Alba Méndez

albabidueira

Nomeada por:
Miguel Ángel Alonso Diz
Ramiro Vidal Alvarinho

Nomea a:
Alba Cid
Manuel Piñeiro
Xurxo Martins
Rochi Nóvoa Vázquez
Samuel L.Paris
Iago Castro
Silvia Penas
Celia Parra
Xiana Arias Rego
Samuel Solleiro
Alberto Lema 

Bio-bibliografía:
Alba Méndez é natural do Morrazo, península á que se sinte moi arraigada. Estudou educación musical e infantil. Na actualidade é mestra de música. Nos seus escritos intenta transmitir o amor e a paixón que sinte en todos os ámbitos: en parella, coa natureza,  a través das artes etc. e reflicte tamén o seu compromiso coa lingua e o movemento obreiro. Ve a ilusión e entusiasmo en todo o que fai, no sorriso dos nenos,  nas enrugas dos maiores, en cada concerto, en cada danza, en cada poema.

Gañou algún premio literario como o de Ponte nas Ondas. Ten publicadas:

  • De Castro con Alberte Momán (homenaxe a Rosalía) Ed. Novagalicia
  • Sétimo andar. Poesía alén coa Porta Verde do Sétimo Andar. Ed. Novagalicia
  • Colectánea poética de autores galegos e cubanos.
  • Pegadas con autores de países da lusofonía. A Porta Verde do Sétimo Andar.
  • Libro coas Redes Escarlata aínda no prelo.
  • Participacións en revistas como a Revista Madrygal da Universidade Complutense de Madrid, Dorna da Universidade de Santiago de Compostela ou  a Athenea ferrolá e diferentes recitais coa Porta Verde, as Redes Escarlata, a Lonxa Literaria ou a Hostia en Verso por diferentes lugares de Galicia e Portugal.

 

Poética:
Plasmar nos versos o que levas dentro, unha parte de ti, todas esas emocións intensas que previamente non podes describir ben.  Botar fóra o que che doe, o que sintes nese intre para logo, no meu caso, compoñerlle a música. Ou simplemente, compoñer para as crianzas, pertencer ao seu mundo de ilusión. Penso que ao ser unha persoa apaixonada teño que canalizar todos eses sentimentos por algún medio creativo, como a poesía ou a música. Moitas veces tamén é un xeito de aclararse, de decatarse do que estás vivindo e do que poderías mudar. Algo que reservas só para ti mesma. Isto é un segredo, sabes?

Na rede:
O “facebook” da autora
O “Twitter” da autora

Poemas:

Beixarte é natureza
Compor con cores os sentimentos,
partillar as sensacións.
Tantos verdes nasmontañas
trazan unha liña paralela a ti,
sen puntos de fuga,
nin horizontes, nin cumios.
Déixorme levar polas augas claras do río dos Ladróns,
o esquecemento, o labirinto,  o adverso fican atrás.
Nado contigo transparente,
na poza da Moura,
evadíndome,
nunha profunda simbiose.
 
Camiño libre sobre as dunas de Barra
O meu corpo sinuoso en movemento
pensando na túa maré
sendo flor epicúrea
espontánea
vou allegro vivace onda ti
sen vertixe,
sen cantís dos que teimar,
arriscando todo até a fin.
Somos os sen medo!
Deixo na paleta a escala de grises
e teño toda a escada cromática por vivir aínda.
Embálame o teu arrolo nas noites de insomnio
cando lle tiraría puñais ás pantasmas do pasado
cando demouco bágoas de impotencia
mais por sorte embálanme as túas vagas de tenrura
 e á fin dáme sono só o son do teu corazón.
 
2. Danzo núa entre as candeas
baixo a lúa chea da túa pupila,
embebédome do teu riso
contra o mundo
contra a adversidade
contra todo
aloumíñasme na noite estrelada
máis curta do ano.
Os nosos corpos translúcidos
síntense nós e queren desfacerse anacos
para camiñar paseniño libremente.
Son  encontros  cheos de acordes e desacordos.
 
