Manolo Pipas

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:

Miguel Ángel Alonso Diz
Alfonso Láuzara Martínez

 

Nomea a:

Bernardino Graña
Luz Fandiño
Xosé Neira Vilas
Asunción Arias
Ana Romaní
Darío Xohán Cabana
Iolanda Aldrei
Baldomero Iglesias “Mero”
Lucía Novas

 

Bio-bibliografía:

góstanme as palabras
e góstanme máis as persoas
pero hai algunhas palabras
e moitas persoas que me disgostan

din que nacín no verán do sesenteoito
nunha casa de coia fillo e neto dos indíxenas
do lugar e das tribos darredor desta beira sur da ría
pouco a pouco vin como os edificios estaban
cada vez máis perto de nós pero acá seguimos
cos animaliños as árbores a memoria da tribo…
neste rincón xa non hai toxo pero si silvas
e tamén algún ourizo cacho
e eu tamén pincho ás veces

de cativo tiven máis pesadelos que soños
e tardei en ler libros pero non había presa
que eran suficientes os estímulos cos que vivía
non teño fillos e agora case é tarde
que pola idade hai tempo que podía ter netos
pero as veces xogo e escribo sobre as cativas
e chamacos das miñas amigas e amigos

ordeno versos poemas e posibles letras de cancións
dos varios libros que escribín autopubliquei tres
e plantei uns poucos arbustos e arbores
e entendome ben cos gatos pero con poucos cans

tento comunicar a palabra escrita e oral
fun e son insubmiso e fixen radio cultural e livre
limpei moito chapapote e outros lixos do capitalismo
de ser sedentario e moverme pouco
pasei a ser algo trashumante e nos últimos anos
botei algúns meses do inverno no país das nubes
no que as veces escribo e comparto en mexicano
e a ver se as nubes me dar outro permiso para voltar

dou recitais eu só e tamén en colectivo
e co trovador servando barreiro
ás veces formo un duo poeticomusical
e poucos poemas son capaz de recitar
como están nos libros ou nas follas soltas
e logo algunhas veces me teñen reclamado
os versos que non saen nos libros

leo desordenadamente e nos últimos tempos
podo escoitar tanta poesía cantada como escrita

gosto de facer e regalar
uns posibles animaliños de papel que voan…

 

obra poética
libros persoais

-marzo abril e outros naufraxios 99
-viaxe ao pais das nubes 06
-a milpa e o paliacate
nos camiños do outro mexico  09

 

en libros colectivos

-vis à vis, trinteseis poemas e una idea 97
-a porta verde so setimo andar   07
-XXlll festival da poesia do condado 09
-sétimo andar, poesia alén   2010
-pegadas 2011
-sétimo andar, sete 2012

 

noutras publicacions

a pedra moura, o ar!!, o xo!! o berro seco,
a xanela , círculo poético aberto, a peneira …

na música

algúns poemas foron musicados e grabados
por anamoura, camaxe, majerit, marful,
os carunchos, servando barreiro,
amelia escalante e sobre rodas
e outros foron ou son cantados algunha vez
por muxicas, tarxa, o demo da mouta,
tino vaz, luis correa, cantares do brión…

 

Poética:

envolventes

as palabras envolventes
envolventes verso a verso
as imaxes
os olores
ai güerita as palabras
o alento

eses versos envolventes
envolventes nota a nota
as tonadas
os sabores
morenita as palabras
da memoria

as historias envolventes
envolventes as cantigas
noite rota
lúa chea
envolventes as palabras
ai chiquita

 

o manifesto da palabra
e a festa do verso

a palabra
a frase e o relato
o verso e o poema

as outras palabras
o texto e a música
a voz e a canción

os versos e o poema
entrelazadas palabras

os cabelos e a trenza
entrelazados versos
as palabras e o poema

os fíos e a corda
entrelazadas palabras
sumando as súas forzas

as ondas na praia
entrelazando escumas
salgadas palabras

palabras entrelazadas
os versos os poemas
envolventes as palabras

 

Na rede:

Caderno do autor
Entrevista en “Audiolivre”

 

Poemas:

naufrago

a canción que tarareo
penso que che gostaría
mais non lembro que será
nen podo coa melodía
os meus pasos nada avanzan
o meu mundo é unha rutina

tardei en recoñecer
a calada despedida
que me deixou sen poemas
para os teus debuxos lilas
entre nos algúns silencios
pero nengunha mentira

veu vintecinco de abril
con grândola por consigna
como faltou como falta
a túa mínima risa
no café segue agardando
no rincón a túa silla

de ti que será de ti
pintarás aves mariñas
lilas que serán violetas
i eu naufrago nestes días
xa non son nen insubmiso
absolveume a inxustiza

mais da farsa non me queixo
arrastroume a policia
do meu breve manifesto
so puiden ler oito rimas
e nel tiven a licencia
de xogar coas túas rimas

 

