro do mar; de pés mollados,

entre alfanxes sombríos, ondulados,

de azagaia sutil e nacarada.

 

Cabaleiro de soño e de serea

tumbado no devalo da marea

sen pavés, sen loriga e sen espada.

(De De mar e vento, Espiral Maior, 1997)

 

 

 

 

Ó meu mar, coa alma chea de piche

 

Trazos de negro cuspe

 

… Asemade que as sabas xacoden os perfís

dos temporais, que as unllas esgadunllan os iris

dos portillos, que os vértices do catre se eternizan;

neste ciar inxente de lastrada cobiza

largáronnos cos ávregos á beira do cantil …

 

Cada cadro éche un intre que en cada rada arriba

cos óleos xa resecos de tanta pincelada;

o lenzo: as oquidades onde ocultar a vida

pegada ó galipote, ós eidos, á resaca;

de bistre a cor do espazo que o esfumino disipa.

 

Para sobrevivirme do escuro que me irradia

embarqueime á chalana que tiña abarloada,

con ímpeto, coa máscara, cos céfiros de proa;

sen pensar que, de noite, precisase as bengalas

se acaso para verme na nítida zozobra.

 

Os marcos interróganme, cóbrenme de agres olgas,

afanme a somertervos á miña escravitude,

a herdar destoutras pátinas o peso que as escouras

lastraron no estaleiro (a ausencia) pé da dorna

sobordada no algarve de inmemorial queixume.

 

Dentro del: certa lenda que aventa os trancanís,

o estadio dun espello cara ó final do túnel,

vinteún anos e un día despezando o volume

dun enorme patache de cheminea anil

que deixou tras das costas trazos de negro cuspe.

(De Vogar de couse, Espiral Maior, 2003)

 

 

 

Á Augatinta

 

Fica de min algún solaz aínda…

 

A infancia atalingada nos anzois

deixoume tras das ás un triste embate.

 

Fica de min algún solaz aínda…

 

O cheiro a mar apenas rabuñara

da bruma a infinitude: ardua aquiescencia

coas miñas unllas de verán sedento.

 

Fica de min algún solaz aínda…

 

Tímido atardecer dun sol decrépito

ó carón do peirao que morre á  espreita

sen máis carena de salgais conversas,

sen máis enlevo de cantís aos ollos.

 

Fica de min algún solaz aínda…

 

Lamber a agrura da augamá non chegue,

sinta morna nudez o meu poema,

que me levede o sal fera agonía

se vexo seren os meus dedos noite

neste insomnio comesto de gaivotas.

 

Fica de min algún solaz aínda

para ausentar das cunchas o crepúsculo.

(De De pondal ao Batallón Literario, Sotelo Blanco, 2009)

 

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”