Xavier Queipo

 

Nomeado por:

Eduardo Estévez

 

Nomea a:

Xosé María Álvarez Cáccamo

Antón Lopo

Antón Reixa

Manuel Outeriño

Gonzalo Navaza

Fátima Rodríguez

Marga do Val

Yolanda Castaño

Miro Villar

Chus Pato

As preferencias poden mudar como muda o vento e se cadra poderían ser os nomes distintos noutra xeira da miña vida, mais agora é Febreiro, o meu mes máis nostálxico.

 

Bio-bibliografía:

Licenciado en Bioloxía (1979) e Medicina e Cirurxía (1982) pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1989 vive e traballa en Bruxelas. Colaborou no portal web Vieiros, na Revista das Letras e no semanario Nosa Terra, e, na actualidade, nas revistas Grial, Galegos. Colabora co Proxecto Dioivo. Mantivo unha columna de opinión semanal no programa da Radio Galega Diario cultural, entre setembro 2005 e setembro 2007 En 2011 gañou o Premio Xerais coa novela Extramunde. En 2012 obtivo o Premio Xosé María ÁLvarez  Blázquez, da Asociación Galega de Editores como escritor galego máis destacado de 2011.

 

Obra

Narrativa

■      Ártico e outros mares (1990, Positivas. 2ª edición ampliada: 2011, Galaxia, como Ártico 2.0). Traducido ao portugués como Ártico (1998, Felício e Cabral, Porto) e (2009, Livros do dia, Torres Vedras).

■      Diarios dun nómada (1993, Positivas).

■      Ringside, contos (1993, Sotelo Blanco).

■      Contornos (1995, Xerais). Traducido ao francés como Chroniques animalières, notes de philosophie naturelle (2011, Les Hauts-Fonds éditions, Brest).

■      Mundiños, microfichas (1996, Xerais).

■      O paso do noroeste (1996, Sotelo Blanco). Traducido ao castelán como Las aventuras del capitán Duchesnoy (2008, Ézaro).

■      Manual de instruccións, relatos breves (1999, Xerais).

■      Malaria sentimental, novela (1999, Sotelo Blanco). Traducido ao castelán como Malaria sentimental (2009, Edicións Brinte, Santiago).

■      Papaventos (2001, Xerais, en 2002 publicado en La Voz de Galicia). Traducido ao portugués como Bebendo o mar (2003, Deriva editores).

■      O ladrón de esperma (2001, Xerais). Traducido ao castelán en como El ladrón de esperma (2010, Meubook).

■      Os ciclos do bambú (2004, Galaxia). Traducido ao portugués como Os ciclos do bambu (2005, Deriva editores).

■      Dragona (2007, Xerais). Traducido ao portugués (2008, Deriva editores).

■      Extramunde (2011, Xerais).

 

Poesía

■      Nos dominios de Leviatán (2001, Deputación de Pontevedra).

■      Glosarios (2004, Espiral Maior).

■      Pegadas (2006, Concello de Santiago).

 

Literatura infanto-xuvenil

■      O espello e o dragón (2005, Xerais).

■      Saladina (2007, Galaxia).

■      A illa dos cangrexos violinistas (2009, Oqo Editora). Traducido ao castelán como La isla de los cangrejos violinistas (2009, Oqo), ao francés como L’île aux crabes violonistes (2011, Oqo), ao portugués como A ilha dos caranguejos violinistas (2011, Oqo), e ao italiano como L’isole dei granchi violinisti (2011, Logos).

 

Ensaio

■      Olladas oceánicas na arte contemporánea (2003).

■      Caderno da Revolución Cultural (2007, Laiovento).

■      Felices e diferentes (2009, Laiovento).

■      Cartas marcadas (2010, Galaxia).

 

