Pura Salceda

branca laberinto 7-002

Nomeada por:

Helena Villar Janeiro 

Nomea a:

Xina Vega
Cesáreo Sánchez Iglesias
Xoán Abeleira
Estíbaliz Espinosa
Miguel Anxo Fernán Vello
Antón Lopo

Bio-bibliografía:

Naceu en Cidade de México no ano 1961. Publicou, en 2003, Hola, de dónde eres? Manual de urgencia para navegar en los chats, en colaboración con Andrés Aberasturi. Como poeta trilingüe, saíron ao prelo os seus libros Versos de perra negra (2005), Mares Online (2008) e De ti y de mí, en Las mejores historias de amor (2012), en castelán; en galego A ollada de Astarté (2007); e en catalán L’amant circumstancial (versión biling. castelán-catalán, 2014). Coordinou a antoloxía Erato bajo la piel del deseo. Antología de poesía erótica (2010), onde se recollían poetas en lingua galega, catalá e castelá.

Moitos dos seus poemas nas tres linguas foron publicados en diversas revistas literarias de España e América; e en máis dunha quincena de antoloxías, como: La voz y la escritura (2006), Mujeres Poetas en el País de las Nubes (2007), El Laberinto de Ariadna (2008), México España desde la pasión (2009), Trato preferente. Voces esenciales de la poesía actual en español (2010), Poetas con Rosalía V (2010), Cançons de Bressol (2011), Tardes del Laberinto (2011), Guía Viva de Ortodoxos y Heterodoxos en la poesía gallega contemporánea (2012), Los mejores poemas de amor (2013),  Anuario de poesía de San Diego. Marca Frontera / San Diego Poetry Annual. Border Mark (2014), ErotizHadas (2014), ou Amores infieles (2014).

Como guionista obtivo o Premio “Sal a Escena 2009” convocado polo Ministerio de Igualdad pola curtametraxe Más asesinadas, dirixida por Mario Pilarte.

Actualmente é Secretaria Xeral da Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC). Edita desde 2006 o blog “Sintagma in Blue”.

Poética:

1) Universo paralelo. (Re)ollada á vida. Reviravolta sobre un mesmo, de espello en espello, buscando sempre. Atópame.
2) Soidade a berros. Eu contra ti, palabra lanzada. Respóndeme.
3) Tres voces, unha soa gorxa. Eu son tres e non son ningunha. Mestúrome.
4) Irremediablemente Ela. Sucumbo.

Na rede:

Caderno da autora
Páxina web da autora
O “facebook” da autora
Páxina da autora no “facebook”
O “Twitter” da autora

Poemas:

DESAFÍOS

Os teus ollos pronuncian o meu nome
coa mesma cor que eu te pronuncio.
Se ti es meu
son eu o suco da uña na pel desesperada,
o dente que se crava na noite,
os beizos que moran durmidos na túa boca.
Somos fío que se desanda,
labirinto de horas cincentas,
o que abre camiños a machadas
cando a dor é non poder reter
o aroma da pel que se entrega.

O teu corpo é alfombra de gato
que reclama xaneiras
perpetuando paraísos.
As túas mans
mazá que eu mordo
mentres xogamos a desafiar
a ollada envexosa dos arcanxos.

[De: A ollada de Astarté, 2007]

 

 

VÉN, QUE CHE COMA O CORAZÓN

Vén que che coma o corazón,
mazá sen paraísos,
vén que te leve docemente
ás entrañas desta noite habitada.

Déixame que me afunda
nos bicos espiñentos da túa boca
nesta hora húmida na que o meu corpo
te reclama deus.

Hoxe, se ti queres,
vou ser todas as cousas
que nunca nos prometemos,
que nunca nos negamos,
as que sempre soubemos.

[De: A ollada de Astarté, 2007]

 

 

A TARDE É UN ACIO MADURO

A tarde é un acio maduro
que comemos lentamente.
A man cínguese á perna,
e a boca ao pé,
coma os ollos á alfombra
que o silencio ata
á curva das sombras nosas.

Logo,
a lembranza
dará viño novo
no que beber o teu corpo
ata baleirarnos.

[De: A ollada de Astarté, 2007]

 

 

NON TE MOVAS

Mírame.
Non te movas.
Así,
que te vexa ben.
Agora,
axeonlla a túa boca
ata pronunciar o meu nome.
Esquece quen fuches.
A partir de hoxe,
debes saber
que só existes nos meus ollos.

[De: A ollada de Astarté, 2007]

 

 

USAR E GARDAR

Sei que vivín de prestado,
sempre a traballo temporal
na túa vida
neste limpar e gardar
usar e limpar
e gardar
e volver usar
cada un dos nosos días.

[Inédito]

 

 

DI(N)STANTE

Xa son outra
neste lugar, xa son outra,
máis triste se cadra
polo que foi
polo que xa non está

a mirada distinta
un ollar maldito
escéptico
que o nega todo
que non albisca redención

a catarse no tempo
nunha foto con sorriso
aquela amada que xa non é

o que foi
si
o que é,
hoxe [eco]
si
distinto [distante]
a muller-distante

badaladas de loito

distante
tante
tan-te
tan-te

[Inédito]