3.Dáme medo a soidade
o escuro pozo no que podes caer ti
do que non es consciente
un abismo feroz
sen decatarte.
Todo forma parte dun blues tremendamente melancólico.

 

4.Malia todo,  somos  nós mesmos
na procura
da felicidade inmensa
do sorriso inexorábel
compoñendo melodías
cunha harmonía
de oberturas sublimes
e de perfectas cadencias
rebosantes de amor
e de ilusión
transgredindo para sempre
o sufrimento, a desorde, o caos”.
Son unha meniña que quere colo en a-brazos fortes.
Suxeito lírico in crescendo.
Porque os nosos corazóns, xuntos,
mudan os blues,   en alboradas.

 

 

4. Evádome xa  da rosa dos ventos,
da encrucillada, do tsunami,
do mariñeiro que me deu a man e me colleu o brazo doutrora.
Son dona dos meus propios pasos, como Frida
A carreira da vida, lévoa ergueita sacando puntos de muiñeira cos meus pés soñadores.
Toco cancións punkis e cursis nun mundo estúpido cheo de rock and roll.
Sigo soñando con carballeiras inmensas de xente comprometida.
Levamos os vendabais, o lume  en cada loita obreira,
as enrugas e a forza dos maiores
os sorriños e o porvir dos meniños,
isto é a Terra dos Castros.
Son mestra da operación Desprestige,
enredo coas pícaras ensinándolle estratexias
xogando ao xadrez
meténdolle goles e berrros ao machismo  que non puideron meter as nosas avoas.
Son unha muller de negro de estirpe violeta, a antítese á choni tinxida mata filológos.
Vibro musicalmente , xogo en galego  a cada paso nas miñas clases na procura da transformación educativa.
Procuro transmitir os folgos da paixón polo conflito,
O razoamento crítico
a espezanza
as melodías lenes do amor que sinto pola música.
A solidariedade na cidade gris onde os ricos pisan cos mendigos.
Onde fican cadros de Lugrís e postas de sol perante o consumismo cruel e salvaxe.
Onde os ionquis pínchanse no casco vello mentres se caen os edificios a pedazos
Onde retiran a cruz dos Caídos nun caótico debate
Onde escoito músicos bohemios ou vexo bebés que me adican un sorriso cos meus acenos de complicidade.
Onde existe unha friaxe  en Vigo nas caras da xente e non no verde Lugo celebrando que o San Froilán tripite 2º da ESO.
A intensidade é vital.
Modula o corazón a cada intre aportando luz neste tempo de vampiros. Eles comen todo,eles comen todo…
Hai esperanza e ledicia no porvir,
pracer nas caricias e olladelas dos cativos pícaros enredando, mentres ti cantas. E móveste, bailas,
non podes parar, non vaias caír.
Sorrindo sempre es feliz na brétema de dias chuviosos do outono.
Aínda que non saian todas as probas e esteas en lista de espera. Intentas procurar raiolas entre a natureza.O sol e as pingas entre as túas sabas. Semente de vencer. A luita é inexorábel. Van caendo as follas, os anos, os goles, as páxinas, as vivencias, os sentimentos e decátaste que con entusiasmo todo é posíbel. Dá gusto ir a clase con ojeras. As vagas balancéanme nun bambán como unha nena ficando inqueda porque quere ver as estrelas dende a terra.
Envólvome de agarimo cos meus alumnos.
Fago barullo en cada combate perante a barbarie deste mundo.
Pouquiño a pouco,agardo acadar o cumio do noso encontro.
Non me valen os infantilismos, os grupúsculos, os dogmatismos da esquerda nun país dominada polos fachas. Os podemos, pero non queremos. O pasotismo da miña xeración.
Malia que nos pese, a humidade é torpe e non podemos voar antisistema coma nós quixeramos.

Galería:

albabidueira 2