Obras colectivas

  • Pantasmas de Compostela: Territorio das Marías, en As Marías (1994, 2007, Consorcio de Santiago de Compostela).
  • O xardín das ideas circulares, en Berra liberdade (1996, Galaxia).
  • Nove metraxes, en Narradores de cine (1996, Xerais).
  • A casa da tinta, en Unha liña no ceo (1996, Xerais).
  • Instruccións para non ter unha leira na cabeza, en Galicia a través do espello, (1998, Compostelán)
  • Poesía no autobús, en Mini-relatos (1999, Libraría Cartabón).
  • Anacario de momentos menos álxidos, en xeración A (2001, El Correo Gallego)
  • A illa dos lemures, en Materia prima (2002, Xerais).
  • Coincidencias en Rosa, en Na radio. 56 historias no ar (2003, Xerais).
  • Arenga acuática, en No País de Nunca Máis (Galaxia, 2003)
  • Dimisión, en Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003, Espiral Maior).
  • Augamares negras, en Sempremar, cultura contra a burla negra (2003, Asociación cultural Benito Soto)
  • O escriba, en Uxío Novoneyra. A emoción da Terra (2006, Asociación de Escritores en Lingua Galega).
  • Biblioteca, en Escrita Contemporánea, Homenaxe a Ánxel Casal (2005, AELG).
  • O terremoto de Amboina, en Poetas e narradores nas súas voces (Vol. II) (2006, Consello da Cultura Galega).
  • Preguntas para lle facer en alta voz a Federico García, irmán, en Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006, Pen Clud de Galicia)
  • Nenez/Kindheit, en 20 Gedichte aus Galicien (2007, Espiral Maior e Xunta de Galicia).
  • Rutinas na cela 43, en Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (2008, Xerais).
  • Château saignant and The Lahu settlement, en From the beginning of the sea (De onde comeza o mar) (2008, Foreign Demand).
  • Onde o mundo se chama Terranova (2008, Museodo Mar de Galicia).
  • Poetes gallecs d’avui: antologia (2008, Llibres del Segle, Girona).
  • Entremiradas II Galicia-Cuba (2009, Xunta de Galicia).
  • Deconstruíndo Rosalía, en Poetas con Rosalía IV (2009, Fundación Rosalía de Castro)
  • Caligrafías/ Kalligrafien, en Hotel Vermar (2009). Antoloxía bilingüe portugués-alemán.
  • De europese grondwet in verzen (2009, Passaporta, Bruxelas e Antwerpen). Hai traduccións ao francés, La constitution européenne en vers, e ao inglés, The European Constitution in verse, as dúas en 2009, Passaporta. Finalista do Prix du Livre Européenne 2009.
  • Árbore de atúns, en Neuston, experimento 1, explorando a interface (2009, Consello Superior de Investigacións científicas)
  • Château saignant (fragmento), en Breogan’s lighthouse, a bilingual anthology of Galician Literature (2010, Francis Boutle Publishers). Edición bilingüe galego-inglés.
  • A caixa dos tesouros, en Verdades de plastilina (2010, Xunta de Galicia, colección Lagarto Pintado).
  • A escrita dos escaravellos, en Ciencia e Humanidades: Dúas culturas en colisión? (2011, Consello da Cultura Galega)
  • Labirintos eléctricos, en Hurray for delay! (2011, Brussels poetry collective e Passaporta, Bruxelas).
  • Poetas d’Orfeu (2011, Orfeu, Bruxelas).
  • Usa a tinta negra coma se fose ouro, en Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro (2011, AELG), libro electrónico.

 

Traducións

■      O meu criado e mais eu. Citomegalovirus, de Hervé Guibert (1998, Xerais). Con Santiago G. Lopo.

■      Aviaxe de Baldassare de Amin Maalouf (2000, Xerais). Con María Dolores Torres París.

■      Tifón de Joseph Conrad (2003, Sotelo Blanco).

 

Performances

■      Unha noite con Carpentier, textos de Alejo Carpentier e Xavier Queipo e música de dj MisterChoco  (2000, Pontevedra e 2004, Vigo).

■      Zennescènes, organizado por het beschrij e Entrez Lire. Textos de Xavier Deutsch, Paul Boagaert, Xavier Queipo, Layla Nabulsi e Yves Petry, video de Walter Verdin (2007, Libraría Passaporta, Bruxelas).

■      Maratón Kafka (2008, Libraría Passaporta, Bruxelas).

■      The European Constitution in verse, música coral Polyfollies, textos de varios autores (2009, Teatro Flagey, Bruxelas).

■      Maratón Hugo Claus (2009, Libraría Passaporta, Bruxelas).

■      Street Art Performance, Colectivo Río Lagares. Imaxes de Cé Tomé, textos de Xavier Queipo e música de dj MisterChoco (2009, Festival Intraliteratuur, Bruxelas).

■      La Constitution eureopéenne en vers, Brussels Poetry Collective (2010, Teatre Varia, Bruxelas).

■      The European Constitution in verse, teatro KVS, música coral Polyfollies, textos de varios autores (2010, Bruxelas).

■      The European Constitution in verse, dialogues, Brussels Poetry Collectif (2011, Theatre Royale de la Monnaie, Bruxelas).

■      Hurray for Delay!, Poesía no tren (2011, Festival Passaporta, Bruxelas).

■      O embigo do mundo, colectivo Río Lagares. Imaxes de Cé Tomé, textos de Xavier Queipo e música de dj MisterChoco (outubro de 2011, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela, e Museo do Mar de Galicia, Vigo).

■      Gran Cru Bruxelles (dúo poético coa poeta turca Kader Sevinc), Palais de Beaux Arts, Bruxelles,  2012

 

Colaboración con outros artistas

■      Álbum Esbirros, debuxos de Isaac Pérez Vicente e textos de Xavier Queipo (1994, Vigo).

■      Guión de Casa tomada, en colaboración con Carlos Santiago, para o conxunto de videos Hai que botalos (2005, Santiago).

■      Álbum de fotografía Sealed: caso pechado, de Cé Tomé, con textos de Xavier Alcalá, Xabier P.  Do Campo e Xavier Queipo, edición en galego e inglés (2008, Editorial Brinte, Santiago).

■      Textos para as instalacións de Eric Adam, Eric in a Fake Empire (2010, La Raffinerie, Bruxelas).

