Eduardo Estévez

 

 

 

 

 

Nomeado por:
María Lado
Lino García Salgado

Nomea a:
podería facer moitas escollas. calquera tentativa de obxectividade sería pretensiosa: só existen preguntas e ningunha resposta ou, cando menos, ningunha duradoira ou extensa. se a selección fose de afectos, estaría necesariamente incompleta. deixarei, pois, unha listaxe de autores e autoras que, aquí e agora, considero influentes na poesía que escribo ou na que me gustaría escribir:
Celso Fernández Sanmartín
Xavier Queipo
Susana Sánchez Aríns
María Lado
Emilio Arauxo
Carlos Negro
Estevo Creus
Lino Braxe
Arsenio Iglesias Pazos

Bio-bibliografía:
nacín a miles de quilómetros de todas partes. e o tempo, a pesar da miña teima pola quietude, trazoume longas singraduras. despois de publicar o meu primeiro libro en buenos aires e un segundo como colofón do meu paso por caracas, en 1995 recalei neste porto de meu avó que agora é tamén o de meu fillo. e a miña literatura fíxose de aquí con esa súa maneira de ningures.
foi xenerosa esta terra e agasalloume premios e publicacións. e mesmo cando mos quitou (a terra non, só a circunstancia), deume ben cousas a cambio.
velaquí unha listaxe de títulos e premios:

Catedrales de perfil (buenos aires, rundinuskín editor, 1990)
Ya tan deshabitado (maracay, venezuela, la liebre libre, 1994)
só paxaros saíron desta boca. accésit do premio de poesía miguel gonzález garcés 1997 (a coruña, deputación provincial, 1998)
lúa gris, finalista do premio tivoli europa 1999 (vigo, edicións xerais, 1999)
os veos da paisaxe, (compostela, retagarda edicións, 2000; ribeira, edicións bourel, 2009)
caderno apócrifo da pequena defunta, xv premio de poesía eusebio lorenzo baleirón (concello de dodro) (sada-a coruña, ediciós do castro, 2003)
derrotas, vi premio de poesía concello de carral, 2002 (a coruña, espiral maior, 2004)
Postais, texto escrito en colaboración con caro erlich (edición web, 2005)
mapas para describir a ausencia, (edición web, 2005) – itinerarios. antoloxía coral de textos de eduardo estévez realizada por estevo creus, marta dacosta, eduardo estévez, celso fernández sanmartín, maría lado, maría do cebreiro, antía otero, baldo ramos e rafa villar (santiago de compostela, editorial compostela-concello de santiago-asociación de escritores en lingua galega, 2005)
construcións, (santiago de compostela, edicións positivas, 2008)
rúa da cancela, (malpica, galiza, caldeirón, 2010)

tamén en galiza puiden facer reais os meus soños de ser editor: participei activamente na andaina de letras de cal e de retagarda edicións e preparo un novo proxecto que verá luz en 2011.
e fago traducións, coordinei obradoiros literarios, escribín blogues, construín proxectos en rede, … hai un detalle máis ou menos prolixo de todo isto aquí:
http://eduardoestevez.blogaliza.org/sobre/

Na rede:
Caderno persoal
Eduardo Estévez no Twitter

Poética:
arte poética (IV)

cal a necesidade
de falar dun mesmo
no poema?

recendemos mellor
cá terra despois da chuvia?

levamos no rostro as cores do outono?

somos acaso máis fermosos
que cada amante novo de cavafis?

(en derrotas, espiral maior, 2004)

Poemas:
só paxaros
 
nunca escribín cartas de amor
só paxaros saíron desta boca

nunca tiven soños
nin cortei rosas

non teño pecado
nin pedras

(de só paxaros saíron desta boca, deputación da coruña, 1998)

 *  *  *

diatriba postal
 
o vento non canta
non
nas follas

o vento non trae noticias
nin flores daquela terra

(de só paxaros saíron desta boca, deputación da coruña, 1998)

 *  *  *

xénese
 
hoxe non hai lugar
entre as miñas costelas

hoxe non farei muller
nin pans
nin peixes

(de só paxaros saíron desta boca, deputación da coruña, 1998)

 *  *  *

empresa difícil
dar coas indias
atopar a túa boca
no mar océano

(de lúa gris, xerais, 1999)

 *  *  *

a patria

non poderás abandonar
dicía o poeta
a cidade aínda que marches
e percorras todos os camiños

a patria vai contigo
e mesmo que os camiños traian
novas paisaxes ceos diversos
e a terra
que te viu nacer non permaneza
percorrerás sempre
aqueles territorios
e falarás a lingua
dos teus xestos
e no ollar
cando chove
medrará aquela mesma herba

(de derrotas, espiral maior, 2004)

