Eva Méndez do Roxo

Eva Méndez do Roxo

Nomeada por:

Alberte Momán

Nomea a:

Antía Otero
Chus Pato
María Lado

Bio-bibliografía:

Con formación en economía pola Universitade de Barcelona e en varias disciplinas artísticas pola Escola de Artes Massana e a Escola Superior de Deseño e Arte La Llotja (Barcelona), entre outras, considérome unha creadora e artista multidisciplinar.

A cabalo entre Barcelona e Tabillón (Navia de Suarna), aprendín a vivir a natureza e as tradicións galego-catalás dunha forma moi persoal, que se reflicte no meu discurso poético e nas miñas obras artísticas.

Na escrita fun chamada a colaborar en varios proxectos colectivos dos que destaco Pegadas (Porta Verde) e Munditações (Incomunidade), entre outros.

Sempre na procura da expresión, fun chamada a participar na Setmana de Poesía de Barcelona, e outros proxectos audiovisuais e performances poéticas, intentando pór en común a voz e o corpo dos poemas coa palabra recitada, a música, a pintura etc.

Individualmente publiquei As sete idades (Incomunidade), Eróticas e Trazos de muller (libro de artista). O meu poemario A muller dormida obtivo a mención especial do xuri no Concurso Illas Sisargas e aínda non foi publicado.

Poética:

Nada está definido, non existe o correcto-incorrecto, o erótico nin o político, a cotidianidade, todo se mestura no imaxinario da xente.

Escribo nun acto de exorcismo, onde surxen as vidas todas de xente que non coñezo, pero en cada verso constrúese o edificio das vidas de todos nós, os que algún día lemos unha poesía ou un texto e comprendemos o que hai máis alá das palabras.

Escribo poesía porque xunto a música, a pintura e as artes todas, é o acto primixéneo que está en nós dende antes de nacer, dende antes de saber escribir, falar, pintar, andar… Escribo poesía porque É o que son.

Na rede:

Caderno da autora

A autora na “Galipedia”

Poemas:

timbalada.

a carne derrétese baixo as texturas quentes dos teus beizos.

infrinxo presión nos puntos febles da honestidade

para activar o pánico dos músculos,

as contraccións dos órganos,

a dilatación dos sentimentos.

troco as verbas polos silencios,

allea a túa necesidade de min.

sorprendémonos na líquida esencia dun agarimo ausente,

intrépidos loitadores de impulsos,

achégate a min,

eva méndez doroxo

 

 

de xenxibre 3001.

Son escapista.

Licenzada en técnicas de desaparición.

Doctora en invisibilidade e con Cátedra no arte de non existir.

Ti habitas nos meus momentos. Nos intres que non existo.

E faiste etereo na ralidade, cando preciso excusarme, cando non te teño.

Mostreinme salvaxe un dia, pero invisible para poder tocarte.

eva méndez doroxo

 

 

 

Sóc escapista.

Llicenciada en tècniques de desaparició.

Doctora en invisibilitat i amb Càtedra en l’art de no existir.

Tú habites en els meus moments. Els espais en que no existeixo.

I et fas eteri en la realitat, quan necessito excusar-me, quan no et tinc.

Em vaig mostrar salvatge un dia, però invisible per poder tocar-te.

 

 

 

marcas de auga.

mergullada na transparencia da túa identidade

mudo a pel.

amósoche as imperfeccións do meu corpo,

percórresme, con velocidade efímera,

sen medo de ser arrebatido.

o salitre escámame os beizos

que noutrora foron o forno das mentiras,

as que arricaches con sixilo

dende un lugar chamado illa.

non soporto terte lonxe.

tres milimitros de min

é un espazo infinito de neutralidade exacta.

permite que intercale entre os teus dedos

a miña persoa,

para inexistir xuntos no éter desta tortura.

eva méndez doroxo

 

 

 

cravo, lavanda, ti.

configurada cos fíos, doutras teceduras anteriores,

mergúllome nos dedos da túa hostilidade.

as veces, mollo os beizos nas fibras que esqueces

ao tensar o bastidor sobre a miña pel aínda enxutia.

consigo terte moi perto,

tocarte case co alento,

sentirte na humidade que me invade.

alleo aos meus pensamentos,

crábasme a madeira torneada das palabras secas,

irrumpes na cubeta onde as texturas se expanden

para sacar, con tino, outro pedazo de min,

amecéndome ao erro que me vai desfacendo.

procesas, unha vez máis, o meu corpo exento de nós,

para detallar no acetato o contorno de quen desexarías que fose,

a muller, que non ves, enterrada nas liñas difuminadas

da superposición de personalides.

consúmome en silencio,

observadora ausente,

monstruo impaciente das túas creacions extraordinarias.

configúrome baixo a presión de ser túa un segundo antes de desaparecer.

eva méndez doroxo

 

 

 

informe DAFO.
 
inclínome a pensar que es o algoritmo perfecto.

a compoñente da fórmula matemática que son,

o misterio de incógnitas que resolve a ecuación da miña incertidume.

aparento axitada coa xiz entre os dedos,

pero invádesme coa sixilosidade felina

que te caracteriza,

para despexar do encerado os números, comprensíbles, só, para nós.

podo asegurar, con certa forza argumentativa,

que elévasme a cotas expoñencias insospeitables,

polo que resolvo: es a letra que resulta insustituíble nos poros da miña existencia.

eva méndez doroxo

Vídeo, son, imaxes, +:

A autora no “YouTube”