■      Letrista para o grupo Ialma, no seu disco Simbiose (2011, Bruxelas).

 

Premios

Premio da Crítica española no 1990, por Ártico e outros mares.

Premio García Barros no 1996, por O paso do noroeste.

Premio Café Dublín no 2000, por O ladrón de esperma.

Finalista do Prix du Livre Européenne 2009 (modalidade ensaio), polo traballo colectivo De europese grondwet in verzen

Premio Xerais no 2011, por Extramunde.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez, da Asociación Galega de Editores ao escritor galego máis destacado en 2011, pola súa traxectoria, Marzo 2012

 

Ligazóns externas

■      webdeXavierQueipo

■      Fichadoautornabvg

■      Fichadoautor na AELG

■      PáxinadoautorenXerais

■      PáxinadoautorenPrazadasLetras

■      Web da libraría internacional Passaporta

■      Web do BrusselsPoetryCollectif

 

Na rede:

Páxina web do autor

Facebook do autor

 

Poética:

  • Confeso que escribín mil noites e mais unha de razón ausente.
  • Confeso que tomei se cadra o camiño errado, tantas veces como alborexares tivo a miña vida.
  • Confeso que sufrín carencias como mundos, naufragando nun remuíño de augas avoltas.
  • Confeso, tamén, para o meu padecer sen límite, que na escrita atopei refuxio e paixón sen medida.
  • Confeso resignado que o meu canto foi silenciado, coas armas que o inimigo manexa con especial coidado, mais fun medrando afouto cal hedra que galga nos valados.
  • Confeso que son o produto do que escribo, dos labirintos que fun recorrendo no escuro.
  • Confeso que sinto o engado da noite, a repulsión brutal na chegada do día, a brétema fugaz que todo envolve e desfigura.
  • Confeso imperfecto que nacín nun mundo extraño, que medrei devagar, que sigo a descubrir esencias.
  • Confeso a miña ignoracia que medra exponencial e cada día transito na fronteira onde comeza e remata a poesía.
  • Confeso, na fin, que son nado da tinta do choco, que aprendín trazar caligramas con cálamos acuáticos.

 

Poemas:

1 POEMAS PARA OS MORTOS NA RÚA

 

OLLOS DE PEDRA

(Para Patrice, vagabundo, morto de cancro)

De pedra son os ollos que te miran

De pedra a lousa lambida polo orballo,

pola chuvia, polo vento e a xeada.

De pedra ese instante infindo,

cando o mal prendeu nas túas entrañas.

De pedra as olladas que pasan sen mirar.

De pedra as noites ao relente.

De pedra o nó na gorxa, no estómago e nas vísceras,

cando os ollos fríos do doutor anunciaron certeiros

a estrela de cinza que medraba no teu corpo.

De pedra son os ollos cos que agardas,

A chegada dunha outra alborada,

abrindo luz entre as físgoas negras,

dun sol que te deu conforto e acubillo.

De pedra serás para sempre,

da mesma que tantas veces foi leito inxusto e frío.

 

FRÍO

(Para Ougfa Elhassan, vagabundo, morto de frío)

 

Frío o ceo que te ollaba dende o alto

Fría a choupana onde deixabas caer os ósos

logo de longas e demoradas travesías

por un mundo líquido inzado de pantasmas.

Frío o inverno que chegou sen avisar,

as olladas que non responderon,

cando nin forzas quedaban para pedir esmola.

Frío o instante ruín, cando o xeo da sen razón

atravesou o teu cerebro frío,

para te dar o pulo derradeiro,

abríndote á luz que todo invade

Que Alá, Señor da Luz, teña piedade de ti,

dándote calor, e resgardo e manto,

para que non existan noites frías,

de olladas e corazóns puídos polo xeo.

 

 

2 HAIKUS DO VERÁN DE VIGO

 

I

Logo da chuvia

As árbores respiran

Brétemas doces

 

II

Lúa de verán

Abrindo ronseis de prata

Nas ondas do mar

 

III

Areas brancas

Lambidas polas ondas

Corpos espidos!

 

IV

Solpor amábel

Sardiñas na grella

Tarde de verán!

 

 

3 UNHA GRANDE DESCUBERTA EXISTENCIAL

 

Traballadas polo vento, polas pingas d’ auga

chegadas do ceo e do mar salgado,

dunha chuvia fecheira, omnipresente,

as pedras viven unha modificación constante :

medran, minguan, mudan,

estoupan en minúsculos fragmentos.

 

Hai eóns de tempo foron fluído magmático,

ríos de lava fría, espellos de obsidiana,

precipitando en deseños de cores magníficos,

cristalizando en particulas coloidais,

facendo do brando duro, en alquimia perfecta.

 

Pedra sobre pedra, como castelo encantado.

O Pindo, querido gonfalón de rocha dura,

foi un día materia en suspensión,

baluarte sagrado de guerreiros afoutos,

refuxio de aves preeiras e cabras aristotélicas,

de andares pausados e ruminar constante;

campo de orquídeas e flores de coral,

fondo mariño e seixos de cristal,

camposanto de fuxidos e caracois ancestrais

guía de mariños ventureiros e de toda a xente do mar.