 

caracolas para ana
           elexía

que sexa longa a travesía
entrar no solpor e na noite
pintar de violetas cabo home
e todos os faros da ría

vai a dorna pedindo esmola
e consegues cumprir con ela
outono vaise a compostela
con tres insubmisas gaivotas

por fin regresou beta estrela
inzando todo de respostas
e seguen moldeando as rochas
os teus soños e as namoreiras

facer pancartas no mencer
cos últimos raios da lúa
subilas até pena escura
e xa pode o mundo chover

tanto e tanto por descobrir
compartir o porque das ondas
a golfiños e caracolas
ler os versos do vis a vis

10-98

 

 

mar e man

a beira do mar
nos peiraos e rochas de camelle
pintabas series de circulos
unha e outra vez
cara un lado
os circulos ian medrando
cara a outra beira
o circulo desaparecia

dixeronme que desapareceche
cando chegou o chapapote
pero sinto que non paras de medrar

redondo redondo é o círculo
rotundo retundamente físico
o circulo fainos parte do cósmico
e do cósmico construímos o mítico
e todo todo nace do círculo do man

7-2003

 

 

os sons da memoria     

cando a muller
dos pais das nubes fala
é como se contara
unha historia

cada palabra
cada pausa cada frase
cada cambio de ritmo
van agarrando
máis e máis vida

 

 

como está tu corasón
   saúdo tzotzil

a miña viseira portuguesa
andará agora por chiapas
a viseira do mercado de oaxaca
penso que se foi á serra zapoteca
a cachucha do colectivo
deixeina na serra ayuuk pues
o meu corazón
repartido entre esas montañas

 

 

a milpa e o paliacate

nunha comunidade da serra
ou foi na selva ou nunha pobre barriada
onde xogaban unha chamaca e un chamaco
ao seu xogo nunha vida feliz e precaria
ela levaba dúas longas trenzas
i el o pelo mui curto levaba
a trencita faltabanlle dous dentes
e o moreno tiña un pequeno corte na cara

a chiquita falaba mui rapido
e o cativo sorrindo case non falaba
a meniña levaba un vestido de flores
e o chamaco un roto pantalón de pana
eles estaban aprendendo castila
i eu unhas palabras da súa fala

cantos nomes ten ela e cantos ten él
na comunidade ficaron
cos seus dragonciños de papel
a súa lembranza acompañame
a ela chamareille milpa
chamolle a el paliacate

 

 

o voo da chiquita

no parque desde a miña mesa
fagolle señas a unha chamaca
o animaliño de papel
as súas azas axita
i ela achegase e agarrao

-es una paloma
-i que le vas a dar de comer ?

a nena encolle os ombreiros
e a súa nai dille
-que le das a los pajaritos ?
-alpiste
-i que le vas a dar de beber  ?
dígolle eu
-leche
-mira que bien

a chiquita vai cara a cociñeira
e tirando pola cola da súa pomba
volve e saudamonos coas mans

-i como te llamas chiquita
-alondra
-i tu también vuelas ?
-nooo

si que voas chiquita
digo para min

xochimilco 1-2010

 

 

perdendo a memoria

vella chocha vello tolo
volvense coma nenos pequenos
podemos oir decir dalgúns maiores
e tamén podemos decilo nós mesmos

mamá está perdendo
un pouco a memoria
do que fixo antes do xantar
do que lle dixemos hai unha hora
ás veces non se lembra ben do xogo
esquece onde deixou as cousas

pouco a pouco paseniño
mamá está perdendo a memoria
ás veces solta ese picaro sorriso
outras veces ponse nerviosa
necesita comprensión e mimos

a idade a xenética e quen sabe que
mamá perdendo un pouco a memoria
pero lembra ben cousas do pasado
reviveas e comparteas con intensidade
seica estas son cousas das neuronas

10-2011

 

 

de ollos e soños

como respiras amiga
de que cor son os teus ollos
que canción ti tarareas
desde que mes ti me escoitas
que naufraxio nos teus soños
que vas queimar na fogueira

que novela estás a ler
en que lúa ti camiñas
que tararean os teus ollos
que infusión agora tomas
que vas queimar na asamblea
de que cor son os teus soños

o gosto da túa lingua
o tacto dos teus beizos
o gosto da túa memoria
o tacto das túas palabras

un bico e unha aperta

 

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”

Manuel Pereira Valcárcel

 

 

 

 

 

 

Nomeado por:
Rafa Yáñez

Nomea a:
Begoña Regueiro Salgado

Bio-bibliografía:
Naceu en Ouzande-A Estrada en 1955.
Reside en Madrid onde traballa de mestre.
Nesta cidade, forma parte do grupo poético Bilbao, fundado en 1996.
LIBROS INDIVIDUAIS:
Poesía:

  • Poemas de cinza: edición do autor, Madrid, 1990.
  • Todo morte: Edicións Río Xuvia, Neda-A Coruña, 1998, reeditado en 2006 por Ediciós do Castro, Sada-A Coruña.
  • Rosa íntima: Espiral Maior, A Coruña, 2000.
  • Inventario de fragmentos: Libros da Frouma-Librería Follas Novas, Santiago de Compostela, 2001. Premio Rosalía de Castro, na modalidade de galego, da Casa de Galicia en Córdoba
  • Libro das viaxes: Litoral das Rías, Pontevedra, 2003.
  • Tatuaxes: Editorial Follas Novas, Santiago 2011.
  • Interior con froiteiro e feridas/Interior con frutero y heridas: Aqua, Zaragoza 2012.

