Isaac Xubín

Isaac Xubi-n BN

Nomeado por:

Xosé Daniel Costas
Ledicia Costas
Xabier Xil Xardón
Serxio Iglesias

Nomea a:

Xabier Xil Xardón
Ledicia Costas
Anxo Angueira
Chus pato
Elvira Ribeiro Tobío
Yolanda Castaño
Xavier Cordal

Bio-bibliografía:

(A Coruña, 1978)

Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega.

Estudou nos Salesianos da Coruña e no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, cidade onde empezou a xogar ao rugbi e escribir os seus primeiros textos literarios.

Como creador ten publicado obras de poesía: Elementos de matemática (2002), Lisboa (2004)e Con gume de folla húmida (2012), poemario co que obtivo o premio da XXIV edición do Certame Eusebio Lorenzo Baleirón; e de narrativa curta: Château Bobcat (2009) e Le pied de Julien DuPuy (2011), ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela.

Como profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro, foi lector de lingua e cultura galegas no Colexio Universitario de Cork entre os anos 2009 e 2012. Na actualidade escribe a súa tese de doutoramento, unha aproximación ás relacións entre literatura e gastronomía.

Como tradutor publicou traducións entre as que destacan Pasaia Blues, de Harkaitz Cano; Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe; e Sete poetas vascos, escolma de poesía vasca pola que gañou o premio Loís Tobío á mellor tradución do ano 2012.

Como deportista afeccionado xogou ao rugby no Mareantes de Pontevedra e no Universidade de Vigo. Tamén xoga ao fútbol gaélico e vestindo as cores da Selección Galega participou no histórico encontro internacional Galiza-Bretaña, celebrado en Narón o 21 de xullo de 2012.

Manténn o blog de rugbi Melé a cinco no xornal electrónico Praza Pública.

Na rede:

Caderno do autor
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor no “Caderno da crítica”
O autor no “Criticalia”
O “facebook” do autor
O “Twitter” do autor

Poemas:

Catálogo de bois

Escribo dende as engurras do lenzo da lúa,
da memoria e das frías mans cos dedos xuntos, amalloados, tortos, anoados entre si
pois hai unha vella forca na árbore da lingua.
Podes ver aló entre a néboa da Illa do Cobo
o vermello gando groso da nosa xinea?
No húmido Porto de Bois á beira do Lérez,
non digo Oxford ou Lagoas de Vigo acaso.
Eu digo Pontevedra.
Como unha buxa para cinguir a cabeza ao corpo
é prata ou fonema mineral o que lampexa
entre as magras febras dos músculos que conforman, que artellan o pescozo daquelas oito bestas.
Velaquí o barroco requintamento da lenda
que teceu o arguina, a forza eterna da tradición
que permanece dos ollos no centro da córnea.
Con eles vai o pequeno barroso, o profeta,
o Home Número 9 que observa as proporcións,
as ensinanzas sobre as medidas da beleza
que noutrora lle foron referidas, dadas,
aquel que pescou o salmón oval e se alimentou
da carne mol das lendas que recitaba o mestre. Apenas non cabe na conca das mans dos nenos
un pouco de Galicia, auga e herba pero é grande
a medida de soño se o rapaz ten forza
para termar, soster o cabo esgrevio do adival
que fai do carro e das bestas unidade: melé,
voz de mando que os acode, que os empurra
ou dille forma de balón oval á perfección.

O pequeno pegureiro, o Home Número 9, recita o versículo sagrado da tradición oral que percute no espírito perante o testemuño do resíduo do bronce a escoura,

aquel que lembra que neste mundo hai unha verdade só: sermos Nós é a única Vitoria.

 

 

 

O camiño da tinta

Diante dunha pinta de cervexa stout

Asubía metálica a billa de cervexa
ao deitar da pinta no vidro do vaso
o resolio como bronce para quencer o peito,
o líquido negro que dará leito aos semas,
aos significados estrados sobre as táboas,
nos recunchos e nos tallos da taberna.
Eu vivía na chantaxe emocional da ferramenta,
do arado cando non quere avanzar e a rella que tropeza
cos croios soterrados,
a decepción,
a frustración de non xunguir na inercia a lingua
cos tendóns das man e avanzar
polas follas paseniño coma os bois.
Eu temía o suicidio da musa,
a hecatombe,
o sacrificio,
o exceso do cheiro da graxa queimada das cen bestas
que traen o verso e van coas letras.
Eu non lembraba
o camiño da tinta ou anzó como berce e verme no bico caendo do labio, eu non recordaba
as orelleiras do arado vesando nos papeis para deitar nos sucos
o que é sublime da derrota cando afoga.
E agora que estou
perante a presenza irlandesa da stout,
namentres agardo a que a escuma calle no bordo da medida,
en tanto me delatan as mans do tempo e o silencio
dos meus pés sobre un chan de madeira
disposto a rir ante calquera suxestión,
en tanto volvo encher parágrafos,
escribir grafemas e palabras nos costeiros de cartón
coa esperanza de poder discriminalos,
identificalos entre o monte de noites planas
que teño en colección,
eu son consciente de que teño medo a non ser abondo rápido
para executar os meus pecados,
de que a lingua é un delirio e de que as cousas importantes
empezan
cando todo se vén abaixo.

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “Vimeo”

A Mestra (Isaac Xubín) from Isaac Xubín on Vimeo.

3 reflexións sobre “Isaac Xubín

  1. Pingback: Xosé Daniel Costas | As escollas electivas

  2. Pingback: Xabier Xil Xardón | As escollas electivas

  3. Pingback: Chus Pato | As escollas electivas

Os comentarios están pechados.