 

O día que me aprenderan que as pedras teñen vida

foi unha grande descuberta existencial :

O Pindo era vida en suspensión!

 

 

4 AS LEIS DO CAOS: FLUXO E MUTABILIDADE

 

A Ilya Prigogine

 

INESTABILIDADE. Pequenas modificacións amplifican o fenómeno colectivo da amalgama de culturas múltiples. A seta do tempo e a negación da permanencia. Fuga na bifurcación, na desorde dun universo entrópico. Disipación no non-equilibrio. Catástrofe na ruptura da simetría, da orde, da estructura equilibrada e cristaliña. Certeza do tránsito futuro. Alometría.

 

INCERTEZA (NO TRÁNSITO). Escolla e risco. Oportunidade na crise. Modificacións instantáneas da relación coa natureza e co tempo na sucesión de bifurcacións e fugas. Colisións e encontros de azar xenerando nubes de equilibrio magrittián. Verdade contra ilusión. Brillar ou extinguirse.

 

IRREVERSIBILIDADE (NO TEMPO). Dimensión existencial no rol constructivo do tempo. Condea da morte térmica. Irreversibilidade ficticia no eterno retorno das estacións, das xeracións, do frío. Tendencia clinal. Fluxo e mutabilidade. Irreversibilidade= ignorancia.

 

Corolario: A seta do tempo xenera estructuras disipativas, turbións de desorde, magmas en non-equlibrio. Fragmentación fulcral de xeometría variábel. Só o tempo na súa náusea infinita, na súa cachaza sen límites, pode ordear a desorde.

Yolanda Castaño

 

 

 

 

 

 

 

Nomeada por:

Marta Dacosta
Manuel Darriba
Xavier Queipo
María Reimóndez Meilán
Isaac Xubín

Nomea a:

Pilar Pallarés
Olga Novo
Chus Pato
Emma Couceiro
María Lado
Lucía Aldao
Lupe Gómez
Xabier Cordal
Estevo Creus
Marta Dacosta

Bio-bibliografía:

YOLANDA CASTAÑO (Santiago de Compostela, 1977) é principalmente poeta e unha activa dinamizadora cultural. Trasladada á Coruña no ano 90, licenciouse en Filoloxía e realizou estudos audiovisuais. Actualmente dirixe, en dita cidade e dende 2009, POETAS DI(N)VERSOS (Premio da Crítica – Galicia á mellor Iniciativa Cultural 2014), un ciclo de recitais mensuais con poetas galegos/as e internacionais; mais tamén o Festival de Poesía PONTEPOÉTICA que se celebra anualmente en Pontevedra, e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética que o fai cada outono na illa de San Simón. Ademais diso, imparte obradoiros literarios, recitais, videopoesía e mostras da súa obra dentro e fóra do país (Portugal, Bélxica, EE.UU., Arxentina, Perú, Polonia, Lituania, Italia, Eslovenia, Nicaragua, Macedonia, Colombia, Irlanda, Alemaña, Croacia, Venezuela, Austria, Turquía, Francia, Tunisia, Reino Unido, Finlandia, Kosovo, Romanía, Armenia, China ou Xapón).

Ademais doutros proxectos en medios de comunicación e televisións galegas (Premio Mestre Mateo Mellor Comunicador/a de TV 2005), durante 5 anos e medio co-presentou un concurso cultural diario na TVG e publicou 3 columnas semanais en distintas cabeceiras da prensa do país. Foi responsable de mostras poéticas colectivas, de traduccións de poesía internacional e de edicións literarias. A súa obra apareceu representada en multitude de revistas nacionais e estranxeiras, libros colectivos e antoloxías tanto galegas como estatais, así coma en numerosos festivais de toda Europa e América, téndose traducido en parte ao catalán, euskera, inglés, alemán, macedonio, italiano, árabe, chinés, armenio, albanés, lituano, xaponés, maltés, ruso, esloveno, finés ou polaco.

III Premio Fermín Bouza Brey, II Premio Xohán Carballeira, Premio da Crítica Española 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009 (ao mellor poemario publicado en España por un autor/a mozo/a) ou Premio Novacaixagalicia de Poesía entre outros, Yolanda Castaño conta ata a data con seis poemarios individuais (entre os que salientan Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoísta, Profundidade de Campo e A Segunda Lingua), edicións bilingües (galego-castelán) das mesmas en Visor Libros para España e Latinoamérica, un par de compilacións ou escolmas persoais, algunas plaquettes publicadas fóra de Galicia e catro libros de poesía infantil (algún deles traducido tamén ao castelán e catalán) ademáis de obras asinadas como editora e tradutora.