Prosa:

  • Traxectos curtos: TresCTres, Santa Comba, 2005.
  • Días do final: Galaxia, Vigo, 2007.
  • Malas cartas: Biblos, Cesuras 2010.

LIBROS COLECTIVOS:
Poesía:

  • Coordinou, xunto con Vicente Araguas, a edición de En tránsito. Poesía galega en Madrid (Ediciós do Castro, O Castro-Sada, 2001).
  • Intifada: Fundación Araguaney, Santiago, 1989 e 2003.
  • Homenaxe a Miguel González Garcés: Deputación da Coruña, 1991.
  • XII Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1994.
  • XIII Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1995.
  • XIV Ruta Cicloturística del Románico: Fundación Rutas de Románico, Pontevedra,1996.
  • Comercial: Río Xuvia Edicións, Neda-A Coruña, 1998.
  • Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa: vtp, Madrid, 2000.
  • 47 poetas de hoxe cantan a  Curros Enríquez: Xerais, Vigo, 2001.
  • O trazo aberto: Deputación de Pontevedra, 2002.
  • 25 anos de poesía galega II: edición de Luciano Rodríguez, Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, A Coruña, 2002.
  • Poesía Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes Montes: Edicións Fervenza, A Estrada, 2005.
  • Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte: edición de Xesús Alonso Montero, Pen Clube de Galicia, Santiago de Compostela, 2006.
  • Pontevedra Literaria: Concello de Pontevedra, 2007.
  • A Coruña á luz das letras: editorial Trifolium, Iñás-Oleiros –A Coruña, 2008.
  • Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid: edición de Xavier Frías. Editorial El Taller del Poeta, Pontevedra, 2010.
  • Dairas: Edición IES García Barros, A Estrada, 2011.
  • A cidade na poesía galega do século XXI: edición de Gonzalo Vázquez. Editorial Toxosoutos, Noia, 2011.
  • Suave e preciso. Catálogo de Manuel Patinha: Deputación de Ourense, 2012.
  • Bilbao: Edición de Xavier Frías e Luis Luna. Editorial Amargord, Madrid, 2012.
  • Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega. Apuntes para no disolverse en la común semilla del tiempo: Edición de Antonino Nieto Rodríguez. Editorial Endymión, Madrid, 2012.

Prosa:

  • Día de inverno: gañou a novena edición do premio de relatos Casa de Galicia en León, 1992.
  • Sobremesa: accésit no concurso Modesto R. Figueiredo, 1999. Ed. do Castro, 2001.
  • Día de praia: mención no concurso Modesto R. Figueiredo, 1999. Ed. do Castro, 2004.
  • Narrativa Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes: Edicións Fervenza, A Estrada, 2005,
  • Cincenta: relato dentro do libro E Madrid foi unha praia de baleas entre néboas: grupo Bilbao. Editorial La Fábrica de Libros, Asturias, 2011.

Poética:
110
Escribir para gardar os recordos, e
que o tempo non leve máis que o seu.

(De Inventario de fragmentos, 2001)

Na rede:
O autor na “Galipedia”
O autor na “AELG”
O autor en “BVG”
O autor no “Caderno da crítica”
O “facebook” do autor
Máis do autor

Poemas:

Illa,
cercada polas ondas,
arrolada polo vento,
habitada polo misterio,
circundada pola xerfa.

Ti, illa sempre
das miñas noites sen sosego.

 (De Poemas de cinza, 1990)

o tempo é unha árbore
da que caen os días
cunha obsesión outonal

a vida, o tempo
poboado de paxaros

a morte é a árbore seca
da vida onde
aniñan paxaros mortos

(De Todo morte, 2006)

Ti e mais eu
Silencio
Diante nosa unha tarde de mar
Un vento salgado
acariciando os nosos rostros
Nos ollos a sombra dalgún recordo
e unha quietude verde
azul                       gris
E o desexo de amarnos
sempre
como nesta tarde de mar

(De Rosa íntima, 2000)

ÁMOTE
Con toda a razón.
Sen lendas nin fanatismos,
sen labirintos nin enxovais,
sen coiraza.

Coas mans,
coa risa e a señardade,
con raíces e dúbidas.
Con toda a razón.

(De Tatuaxes, 2011)

É verdade que non chegamos tan lonxe
como as nosas aspiracións.
É verdade que o tempo vai moi á présa.
É verdade que é difícil atopar a senda que non mente.
É verdade que non se regala a alegría.
Pero o destino non está escrito.
Nin son débiles as flores.
Nin os soños fume.
Nin o fracaso alleo aos heroes.

(De Interior con froiteiro e feridas, 2012)

Vídeo, son, imaxes, +:

O autor no “YouTube”