 *  *  *

sentou ao seu carón

víraa cando subiu no autobús
e decidiuno porque
a praza estaba libre
e ela era nova e parecía
bonita detrás do cabelo que agochaba
parte do rostro

pero non considerou que o sitio
era o menos indicado para poder
mirala

requiría xirarse
dun xeito impúdico

ademais
ela mantiña a cabeza
levemente inclinada
sobre un libro que lía e o pelo
caíalle polo lado da cara xusto do lado
del

así que na media
hora ou tres cuartos da viaxe
debeu conformarse
con seguir de esguello
os dedos as uñas
curtas
con esmalte transparente

sostiña un lapis co que ía facendo
anotacións na marxe das páxinas

tiña unha letra áxil e miúda
a miopía impedíalle distinguir
o escrito

por media
hora ou tres cuartos miroulle as mans
os dedos finos
e iso púxoo
nalgún sentido moderadamente feliz

nalgún sentido
triste

de súpeto ela
levanta a vista
deixando ao descuberto o rostro e el
vólvese e míraa
despreocupado da interpretación
que ela poida facer
do xesto

tiña a mirada limpa e un lunar
xusto debaixo do ollo esquerdo

pero o autobús
achegábase xa ao destino
del e levantouse

dirixiu confuso
os pasos cara á porta

e premeu o timbre
para indicar ao condutor
a súa intención de baixar
na seguinte parada

(de construcións, edicións positivas, 2008)

 *  *  *

sempre lle gustaron
as margaridas

pero lía poetas terríbeis
falaba en exceso
movíase con soltura
entre as multitudes
escribía alleas
imaxes surrealistas

amou mulleres ebrias
polo prezo dunha
palabra oca

exerceu diversos oficios
foi turista en venecia en agosto

agora que os anos
debuxan brillos novos na
cabeza
procura o acougo
a felicidade do previsíbel

desconecta o teléfono
á sesta

evita os sitios concorridos
os adxectivos innecesarios

fala baixo non discute

prefire a lentitude
coa que paira
un pétalo caído
no centro do estanque

(de construcións, edicións positivas, 2008)

 *  *  *

99
(definición)
un paso
previo

a vertixe
de quen vai
chegar

ou o desasosego
diante do que
falta

presentáranos na
adolescencia
moitos anos antes

e non volveran
verse

até esa gris
cidade alemá

deambulaban
polas rúas
co estraño sentimento do
turista
interesado polas
cousas novas
e a quen a mesma
novidade provoca
esa mínima
vertixe

na porta dunha
vella abadía de pedra
cruzáronse

 

 

 

os rostros
apenas entrevistos tras
as bufandas

encóntranse os
ollos recoñécense
na cálida sensación de
serenidade
que brinda un rostro
familiar

o adro está
deserto

nese mesmo
instante
ábrese a porta
da igrexa

un acorde
sostido
espállase polo ar

un home de abrigo
e chapeu negro sae

eles semellan deterse

esbozan dous
sorrisos

(semiocultos nas
bufandas)

os dous corpos
en ignorada sintonía
quencen levemente
debaixo dos abrigos

o acorde envólveos
como un mantra

o home do
chapeu
desaparece logo
entre as árbores do parque

os seus pasos
ecoan breves na grava

esvae o son
no vento
cando a porta volve
pecharse

fica a melodía
eternamente
inconclusa

(de “esca e pedra”, culturagalega.org, 2008-2009)

 *  *  *

a imaxe seica tiña
uns gaiteiros
e uns bailaríns

tiña
de certo
a vaga lembranza
de multitude de cores

unha capa de
escurecido verniz protector
facía deles
unha suposición aproximada

esta é a táboa
dixéronme e
ao observala
pregunteime que significado
tivera no seu día
aquel agasallo

para o meu amigo a
 
dicía na adicatoria

tal vez pretendese
reconstruír
na memoria do agasallado
un recuncho da
patria

a patria faise
destes anacos dispersos

pero a táboa
agocháraa o esquecemento

por iso o baile
para min
non está na pintura
senón nunhas
pequenas figuras de
prata
estáticas
enriba do aparador da sala

e na peaña
o nome da danza
significaba só
esa vaga pertenza

un día
sucesivas mudanzas
(e urxencias)
devolveron o cadro á
luz

o tempo
que mo puxera nas mans
volveuno levar

e da pintura só restan
agora
fragmentos confusos

fáimelle unha foto

co móbil
aínda que sexa

pedinlle a s

quero ver
o que albiscou o
avó
cando recibiu
tan lonxe
aquel pequeno presente

pero xa se sabe

podería a foto
axudarme a facer
a miña propia
construción da memoria?

o presente nútrese só
de recordos difusos

tanto ten se se asemellan
ou non
ao pasado

(de vv.aa, coroapoéticaaurbanolugrís, a nave das ideas, 2011)