Interesada na fusión da poesía con outras linguaxes creativas, desenvolve experiencias que a vencellan á plástica, a música, a performace, a danza, a arquitectura, o audiovisual ou mesmo a gastronomía, xa sexa en solitario, en colaboración con outros artistas ou xunta o grupo interdisciplinar Tender a man. Foi distinguida con tres bolsas internacionais de creación en residencia: en 2011 no IWTCR de Rodas (Grecia) e na Villa Waldberta (Múnich), e no 2014 no Home of International Poets de Beijing (China).

Obra individual publicada (adultos):
– “Elevar as pálpebras“, Espiral Maior, 1995. Premio Fermín Bouza Brey (publicado cando tiña só 17 anos).
– “Delicia“, Espiral M., 1998 (2ª edición no 2006, na colección Poeta en Compostela do Grupo Correo Gallego)
– “Vivimos no ciclo das Erofanías“, Espiral Maior, 1998. Premio Johán Carballeira e Premio da Crítica Española.
– “Vivimos en el ciclo de las Erofanías“, Huerga & Fierro, 2000. (edición bilingüe)
– “Edénica“, Espiral Maior, 2000. (antoloxía persoal + CD no que a autora canta versións musicadas dos seus poemas)
– “O libro da egoísta”,  Galaxia, 2003, (2ª edición: 2004)
– “Libro de la egoísta”, (Ed. bilingüe) Visor, 2006
– “Profundidade de campo”, Espiral Maior, 2007 (XV Premio “Espiral Maior”).
– “Profundidad de campo”, (Ed. bilingüe) Visor, 2009. Premio Ojo Crítico de RNE.
– Erofanía. Triloxía Poética (1995-1998), 2009, Espiral Maior, A Coruña. (Compilación dos 3 primeiros títulos da autora).
– A Segunda Lingua 2014, Arte de Trobar, Santiago de Compostela. (Premio Fundación Novacaixagalicia).
– La segunda lengua, 2014, Visor, Madrid. (Ed. bilingüe galego-castelán).

Obra individual de poesía para nenos/as:

– Coller as rendas, 2015, Xerais, Vigo.
– Verdedades, 2012, Biblos, Betanzos.
– Punano, 2010, Takatuka, Barcelona. (Tradución ao castelán de “Punver”).
– En Cunki, 2010, Takatuka, Barcelona. (Tradución ao catalán de “Punver”).
– Cando eu saiba ler, 2009, Galaxia, Vigo.
– Punver de volta, 2009, Galaxia, Vigo.
– Punver 2006, Galaxia, Vigo.

Traducións:

– La region negra, 2014, Valparaíso, Granada. (Primeiro libro do poeta croata Marko Pogačar co-traducido ao castelán por Yolanda Castaño e Pau Sanchis).
– Lo que dijimos nos persigue, 2013, Pre-Textos, Valencia. (Primeiro libro do poeta macedonio Nikola Madzirov co-traducido ao castelán por Yolanda Castaño e Marija Petrovska).
– Con barqueira e remador, Cíes – Deputación de Pontevedra, 2013. (Inclúe textos poéticos de poeta croata Marko Pogačar, do esloveno Brane Mozetič, a islandesa Margrét Lóa Jónsdóttir, a finesa Merja Virolainen, o catalán Txema Martínez e o letón Sergej Timofejev para o galego).
– Babelia en galego, 2011, Cíes, Pontevedra, Spain. (Inclúe textos poéticos do poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto, da eslovena Veronika Dintinjana, do ruso Stanislav Lvovsky, da india Mamta Sagar, do maltés Antoine Cassar, e do chinés Xi Chuan para o galego).

Como editora dende o 2009:

– Pequenos encontros, as marcas deixadas, Espiral Maior, 2010. (Edición literaria da obra reunida do poeta galego emigrado en Venezuela Farruco Sesto).
– Cociñando ao Pé da Letra, Galaxia, 2011. (Escritores/as galegos/as a través da cociña, en colaboración coa fotógrafa Andrea Costas). 2ª edicion. Premio Gourmand CookBook Award ao mellor libro de fotografía culinaria do mundo en 2011. Edición de peto con 25.000 copias distribuída por Gadis.

Na rede:

Páxina web da autora
Canal de Yolanda Castaño TV

Poética:

“Coma un bosque de símbolos do que a miña ignorancia é significativa.
Poñer nome ao impronunciable.
Taxar a dose exacta
de memoria e esquezo.
O tacto, o privilexio, as
ganas de tirarse”.

 

Poemas:

POEMA DE OLGA E ELBA

 
Son eu a muller que agora ocupa esta casa
na que exististes, Olga, Elba,
dende que se abriron para min cos pés descalzos
os seus labios de actriz que non me aman.

A que non é miña,
nin me terá,
pero que ule a
oasis extramundo, labirinto de metafetiches, o escenario do que desexo, a
gruta da felicidade.

(O único que me tatuaría sería o olor desa casa na cara interna das miñas coxas).

E ¿qué sodes vós á vida miña? compañías presentes,
mulleres antigas e presentes,
dobres pálpitos de ser broslados na pel do que eu abrazo.

