Manuel Forcadela

 

Nomeado por:

Xosé María Álvarez Cáccamo

Rosa Enríquez

X. H. Rivadulla Corcón

Medos Romero

 

Nomea a:

Manuel Vilanova

Estíbaliz Espinosa

Xosé María Álvarez Cáccamo

Xavier Rodríguez Baixeras

María Lado

Xavier Seoane

Xulio Valcárcel

Ana Romaní

Román Raña Lama

Marga do Val

 

Bio-bibliografía:

Manuel Santiago Fernández Álvarez, máis coñecido polo pseudónimo de Manuel Forcadela, nado en Forcadela, Tomiño, o 25 de xullo de 1958, é un escritor galego

Traxectoria

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, é Catedrático de Lingua Galega e Literatura de Ensino Medio en excedencia e, na actualidade, exerce como Profesor Titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Doutorouse en Filoloxía Galaico-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre a poesía de Eduardo Pondal. Traballou como profesor invitado no Graduate Center da CUNY (City University of New York).

Colabora habitualmente en revistas e xornais, e é autor de máis dunha vintena de obras que abranguen a poesía, a narrativa e o ensaio literario.

Obra

Poesía

  • Ferida acústica de río, 1982, Xerais.
  • O regreso das ninfas, 1985, Caixa Ourense. Edición bilingüe galego-castelán publicada no 2001, en Libertarias.
  • O varredor en outono, 1988, Sotelo Blanco.
  • Nausícaa, 1992, edición do autor. Con tres gravuras de Laxeiro.
  • Profecía, 1992, Sons Galiza.
  • Morte do fadista, 2000, Espiral Maior.
  • Refutación da musa, 2001, Espiral Maior. Edición bilingüe galego-castelán publicada no 2002, en Lumen.
  • Lámpada e medusa, 2002, Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
  • Música de cinza, 2008, Galaxia.

Narrativa

  • Relato policial, 1989, Promocións Culturais Galegas.
  • Paisaxe con muller e barco, 1990, Xerais (novela).
  • Sangue sobre a neve, 1990, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Barato, barato, 1991, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Contos interruptus, 1992, Diario 16 de Galicia.
  • Fóra de xogo, 1993, Edicións do Cumio (novela negra).
  • Anxélica, 1994, Nigra (conto).
  • A equipaxe do azar, 1994, Pentalfa (novela).
  • A armada invencible, 1996, Edicións do Cumio (novela).

Literatura infanto-xuvenil

  • A procura do falso Grial, 2006, Galaxia (novela).

Ensaio

  • A harpa e a terra (Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal), 1988, Xerais.
  • Eduardo Blanco Amor, fotógrafo, 1993, Clube Cultural Alexandre Bóveda.
  • A poesía de Eduardo Pondal, 1995, Edicións do Cumio.
  • Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra, 2005, Centro Ramón Piñeiro.
  • A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, 2009, Galaxia.
  • Sete leccións de poesía, 2009, Espiral Maior.

Edicións

  • Eduardo Pondal. Poesía, edición crítica, prologada e anotada, 1989, Xerais.
  • Guía de lectura de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, 1991, Edicións do Cumio.
  • Manual e escolma da Nova Narrativa Galega, 1993, Sotelo Blanco.
  • Guía de lectura de Á lus do candil, de Ánxel Fole, 1997, Edicións do Cumio.
  • Poesía de posguerra: antoloxía, 1997, AS-PG, A Nosa Terra.
  • Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez, 2001, Galaxia.

Traducións

  • Despois de Magritte, de Tom Stoppard, 1993, Teatro Keyzán.
  • Ancho mar de argazo, de Jean Rhys, 2007, Xerais.

Obras colectivas

  • II Festival da Poesía do Condado, 1982, S. C. D. Condado.
  • III Festival da Poesía no Condado, 1983, S. C. D. Condado.
  • IV Festival da Poesía no Condado, 1984, S. C. D. Condado.
  • V Festival da Poesia no Condado, 1985, S. C. D. Condado.
  • Desde a palabra, doce voces, 1986, Sotelo Blanco.
  • VII Festival da Poesia no Condado, 1987, S. C. D. Condado.
  • VIII Festival da Poesia no Condado. Escolma Poética, 1988, S. C. D. Condado.
  • XI Festival da Poesia no Condado, 1991, S. C. D. Condado.
  • XII Festival da Poesia no Condado, 1992, S. C. D. Condado.
  • XIII Festival da Poesia no Condado, 1993, S. C. D. Condado.
  • Unha liña no ceo (58 narradores galegos 1979-1996), 1996, Xerais.
  • Novo do trinque, 1997, BNG.
  • Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I), 2001, Consello da Cultura Galega.
  • Alma de beiramar, 2003, Asociación de Escritores en Lingua Galega.
  • Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, 2003, Tris Tram.
  • Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, 2003, Fundación Araguaney.
  • Narradio. 56 historias no ar, 2003, Xerais.
  • Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, 2003, Espiral Maior.
  • Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal, 2005, Sotelo Blanco. Con Xosé Ramón Pena.
  • Dix-sept poètes galiciens 1975-2000. Dezasete poetas galegos 1975-2000, 2008, Universidade da Coruña.
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, 2009, Difusora.
  • Cara unha poética feminista: homenaxe a María Xosé Queizán, 2011, Xerais. Con Camiño Noia.
  • Preludios para Miguel Anxo Fernán-Vello, 2011, Laiovento.
  • Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís, 2011, A Nave das Ideas.

