Elvira Ribeiro Tobío

elvira ribeiro

 

 

 

 

 

Nomeada por:

Alberto Lema
Rosa Enríquez
Xabier Xil Xardón
Alfonso Láuzara Martínez
Silvia Penas
Isaac Xubín 

Nomea a:

María B. Arce

Bio-bibliografía:

Elvira Ribeiro Tobío (Cerponzóns, Pontevedra, 1971). Publiquei Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), Palabras brancas (2008), Biografía da Multitude (2009), carnia haikai (2011), corpos transitivos (2013) e As redes de Inés (2014). Poemas e relatos andan esparexidos en libros colectivos, antoloxías, revistas e páxinas web. Estudei menos do que podería, viaxei o que puiden, amei o que fun capaz e traballei máis sen contrato ca con el. Vivo en Vigo.

Poética:

Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas. Procura. Intensidade. Preguntas. Dúbidas…

Na rede:

A autora na “Galipedia”
A autora na “AELG”
A autora en “BVG”
A autora no “Caderno da crítica”
A autora no novo “Caderno da crítica”
A autora no “Criticalia”
O “facebook” da autora
Dispositivo poético no ” facebook”
Tristecentos versos no “facebook”

Poemas:

Siberia, mon amour (micropoemario publicado na revista Grial)
para Carina: o rescate
 
Ekaterimburgo
 
Aquí a cinco mil setecentos
sesenta e un quilómetros
da chuvia,
camiñar sobre o Iset xeado
pode ser un xeito inxenuo
de tripar a dureza que apurra
esta distancia desapiadada
Prospekt Lenina poder ser
máis cincenta que o Vigo
máis inhóspito e a metalurxia
cinguirse ao pé dos Urais
co mesmo sixilo que antano
as tribos de ugores
Aquí poden construírse saudades
dun lugar nomeado Casa Ipatiev un lugar
onde sobre o sangue corrompido
se erga un templo
de cúpulas douradas
Velaquí a porta da taiga
e do desterro.

__________________________________

 

Eu era un nómade dacabalo
dun reno e a taiga era a fraga
inabarcábel da nosa tribo agonizante
a fraga das carballas centenarias
era este bosque fechado de coníferas
e o xeo que aboia na codia negra
do Amur viñan sendo os restos de ramaxe
que o Ulla ofrece cando a enchente
reborda nas brañas de Laíño
Era unha nómade eu unha indíxena
nanai aínda non ameazada unha rena
altiva e resistente a ser domesticada
unha rena apareándose urrando
no bosque que estrema co río do dragón negro
parindo ergueita quecendo coa placenta
a chaira siberiana

__________________________________

 

Uelen

No extremo oriente neste anaco
escolleito pola tundra elixo
abrir a pel da morsa sobre a neve
envolverme na capa que deron
os seus intestinos dita ukkenchin
tallar os seus cairos puídos polas ondas
comer da súa carne sentir
o seu recendo coarse mesto entre as guedellas,
á beira do mar de Bering
no mar dos Chukchis na praia
dos seixos escollo como cómpre
ser falante de Chukoto
como cómpre a quen se randea
no bordo da extinción
ser falante de Chukoto
a lingua dos cazadores
de renos orgullosa lingua
do pobo verdadeiro escollo
ser falante de Chukoto

__________________________________

 

O rescate
 
I
 
Todo o que o exilio abeiraba canda si,
as cúpulas douradas ergueitas sobre o sangue,
o cincento da distancia, a metalurxia,
o desterro, a súa enchente a rebordar
en cada río xeado en que me vin,
a chaira, a taiga, a morsa sobre a neve,
unha friaxe baikal nos intestinos, a urxencia
con que acurrala o exterminio,
todo ese arrandearse entre o frío
e un frío aínda máis intenso,
a extinción en que aboia a nosa tribo,
a insistente hemorraxia de luz
ou de palabras
e un frío aínda máis intenso
que o da tundra

avista nesta hora a fenda da fuxida
o rescate

 

II
 
Tiña que ser unha man vinda
dun bosque de cidreiras
-que sempre están en flor nos meus soños-
cun coitelo afiado no silencio
para ensanchar as aberturas,
fender o frío izado, as coirazas,
cada unha das blindaxes que me cinguen.
Coma cun búmerang
ten que ser
unha man que me regrese
a outro punto de partida.
É.

 

III
 
Poderás soportar a travesía?
Porque fun aleitada en glaciares maiores
que os desta reclusión
no punto máis profundo do ollo azul.
O apego ás voces que esmorecen
venme dun lugar demasiado inhóspito
e as palabras dóbranseme en posición fetal.
Será seguro o escafandro
e a lancha de salvamento?
Terá o teu adival a forza suficiente?
Para as preguntas sen resposta
non hai cura nin narcótico,
pero cómpre aferrarse ao trelo
e deixar a greta negra sumirse no abandono
Poderás prolongar a primavera?

 

IV
 
De Vladivostok sempre cara ao occidente
tomo as cinsas do exilio
e estes campos xeados
por que son agora un edredón
de diamantes?
As frechas desertan da alxaba
afunden
afunden
desaparecen
A man do rescate tomo
e esta borralla nos pés
como pode ser agora
o xerme do amparo?
Tomo todo o que lembro
do alborozo
o mínimo resaibo aterecido
De Vladivostok sempre cara ao occidente
habemos chegar ao lugar da chuvia
á fraga centenaria das carballas
mais han xurdir noites de xeada
de cadorno e intemperie
noites de Panthera tigris altaica
as miñas fauces.

__________________________________

 
Regreso

El chamábase Siberia
e tiña ollos de gulag unllas
serradas contra as ruínas dun imperio
e o rigor da friúra do seu ventre
puña metal a par da carne
da nosa carne
A expulsión era o seu bico
de benvida e o seu adeus
El era a furia que acorda no xigante
el o afastamento
Chamábase Siberia,
mon amour:
a trabada da becha
é indelébel neste corpo
transiberiado.

Vídeo, son, imaxes, +:

A autora no “YouTube”