Somos tres e matino nas nosas figuracións idénticas, perfís
repetindo o perfil                        da súa milimétrica idea da beleza.
Deslumbrantemente admiradas
e repugnadas até a náusea.
Que o daría todo por ser por un minuto coma vós,
eu, que vos fun, tan abnegada e instintivamente.

Respira o rastro das caricias
vosas        no que eu toco,
aínda insubornable na madeira destes mobles,
nos frascos que aínda están, na vosa roupa.
Olga, Elba, abstractamente perfectas como mulleres anónimas,
intactas, coma o que non morrerá          nunca.
Aínda quente está a pegada dos vosos pés no que me acolle,
e na mesa que comparto con espectrais ausencias
alugo o voso espazo implacable con usura.
Que habería morrer por ser máis cás vosas cifras
ou desexo matar o voso nome a coiteladas.

Olga, Elba, mulleres pasadas e perpetuas,
e eu estupidamente filla vosa,
estupidamente irmá nunha xenealoxía interrogante.
Pantasmas divinas
e feroces
mentres durmo.

 

“El Cultural” (ABC) e “Casa da Gramática” (publicacións periódicas)

 

*                      *                      *

 

(RE)SER(VADO)

 

A

Unha navalla lenta é o proxecto da identidade.
Unha celebración anil o re-coñecemento.

Como deixei que todo isto me sobreviñera?
O meu propio soño marchou de min comigo
Non podo permitir que se me malinterprete unha vez máis
Por que me afectas?, por que me afectas aínda?
Unha absurda desposesión infranqueable.

Pero que eu estaría ben, que non cumpren coidados xa sabes que total eu
estaría ben, sempre ben, aínda que non se me entendese aínda
que perdese a saúde na miña mocidade.
Eu tamén pensaba que podería controlalo.
Por que me desesperas?, por que aínda me desesperas?.

Unha poza de notas sostidas,
un reiseñor mecánico é a tarde
Como tiven a coraxe de asumir a túa estratexia?
 

B

Cando deixo de ser flor,
molesto.

Pero o duro era ser, o
infatigablemente aciago.

Que eu contraese algunha seria doenza
favorecería grandemente á miña proxección literaria.

Como non teña traballo, marcho para Las Vegas.
Nos Estados Unidos son máis guapa que en ningún sitio.

Pero teño sido agre e pretensiosa,
teño sorrido por interese propia,
a axetreada capitalista sexy;
compensei polos meus días de impotencia.
Ser
é o difícil.
Cando falei só contemplaron os meus labios.

Se me tomo un descanso iso
farame irresponsable?
se son vulnerable
serei pisoteada?
se me fosen peor as cousas
quereriádesme máis?

Unha profusa navalla é o proxecto da identidade,
un reiseñor mecánico a tarde.
Tanto souvenir acabará con Notre Dame
Onde estabas cando te necesitei?

C

Hanayo compréndeme. Non sei
se talvez se me entendería mellor no Xapón.

Ó peixe débil             a corrente levarao a algún lugar seguro.
O peixe forte             estará só nun esforzo que se multiplica.

O doado
non é ser.

Non tería comprometido tanto
por medo a facer que ti me desprezases,
non tería sido tan autodestructiva,
non tería prescindido de necesidades,
non tería negado os meus empeños
se son guapa terei
menos posibilidades de estar soa?

D

Eu nada máis quería debuxar un amuleto
pero cando falei só contemplaron os meus labios.

Preguntarlle ós lirios, ás pantallas, ós papeis térmicos,
preguntarlle ós demais quen demos é que era eu.
Corrín o risco de perderme,     -a min, que fun todo canto tiven-
apoucada nena pálida do uniforme azul.

Faría da nosa casa o éxito un fracaso?

Privilexio da miseria é ter o seu lugar
Como non teña traballo, marcho para Las Vegas.
O volume de todas as miñas cifras incide nas esporas ás que me inclino.
Xúroche que non tería sometido tanto
por medo a non estar a aquela altura.
Se non quero         é que non quero?

Ó peixe débil           a corrente levarao a algún lugar seguro.
O peixe forte          estará só nun esforzo que se multiplica.
Misericordioso é o premio quero estar enferma
Onde estabas cando te necesitei?.

 

Profundidade de campo, (Espiral Maior, 2007)

 

*                      *                      *

 

HIGHWAY TO HEAVEN

I
Na autoestrada quedan marcas de curvas imposibles,
liñas vacilantes que acaban directas contra a mediana.

Como quedaría a miña beleza de espiga
tronzada e sangrante contra o cristal do parabrisas,
e cál sería o estado exacto dos meus peitos
que xa non caerían
nunca máis?

II

Cápsula de só.

Entre isto    e nada    un minúsculo movemento.
Un descoido, unha parva regandixa de azar e o
sonrosado peso dos meus
ósos contra a
cuneta.

Unha bolboreta de frío atravesa o paso,
os meus ollos quedan prendidos do seu salto e
teño sorte.

Un dous, un dous, un
dous.