Premios

  • Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo no 1981, por Ferida acústica de río.
  • Premio Leliadoura de Poesía no 1987, por O varredor en outono.
  • Premio García Barros no 1989, por Paisaxe con muller e barco.
  • VIII Premio Espiral Maior de Poesía no 1999, por Morte do fadista.
  • Premio Aula de Poesía de Barcelona no 2000, por Refutación da musa.
  • Premio da Crítica de poesía galega no 2001, por Refutación da musa.
  • Premio Esquío de poesía no 2001, por Lámpada e medusa.
  • Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2005, por Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra.
  • Premio de ensaio da AELG no 2007, por Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra.
  • Premio da Crítica Galicia de Ensaio e Pensamento no 2010, por A mecánica da maxia.

Vídeo documental

    • María Mariño: a flor das raparigas en sombra, 2007.
    • Cólera, 2007.

 

Na rede:

 

Poética:

Dime ti, oh Poética,
que me ocupas como un don desde hai máis de vinte anos
e pervives allea ao tempo e aos seus vidros
abríndome horizontes afastados como néboas marítimas
sen teres nome nin divisa,
quen entre os que tanxe o laúde melancólico do verso
como se fose unha harpa triste (ou xubiloso oboe)
ousaría sinalar para as idades
os segredos do teu lúdico actuar?Está no grito da Sibila
que Natureza non di nin oculta nada.Simplemente significa.

 

Poemas:

palabras derradeiras

Como o pouso un tanto amargo que deixa o viño seco,

como a froita derramada que se torna aceda e doce,

como os días de nordés en que o sol aquece o frío,

como as noites de verán en que a luz vive na sombra,

así foi o meu camiño polas veigas consteladas,

polos montes da tristeza.

 

Souben ver axiña os pozos, os caborcos, os regatos,

mais perdín tantas semanas estudando no luar

que inda agora cando o escuro se debruza sobre min

e dispoño os meus diarios, os cadernos en que fun,

non atopo máis que vellas cicatrices,

cartas longas que un amor me remitía

para as torres e os palacios

onde, só, dilapidei toda a fortuna.

 

hibernia

Quen leve estes ramallos de hortensias consumidas

ao fondo da distancia

e ofrenda de solsticio celebre para o sol

en pago por quenturas e alivios estivais

e faga o percorrido do norte contemplando

o xeito en que outros pobos se agrupan polo inverno

manteña ben atentas a escoita e mais a ollada

por ver se entre a xentalla que asoma no percurso

o rostro comparece, os ollos ben antigos,

os labios coa sustancia frugal da eternidade,

daquela que está lonxe e perto ao mesmo tempo:

Hibernia cos seus longos atavíos.

 

Se cadra e vén ao caso, oh dádelle recordos,

estima trasladade de canto devecemos

por ter de novo o voo, o aroma da presenza,

o tacto dos seus doces harpexios sublimados,

a sombra dunha voz que o escuro me arrebata,

o hálito febril, de neves asemade.

 

Hibernia con roupaxes de flores conxeladas.

Hibernia nos glaciares, os cervos enxergando.

 

disque

Porque a vida non foi máis que un brevísimo camiño,

unha sombra, un percorrido polas marxes dun espello,

inocente a procurar a túa efixie no cristal,

unha imaxe como un voo de vento apresurado,

unha brisa que corría como escorren os regatos.

 

Porque a vida non che deu máis milagres que o de ollarte

a través do vello azougue, unha árbore, unha torre,

unha nube fuxidía, un silencio no misterio,

unha casa, unha vereda, unha brisa por setembro.

E os enigmas da palabra,

as palabras como cinzas como anacos de cristal,

como pedra que alguén trouxo moito antes de falar,

como lumes que prenderon polos montes da conciencia.

 

Porque a vida non deixou outro pouso que o silencio

ou a música perdida,

un escuro pentagrama, unha antiga notación,

unha cifra como enigma.

 

Porque a vida estivo aquí,

neste corpo que se foi día a día polos anos

como marchan as correntes

como foxen do fluír das augas

as ribeiras.

 

Porque o resto nin sequera

podes hoxe presentar

como triunfo ou testemuña,

como sombra que o sol puxo

debuxada contra a terra.

 

Porque a vida xa cansou

como cansan os paxaros

de voar pola tormenta.

 

Porque a vida estivo aquí

disque seica acaso mesmo.

 

early in the morning

É moi cedo na mañá cando o corpo inda levita

debuxando flores secas con pigmentos de soidade

cando chegan os poemas.

 

Veñen barcos desde lonxe. Van chegando na distancia.

E descargan caixas cheas de borralla

e garrafas de cristal oh con cápsulas amargas.

E hai un sopro de aire leve que acariña o corazón

e pon límites na tarde e horizontes e unha néboa.

E un antigo manifesto que proclama a escravitude:

“fiquen presos para sempre no seu cárcere de letras,

fiquen always ensumidos na súa lúcida prisión.

E non teñan outra vía de saída

que as palabras e as palabras.

Sexan fieis a esta proclama.

Non procuren liberdade”.

 

E é tan cedo na mañá

cando o corpo inda precisa mergullarse na distancia

e deixar atrás os mapas

cando chegan os cometas,

as estrelas fuxidías que perseguen outro rumbo

na derrota sideral dos camiños perdidos.

E son quen de abrir as portas do palacio abandonado

e son quen de procurar a despensa das laranxas.

 

É moi cedo e teño frío.

Vai decembro dando morte a este ano consumido,

a un revolto de semanas e de páxinas e meses

sen nostalxia doutro abril,

sen vontade de regreso.

Só decembro cun puñal a pingar cancións amargas.

Só decembro cos zapatos

enlamados de tristeza.

 

Son e vídeo do autor:

Videopoemas