III

Se neste preciso intre
cruzase polo meu carril o máis ínfimo malfado
e a miña moza fortuna saltase polos aires,
ninguén vería nada de
turbio ou sospeitoso
na rutilante beleza
do meu cadáver sobre o arcén.

IV

A autoestrada de noite parece un videoxogo.
O negror máis opaco non me trabuca.

Coma unha intermitencia,
a miña xuventude unha liña de cocaína que ás veces
se torce.

Detrás da miña órbita excítanse os volantes.

E acelero tan rápido
como a este verso se lle vai a vida.
 

Profundidade de campo, (2007)

 

*                      *                      *

 

A miña beleza sinala co dedo,
espella os meus cristais,
ofende.

A miña beleza que intimida,
que enerva sen falar,
que acovarda.

A miña beleza que prognostica,
que me eclipsa,
que me traizoa.

A que me vende barata,
a que amortiza os meus fallos,
que se me adianta.

A que levanta suspicacias,
a que disuade de min,
que desvirtúa.

A miña beleza que me somete,
faime criada de si,
a que me ata.

A miña beleza desvergoñada,
que te enfronta contra ti,
que me negocia.

A miña beleza que me deturpa,
que embaza os meus cristais,
a que me nega.

A miña beleza que manipulo,
que non outorga perdón,
a que me agacha.

Profundidade de campo, (2007)

 

*                      *                      *

 

HISTORIA DA TRANSFORMACIÓN

 

Foi primeiro un trastorno
unha lesiva abstinencia de nena eramos pobres e non tiña nin aquilo
raquítica de min depauperada antes de eu amargor carente unha
parábola de complexos unha síndrome unha pantasma
(Aciago a partes iguais botalo en falla ou lamentalo)
Arrecife de sombra que rompe os meus colares.
Foi primeiro unha branquia evasiva que
non me quixo facer feliz tocándome co seu sopro
son a cara máis común do patio do colexio
a faciana eslamiada que nada en nada sementa
telo ou non o tes renuncia afaite traga iso
corvos toldando nubes unha condena de frío eterno
unha paciente galerna unha privada privación
(nena de colexio de monxas que fun saen todas
anoréxicas ou lesbianas a
letra entra con sangue nos cóbados nas cabezas nas
conciencias ou nas conas).
Pechei os ollos e desexei con todas as miñas forzas
lograr dunha vez por todas converterme na que era.

Pero a beleza corrompe. A beleza corrompe.
Arrecife de sombra que gasta os meus colares.
Vence a madrugada e a gorxa contén un presaxio.
Pobre parviña!, obsesionácheste con cubrir con aspas en vez de
co seu contido.
Foi un lento e vertixinoso agromar de flores en inverno
Os ríos saltaban cara atrás e resolvíanse en fervenzas rosas
borboletas e caracois nacéronme nos cabelos
O sorriso dos meus peitos deu combustible aos aeroplanos
A beleza corrompe
A beleza corrompe
A tersura do meu ventre escoltaba á primavera
desbordaron as buguinas nas miñas mans tan miúdas
o meu afago máis alto beliscou o meu ventrículo
e xa non souben qué facer con tanta luz en tanta sombra.

Dixéronme: “a túa propia arma será o teu propio castigo”
cuspíronme na cara as miñas propias virtudes neste
club non admiten a rapazas cos beizos pintados de vermello
un maremoto sucio unha usura de perversión que
non pode ter que ver coa miña máscara de pestanas os
ratos subiron ao meu cuarto enluxaron os caixóns da roupa branca
litros de ferralla alcatrán axexo ás agachadas litros
de control litros de difamadores quilos de suspicacias levantadas
só coa tensión do arco das miñas cellas deberían maniatarte
adxudicarte unha estampa gris e borrarte os trazos con ácido
¿renunciar a ser eu para ser unha escritora?
demonizaron o esguío e lanzal do meu pescozo e o
xeito en que me nace o cabelo na parte baixa da caluga neste
club non admiten a rapazas tan ben adobiadas
Desconfiamos do estío
A beleza corrompe.
Mira ben se che compensa todo isto.

Profundidade de campo, (2007)

 

*                      *                      *

 

MAZÁS DO XARDÍN DE TOLSTOI

Eu,
que bordeei en automóbil as beiras do Neretva,
que rebañei en bicicleta as rúas húmidas de Copenhague.
Eu que medín cos meus brazos os buratos de Saraxevo,
que atravesei ao volante a fronteira de Eslovenia
e sobrevoei en avioneta a ría de Betanzos.
Eu que collín un ferry que arribase ás costas de Irlanda,
e á illa de Ometepe no Lago Cocibolca;
eu que non esquecerei aquela tenda en Budapest,
nin os campos de algodón na provincia de Tesalia,
nin unha noite nun hotel aos 17 anos en Niza.
A miña memoria vai mollar os pés á praia de Jurmala en Letonia
e na Sexta Avenida séntese coma na casa.
Eu,
que houben morrer unha vez viaxando nun taxi en Lima,
que atravesei o amarelo dos campos brillantes de Pakruojis
e crucei aquela mesma rúa que Margaret Mitchell en Atlanta.
Os meus pasos pisaron as areas rosadas de Elafonisi,
cruzaron unha esquina en Brooklyn, a ponte Carlos, Lavalle.
Eu que atravesei deserto para ir ata Essaouira,
que me deslicei en tirolina dende os cumios do Mombacho,
que non esquecerei a noite que durmín na rúa en Amsterdam,
nin o Mosteiro de Ostrog, nin as pedras de Meteora.
Eu que pronunciei un nome no medio dunha praza en Gante,
que unha vez suquei o Bósforo vestida de promesas,
que nunca volvín ser a mesma despois daquela tarde en Auschwitz.
Eu,
que conducín cara o leste até preto de Podgorica,
que percorrín en motoneve o glaciar de Vatnajökull,
eu que nunca me sentín tan soa coma na rue de Sant Denis,
que xamais probarei uvas coma as uvas de Corinto.
Eu, que un día recollín
mazás do xardín de Tolstoi,
quero voltar a casa:
o recanto
que prefiro
da Coruña

xusto en ti.

 

NOVOS POEMAS DE A “SEGUNDA LINGUA” ENGADIDOS EN XUÑO DE 2015

PAN DE CELEBRACIÓN. (IT’S AN UNFAIR WORLD)

O mundo é un hotel sen mostrador de recepción.
O don da elocuencia non é un ben comunitario.

Non se repartiron así nin os pans nin os peixes.
Por estribor a carne e por babor as espiñas.

Ides perder a cabeza e chóvenvos
sombreiros,
os ricos terán cartos os pobres terán fillos.

Eu sei dun pan que eu partiría en anacos
que fosen minúsculos e durase para os restos,
se unha faragulla pode ocuparlle a boca a alguén,
se pode saciar, se tal vez destrabala.

Coma botes salvavidas na gloria do Titanic,
soutos de peites para quen está
calvo.

Urbi et orbi da retórica: nin está nin se espera.
Calcétanse barbas para quen non ten queixelo.

Tocáronlle a algunhas bocas tres segundos de memoria.
E Deus ha dar ese pan
a alguén con ben menos dentes.

 

A VOZ DA ÉPOCA

Os croissants desta mañá
xa saben algo resesos.
Os xornais sobre a mesiña
son unha fame ventrílocua.

Quixera que a visión non fose
un acto irreversible,
que o noso sentido da historia se estendese
ata máis alá do almorzo.

Apearnos de cada playback,
coreografía das entrevistas.
Xa non verdades como puños, verdades como
mans abertas.

Os titulares teñen un gusto a conversa de ascensor,
o mundo, un gran programa de escritura preditiva.

A noticia lida con máis convencemento
é aquela sobre a que
pelo unha pataca.

Moita información está perdendo os papeis.

A verdade havos facer
escravos.

 

METROFOBIA

Ao fondo da paisaxe, a chuvia
esvaece as nubes cun borrón.
Esta folla de ruta milita na xograresca.

Xa teño gana de partir e o meu coche é un soldado.
Non vas oíndo chifrar o seu cargamento sensible?
As estradas comarcais parecen
cadernos pautados.
Gustaríame sucar os montes cun poema ao lombo
coma os viaxantes.
O meu coche é unha bala prateada con
ritmo en vez de pólvora, e eu dígolle: “Vamos!”.
Xuntos atravesamos vales, barrios de funcionarios,
as grandes explotacións eólicas
danme ganas de loitar contra os xigantes.
O meu coche mais eu entendémonos sen dicirnos nada.

Flores brancas do ibuprofeno,
o meu coche é un soldado
e eu dígolle “Vamos recitar poemas
a Monforte de Lemos!”,
e el
acompasa o seu motor ao meu rexistro,
repenica,
badalea
aínda que teña
metrofobia.

 

LISTEN AND REPEAT: un paxaro, unha barba.

Todo o ceo está en crequenas. Unha sede intransitiva.

Falar nunha lingua allea
parécese a poñer roupa prestada.

Helga confunde os significados de país e paisaxe.
(Que clase de persoa serías noutro idioma?)

Ti, fasme notar que, ás veces,
este meu instrumento de corda
vocal
desafina.

No patio de luces da linguaxe,
engánchame a prosodia
no vestido.

Contareiche algo sobre os meus problemas coa lingua:
hai cousas que non podo pronunciar.

Como cando te vexo sentado e só vexo
unha cadeira –
ceci n’est pas une chaise.
Unha cámara escura proxecta no hemisferio.

Pronunciar: se o poema é
un exorcismo, un cambio de agregación; algún humor
solidifica para abandonarnos.

Así é a fonación, a entalpía.

Pero tés toda a razón:
o meu vocalismo deixa
moito que desexar.

(Se deixo de mirar os teus dentes
non vou entender nada do que fales).

O ceo faise pequeno. Helga sorrí en cursiva.

E eu aprendo a diferenciar entre unha barba e un paxaro
máis alá de que levante o voo
se trato de collela
entre as mans.
Son e vídeo da autora:

Reservado

Tender a man